Un cambio de tendencia na que o contexto é, se cabe, aínda máis importante. O gromo da COVID-19 importado dende Mallorca e con orixe en viaxes estudantís de fin de curso, así como varios focos locais ligados a encontros en concellos como Chantada, Carnota ou Sarria -entre outros- están por tras dunha mudanza na que a curva da pandemia pasou de descendente a ascendente, pero nuns niveis que ata agora non son comparables, nin de lonxe, con outras vagas. Mostra disto é que, por exemplo, ata agora nin sequera se superan os niveis de incidencia acadados tras o leve ascenso posterior á Semana Santa.
O cambio de tendencia provoca que as incidencias acumuladas a 7 e 14 días abandonen a zona de risco baixo de transmisión na que Galicia lograra entrar hai apenas dúas semanas
Estes gromos fixeron empeorar os indicadores xerais de incidencia acumulada a 7 e 14 días para o conxunto do país, que con 31 e 51 casos novos por cada cen mil habitantes, respectivamente, abandonan a zona de risco baixo de transmisión na que Galicia lograra entrar hai apenas dúas semanas. Non obstante, unha ollada ao mapa de incidencia amosa que o empeoramento non é homoxéneo no territorio. Non en van, máis de 200 concellos non rexistraron caso ningún nos últimos sete días e máis de 170 levan catorce ou máis días sen ningún.
Na banda contraria está a trintena de municipios con dez ou máis casos nos últimos 14 días -hai apenas unha semana eran unha vintena-. Entre eles, as maiores incidencias acumuladas neste período destacan as de Castroverde, Portomarín, Carnota ou Vilarmaior. Sanidade analiza a situación xeral e posibles mudanzas nas restricións na reunión co comité clínico prevista para este martes.
O influxo do gromo importado de Mallorca é tamén claro nos datos de incidencia a 14 días nas sete principais cidades. Pontevedra, a máis afectada por este foco, triplicou amplamente este indicador en apenas unha semana e é xa, con 112 casos novos por cada cen mil habitantes, a cidade con maior incidencia acumulada en dúas semanas. No resto de cidades, só a curva de Vigo ascende con claridade, mentres que as restantes se manteñen estables ou mesmo baixan lixeiramente.
No indicador de incidencia máis inmediato por áreas sanitarias, o que reflicte os casos novos por cada cen mil habitantes a 7 días, tamén é obvio o efecto do gromo importado. A área de Pontevedra-O Salnés (con case 90 positivos deste gromo, cos seus correspondentes contactos) pasou de 12 a case 60 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días en apenas dez xornadas. As demais áreas sanitarias, Agás A Coruña-Cee e Ferrol, presentan tamén tendencias á alza neste indicador, pero moito máis moderadas. Así e todo, tampouco nesta variable se superan os valores posteriores á Semana Santa.
Todos estes indicadores (calculados en termos de días naturais) concrétanse nunha xornada na que o Sergas notificou a detección de 121 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. Nos últimos sete días completos, a media diaria de infeccións diagnosticadas é de dunhas 119. Hai unha semana eran algo menos de 80; trátase doutro indicador que empeora pero que segue por baixo dos niveis da repunta posterior á Semana Santa (195).
Menos presión hospitalaria, máis para a Primaria e o rastrexo
As persoas hospitalizadas representan arredor do 3,4% do total de casos activos, dous puntos menos que hai un mes e máis de tres puntos por baixo que hai dous meses
Nun contexto no que -atendendo aos datos máis recentes do Ministerio de Sanidade-, máis da metade dos novos casos da COVID-19 son de persoas que aínda non se incorporaron á vacinación masiva (os grupos máis mozos), nesta nova fase da pandemia os diferentes indicadores asistenciais amosan que, cando menos de momento, neste cambio de tendencia a maior presión non se traslada á asistencia hospitalaria. Desta volta, o incremento de peso chega primeiro, sobre todo, á Primaria e aos servizos de rastrexo de contactos.
Mostra disto é que as as 52 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 (dúas máis que unha semana antes, o primeiro incremento intersemanal dende hai un mes) representan apenas o 3,4% do total de casos que para o Sergas teñen a consideración de activos, un total de 1.579 no último dato ofrecido polo Sergas, datado nas seis da tarde do luns. Hai un mes eran o 4,55% e hai dous meses, o 6,8%.
Este indicador asistencial de casos activos tamén vén repuntando nos últimos días. Pero segue, así mesmo, por baixo dos niveis que deixou tras de si a Semana Santa.
A hospitalización de persoas coa COVID-19 continúa, daquela, nos seus niveis máis baixos en dez meses e o mesmo sucede coas cifras de mortalidade de persoas con test positivo do virus. O total incrementouse nas últimas xornadas cunha morte que, non obstante, é especialmente significativa pola idade da persoa falecida, un home de 47 anos que faleceu o 27 de xuño no hospital da Coruña. O total chega así a 2.436.