No comezo da pandemia, a reducida capacidade diagnóstica e mesmo o descoñecemento en torno ao virus provocaba, segundo os estudos serolóxicos realizados, que os servizos sanitarios detectasen apenas un terzo dos casos reais da COVID-19. Boa parte dos detectados naquelas primeiras semanas eran os máis graves e boa mostra disto é que máis dun terzo dos casos rexistrados en Galicia eran de persoas que precisaban atención hospitalaria.
Ao comezo da pandemia, máis dun terzo dos casos activos eran de persoas hospitalizadas; na segunda vaga oscilaban entre o 5% e o 6%. A proporción non deixa de baixar dende o pasado marzo e agora rolda os 3,5% mentres segue a descender
Nos meses seguintes, a capacidade diagnóstica e a súa precisión foi aumentando, de xeito que as probas realizadas e o rastrexo foron ofrecendo unha imaxe máis real da pandemia. Así, durante todo o outono de 2020 entre o 5% e o 6% dos casos considerados polo Sergas como "positivos activos" -denominación que outorga a unha persoa infectada ata que supera a infección ou falece- precisaban hospitalización.
Co estourido da terceira vaga tras os contaxios das semanas do Nadal e do Aninovo, esta variable disparouse ata duplicarse amplamente e máis dunha décima parte dos contaxios activos precisaban asistencia hospitalaria. Pero, unha vez superada esa terceira vaga e paralelamente ao avance da vacinación, volveu caer de forma significativa e constante. Na actualidade, algo menos dun 3,5% dos casos activos están hospitalizados, o valor máis baixo en dez meses, pero con moita máis capacidade diagnóstica que daquela.
A combinación de ambos indicadores asistenciais (casos activos e hospitalizacións) veu sendo unha das claves para as autoridades sanitarias nestes meses á hora de determinar a gravidade da pandemia en cada momento e tamén as restricións para tentar contela. Na actualidade, máis alá da detección de gromos puntuais, o acougo de ambos permite seguir avanzando na desescalada con medidas como a retirada das máscaras ao aire libre.
A mellora é obvia en termos porcentuais e tamén ollando ás cifras absolutas. Ás seis da tarde do mércores, 23 de xuño, había en Galicia 45 persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus, 16 menos que sete días antes e outro mínimo dende agosto de 2020. Doce delas estaban en unidades de coidados intensivos, o que supón a cifra máis baixa igualmente dende agosto do ano pasado e catro menos que hai unha semana.
As 45 persoas hospitalizadas son 16 menos que hai unha semana e outro mínimo dende agosto de 2020
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, resulta tamén significativo o feito de que nas últimas semanas nas que os casos activos se incrementaron, tras a Semana Santa, esa suba apenas estancou as cifras de hospitalización, pero non as incrementou. Nas anteriores vagas, o incremento de positivos activos traía consigo pouco despois a suba na presión hospitalaria.
As autoridades sanitarias en todo o Estado e tamén en Galicia veñen sinalando o avance da vacinación como principal causa na mellora destas cifras. Advirten, non obstante, que segue cumprindo cautela ate o remate da vacinación e sinalan como mostra o feito de que, nas últimas semanas, nos hospitais do Sergas ingresasen persoas mozas con test positivo da COVID-19 e algunhas delas, advirten, mesmo tiveron que ingresar na UCI. Nesta liña, Sanidade asegura tamén que algúns dos últimos gromos detectados están ligados a actividades de xente nova como festas de fin de curso.
Estabilidade e lixeiras subas locais na incidencia
O impacto da vacinación e as diferenzas na gravidade dos novos casos son o pano de fondo nun contexto no que as cifras de casos novos transitan en Galicia por un período de estabilidade con lixeiras subas locais. Este xoves, o Sergas notificou 130 casos novos (os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores), se ben a media a sete días apenas sobe das 80 infeccións diagnosticadas polo Sergas cada xornada. Unha semana antes, este indicador roldaba as 79.
Con estas cifras, a incidencia acumulada a 14 días para o conxunto de Galicia ascende unhas poucas décimas e segue arredor dos 41 casos novos por cada cen mil habitantes, mentres que o indicador a 7 días está na contorna dos 21,8. O feito de que o incicador a sete días sexa un chisco máis do 50% da incidencia a 14 días apunta a unha lixeira tendencia ascendente, a cal tamén se manifesta, igualmente por marxes de décimas, na comparación da incidencia acumulada coas dos mesmos días da semana anterior.
Como adoito, as tendencias non son uniformes sobre o mapa. Así, a área sanitaria da Coruña-Cee segue sendo a que peor evoluciona dende finais de maio. Así e todo, a súa incidencia acumulada a 7 días amosa xa sinais de deceleración cando vén de superar os 40 casos novos por cada cen mil habitantes. Entre o resto de áreas, a de Pontevedra-O Salnés (22,53) tamén amosa unha tendencia ao crecemento nos últimos días e, máis levemente, faino tamén a área de Santiago-Barbanza (12,98). O resto de áreas descenden ou mantéñense estables.
A este cadro xeral engádese tamén outro dato relevante: a fin das tendencias claramente descendentes nas incidencias acumuladas non trouxo consigo un incremento da mortalidade. O total de falecementos de persoas coa COVID-19 segue por baixo dunha morte ao día na súa media semanal e o total mantense en 2.434.