A principios de xaneiro deste 2021, no estourido da terceira vaga da pandemia, algo máis do 40% dos novos casos do coronavirus en Galicia eran de persoas maiores de 50 anos e practicamente tres de cada dez, de persoas de 60 ou máis anos. En torno a un 20% padecíanos persoas de 70 ou máis anos, que era tamén a poboación na que se concentraban a maior parte das mortes de persoas infectadas.
A poboación menor de 40 anos, cuxa vacinación comezará nos primeiros días de xullo, suma máis da metade dos novos casos do coronavirus rexistrados en Galicia mentres apenas o 5% son de maiores de 70
Medio ano despois, hai xa case dous meses que o groso da vacinación completa da poboación maior de 80 anos finalizou e a das persoas maiores de 70 está tamén moi avanzada. Entre ambos grupos apenas representan o 5% dos novos casos diagnosticados, segundo os datos do Instituto de Salud Carlos III, institución dependente dos Ministerios de Sanidade e Ciencia, que á súa vez os reciben das comunidades autónomas.
Paralelamente, os grupos que aínda non están incorporados á vacinación masiva veñen pesando cada vez máis nos novos casos. Como pode observarse no gráfico baixo estas liñas, a poboación menor de 40 anos (cuxa inmunización por parte do Sergas está previsto que comece nos primeiros días de xullo) concentra dende mediados de xuño máis da metade dos novos casos da COVID rexistrados en Galicia. O total de casos está representado graficamente en termos de porcentaxe, pero en cada día é posible consultar o dato absoluto. Cómpre ter en conta, ademais, que a última actualización desta serie só chega ata o 24 de xuño e tarda arredor dunha semana en estar completa.
Máis dun cento de casos en Galicia do gromo con orixe en Baleares
A provincia de Pontevedra concentra o groso dos casos vinculados ao foco con orixe nas viaxes estudantís en Mallorca, con 89 xa confirmados
A esta correlación entre casos novos e grupos de idade mozos, de persoas aínda non vacinadas, contribuirá nos vindeiros días a detección de casos ligados ao gromo da COVID-19 xerado en viaxes de fin de curso en Mallorca. Con datos actualizados este luns, ese foco suma en Galicia xa máis dun cento de casos confirmados, a maioría na provincia de Pontevedra con 89, 10 na provincia de Lugo e outros 3, na de Ourense, segundo confirma a Consellería de Sanidade.
Sinala tamén Sanidade que os servizos de rastrexo e Atención Primaria seguen pendentes da "evolución" dunhas 600 persoas en corentena por seren contactos directos destes estudantes, tanto das súas familias como mozas e mozos coas que tiveron contacto en "graduacións" ou "eventos deportivos", exemplifica o conselleiro, Julio García Comesaña.
Desa evolución e dos resultados das probas PCR ás que van ser sometidos outros 90 estudantes que chegarán en avión dende Mallorca dependerán, entre outras accións, a posibilidade de que se incrementen ou non as restricións xerais nas localidades máis afectadas. Así e todo, García Comesaña subliña que os resultados das probas aos estudantes están a amosar que, en termos epidemiolóxicos, o acontecido é polo momento "menos grave do esperado" e, á espera de debullar os datos definitivos, "son brotes que de momento non están no ámbito comunitario", senón que se reducen aos casos importados e os seus contactos directos, o que reduce o seu impacto epidemiolóxico xeral.
Cambio de tendencia, pero por baixo da Semana Santa
O gromo importado de Mallorca, sobre todo, e tamén algúns outros focos locais (como os detectados en reunións familiares e de amizades en localidades como Sarria ou Carnota) provocaron nos últimos días a inversión da tendencia dos principais indicadores epidemiolóxicos da COVID en Galicia, marcados pola estabilidade e mesmo por leves descensos dende hai semanas. En perspectiva, non obstante, esta repunta aínda mantén a media de casos detectados os principais datos de incidencia nos seus niveis máis baixos en dez meses e tamén por baixo do leve incremento posterior á pasada Semana Santa.
Así, como amosa o gráfico sobre estas liñas, este luns o Sergas notificou 123 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do luns. Cos datos do último día completo dipoñible (o sábado, 26), a media diaria de infeccións diagnosticadas nos últimos sete días rolda as 112. É un claro incremento a respecto de hai unha semana (78), pero aínda lonxe dos datos posteriores á Semana Santa e, máis aínda, de calquera rexistro de anteriores vagas.
A maior repunta, en Pontevedra
Como adoito, a Consellería de Sanidade resalta que nesta situación marcada polo brote importado de Mallorca seguirá tendo especial importancia o dato de incidencia acumulada a 7 días, por ser este un indicador especialmente relevante á hora de detectar incrementos repentinos. Así o amosa con claridade a evolución da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, que pasou de apenas 12 casos novos por cada cen mil habitantes a 7 días a superar os 54 en apenas unha semana.
As tendencias tamén se inverteron nos últimos días neste indicador noutras áreas sanitarias, caso das de Vigo, Lugo e Santiago-Barbanza, pero dun xeito moito menos brusco e ata niveis moi inferiores. Mentres, as áreas da Coruña-Cee, Ourense e Ferrol, menos afectadas polos últimos gromos, manteñen a tendencia de estabilidade ou mesmo lixeiramente descendente.
Esta combinación de datos provoca que o indicador global galego si dese a volta con claridade, pasando da contorna dos 20 casos novos por cada cen mil habitantes a case 30 en apenas unha semana. O indicador a 14 días tamén aumenta, aínda que con menos intensidade pero a piques de atravesar o limiar dos 50 casos novos por cada cen mil habitantes, no que os protocolos vixentes sinalan o límite para considerar un territorio como de risco baixo de transmisión da COVID.
Sete hospitalizacións menos que hai unha semana
Aínda que as autoridades sanitarias veñen subliñando que a baixada da idade media dos novos casos non implica necesariamente que non haxa risco de hospitalización (e, de feito, as diferentes áreas sanitarias veñen reportando casos de ingresos de mozas e mozos), o certo é que a escaseza de novos casos en persoas de máis idade -as xa vacinadas completamente- permite que os incrementos de incidencia dos últimos días non se traduzan nunha maior presión hospitalaria.
Mesmo tendo en conta o habitual efecto da fin de semana (os sábados e domingos adoitan tramitarse menos altas nos hospitais), as 52 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus ás seis da tarde do domingo eran 7 menos que as que se rexistraban unha semana antes. Catorce delas estaban na UCI, dúas menos que o mesmo día da semana anterior. [A porcentaxe de casos COVID que precisan hospitalización en Galicia é a menor en dez meses e segue a baixar]