Desde este 26 de xuño decae a obriga xeral de uso de máscara ao aire libre, mesmo con distancia, que levaba vixente en Galicia desde hai case un ano e que a lei estatal estableceu o pasado mes de marzo.
A máscara era obrigatoria en Galicia, ao aire libre e mesmo con distancia social, desde o pasado mes de xullo
O Boletín Oficial do Estado (BOE) deste venres recolle a nova norma pola cal desde este sábado esta protección deixará de ser obrigatoria, pero unicamente no exterior e cando se poida manter unha distancia de seguridade de metro e medio entre persoas non conviventes. Xa que logo, terá que seguirse usando en espazos pechados, así como a menos de 1,5 metros de calquera persoa que non viva con nós.
"Será necesario saír da casa con máscara. No interior, máscara e distancia. No exterior, máscara ou distancia", aclara a Xunta ao lembrar as novas medidas de desescalada, aínda que deixe de ser obrigatoria en calquera circunstancia, como ata este sábado.
"Será necesario saír da casa con máscara. No interior máscara e distancia. No exterior máscara ou distancia", resume a Xunta
Tal e como detalla o BOE, o seu uso seguirá sendo obrigado "en calquera espazo ao aire libre no que pola aglomeración de persoas non resulte posible mater unha distancia mínima de 1,5 metros entre as mesmas, agás grupos de conviventes". E tamén en espazos pechados de acceso libre, e por suposto nos medios de transporte públicos, así como nos "andéns e estacións de viaxeiros".
Na orde da Xunta, publicada no DOG, na que a Xunta traslada ao ordenamento galego a nova norma, aclárase que ao aire libre entenderase que non é posible garantir a distancia requirida sempre "que se transite ou se estea en movemento pola vía pública e en espazos ao aire libre e, pola concorrencia doutras persoas, non se poida garantir, atendendo ao número de persoas e ás dimensións do lugar, o mantemento da distancia de seguridade".
Ademais, o BOE especifica que "nos eventos multitudinarios ao aire libre", como concertos ou competicións deportivas, tamén haberá que poñela "cando os asistentes estean de pé ou, de estaren sentados, cando non se poidan manter 1,5 metros de distancia entre persoas", excluíndo de novo os grupos de conviventes.
A máscara deixa de ser obrigatoria só ao aire libre e sempre que se manteña a distancia de 1,5 metros con persoas non coviventes
Desde a Xunta vaise máis ao detalle e aclárase que nestes eventos, con asistentes en espazos pechados, "será suficiente que se manteña un asento de separación, ou un espazo equivalente á dimensión dun asento no caso de que estes non sexan fixos, entre os distintos grupos de persoas conviventes asistentes sentados na mesma fila de asentos, así como inmediatamente diante e detrás". Todo isto, sempre que haxa asento preasignado, que se use sempre a máscara, que a ventilación sexa adecuada, que se cumpran coas medidas de prevención e hixiene. Ademais, queda prohibido consumir alimentos ou bebidas.
Ademais, tal e como anunciara, a Xunta advirte de que a máscara será obrigatoria en calquera caso, "e aínda que se poida garantir a distancia de seguridade", nos concellos que se encontren no nivel máxima de restrición
No BOE, a norma volve excluír do uso obrigado da máscara de protección ás nenas e nenos de menos de seis anos e establece as excepcións, como as persoas con problemas respiratorios ou nas residencias e nas salas de garda de traballadores esenciais onde a cobertura de vacinación sexa superior ao 80% con pauta completa, aínda que excluíndo os visitantes externos ou, no caso dos espazos residenciais, os traballadores do propio centro. Nos cárceres, será o Ministerio do Interior quen regule o uso do tapabocas alén do que dita a reforma aprobada.
A Xunta tamén decreta a obrigatoriedade da máscara tanto ao persoal prestador do servizo de axuda no fogar como as persoas dependentes atendidas ou que se atopen no domicilio. Ademais, nos espazos privados, abertos ou pechados, "recomenda" o uso da máscara "no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes" e aclara a obrigatoriedade noutros lugares ao aire libre, como os mercados.
Desde a Xunta, o seu presidente lembrou que a máscara segue a ser "obrigatoria" de non poder manterse a distancia de seguridade de metro e medio porque "a pandemia non acabou e o virus segue traballando". Ademais, Feijóo reiterou que ao non haber vacinas "suficientes" para inmunizar toda a poboación, a protección segue a ser unha práctica "útil". "Máscara e distancia de seguridade en interiores e máscara ou distancia de seguridade en exteriores", insistiu.
A Xunta amplía o límite de ocupación de locais e eventos pola COVID cadrando coa fin da obriga xeral da máscara ao aire libre
O cambio no uso da máscara chega tamén coa ampliación do límite de ocupación de locais e eventos pola COVID. Segundo aclara o DOG. Así, auméntase do 50% ao 75% a ocupación dos lugares de culto, academias, congresos, ximnasios, museos, arquivos, bibliotecas, acuarios e zoolóxicos sempre que no concello non haxa un nivel máximo de restricións. Ademais, nos enterros o número máximo de asistentes pasa de 25 a 50.
Na hostalería, a ocupación das terrazas pasa do 75% ao 100% e permítese pedir nas barras aínda que segue prohibido consumir nelas. O ocio nocturno, pola súa banda, reabrirá o 1 de xullo cos protocolos sanitarios instaurados, mentres que nos centros comerciais reabren as zonas de descanso e de ocio infantil. No deporte, pola súa banda, permítese o contacto físico en actividades deportivas e academias de danza.
Sarria pasa a nivel alto de restricións
Por outra banda, e tras a reunión deste venres, o subcomité clínico que asesora á Xunta acordou o nivel alto de restricións para o Concello de Sarria, onde un gromo orixinado nunha comida familiar cuns 30 positivos ten moito que ver co incremento do impacto da COVID.
Segundo explica a Administración, e tras avaliar a incidencia acumulada do concello lucense, situada en 142 casos a sete días, e en 202 casos a catorce; o grupo de expertos decidiu "incrementar as súas retricións co ánimo de reducir o índice de casos activos".
Do mesmo xeito, ficarán no nivel medio os concellos de Castroverde, Camariñas, Malpica de Bergantiños, Cambre e Poio, mentres que os restantes municipios galegos permanecerán no nivel medio baixo. Así, todas as novas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas dste sábado, 26 de xuño.