O vindeiro sábado, 26 de xuño, decaerá en todo o Estado a obriga xeral de uso de máscara ao aire libre. Así o anunciou o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, que remitiu á aprobación da norma concreta en Consello de Ministros extraordinario o xoves desta semana, 24 de xuño, para coñecer os detalles.
Escasas horas despois do anuncio de Sánchez, o presidente da Xunta criticouno por "político". Así o fixo tamén este mércores, cando Alberto Núñez Feijóo ratificou, alén deses reproches, que o Goberno galego concorda con esa retirada. Ante o previsible fin da obriga xeral, avanza, o criterio da Xunta será aplicala ao aire libre agás "cando non sexa posible gardar a distancia dun metro e medio". No caso de que un concello regresase ao nivel máximo de restricións -actualmente, ningún o está- tamén volvería a obriga xeral de portar máscara en exteriores.
Á espera da aprobación no Consello de Ministros deste xoves, a Xunta é partidaria da retirada da máscara ao aire libre agás "cando non sexa posible gardar a distancia dun metro e medio"
Deste xeito, e á espera de coñecer a redacción concreta da norma estatal e a súa translación ao ordenamento galego, dende o sábado 26 a "obrigatoriedade de máscara no exterior" quedará "eliminada" sempre que sexa posible gardar distancia de seguridade con persoas non conviventes (coas conviventes, non será preciso, explicita Feijóo). Si continuará sendo esixida nas terrazas hostaleiras agás no momento do consumo -sexan ou non conviventes as persoas que consomen- e tamén en eventos exteriores como eventos deportivos ou concertos, onde haberá que atender aos "matices" de cada protocolo concreto.
Escasas horas despois a ministra de Sanidade, Carolina Darias, ratificou as liñas xerais do novo modelo. A máscara, ratificou, deixará de ser obrigatoria ao aire libre cando haxa distancia de seguridade mínima dun metro e medio. En interiores, incluíndo o transporte público, seguirá sendo preciso levala posta.
Incremento xeral das ocupacións máximas de locais e eventos
A retirada da obriga xeral para o uso de máscara cadrará en Galicia coa entrada en vigor da xa anunciada revisión xeral dos límites de ocupación máxima en locais e eventos. Sempre á espera da súa plasmación no Diario Oficial de Galicia (DOG), Feijóo avanza unha ampliación do 50% ao 75% da capacidade máxima permitida en lugares de culto, academias, congresos, ximnasios, museos, arquivos, bibliotecas ou acuarios. Todo isto, sempre e cando o concello non se atope en nivel máximo de restricións (ningún, actualmente).
Ademais, as terrazas hostaleiras poderán ofrecer o 100% da súa capacidade e non o 75%, como sucedía ata agora. Nestes negocios, ademais, as barras e mostradores poderán volver ser utilizados parcialmente: aínda non se poderá consumir nelas, pero si poderán ser utilizadas para "pedir e servir". No interior, o límite continuará no 50%.
Atendendo ao exposto por Feijóo e ao indicado posteriormente pola Xunta, estas novas normas de ocupación máxima para a hostalería aplicaríanse nos concellos en nivel baixo de restricións (a práctica totalidade, actualmente), mentres que no resto haberá matices máis estritos. A Consellería de Sanidade remite á publicación da norma completa, este venres no DOG, para coñecer todos os detalles.
A referencia para a ocupación máxima de locais e eventos pasa do 50% ao 75% e os locais hostaleiros poderán volver ofrecer o 100% das súas prazas en terrazas
A ampliación dunha sexta a unha terceira parte das prazas en pé no transporte urbano, a reapertura das áreas de lecer dos centros comerciais ou a autorización para o "contacto físico nos establecementos de actividades deportivas e academias de danza" serán outros dos pasos dunha nova fase da desescalada que, aclara o presidente da Xunta, tamén traerá consigo os agardados protocolos para celebracións como vodas ou comuñóns, con diferenzas en función de se o evento se celebra ao aire libre ou baixo teito. O seguinte paso, o 1 de xullo, será a reapertura de pubs e discotecas con protocolos que o Goberno galego aínda está finalizando.
Vacinación da poboación de 30 a 39 anos
Alén da flexibilización das restricións e das críticas ao Goberno de España -Feijóo deu en censurar que a decisión da retirada das máscaras sexa aprobada por "vinte e dous ministros", obviando que é preciso que o fagan porque implica modificar unha lei-, o presidente da Xunta ratificou tamén este mércores que o Goberno galego mantén sen cambios a previsión de que "na primeira semana de xullo" poida comezar a vacinación contra a COVID-19 do grupo de poboación de entre 30 e 39 anos. Para daquela, indica, estará en marcha o sistema de autocita de forma paralela á cita ordinaria.