O brotes vinculados a varias viaxes estudantís a Mallorca e o xurdido en Sarria continúan a aumentar a detención de novos contaxios por coronavirus en Galicia, sumando máis de 120 por cuarto día consecutivo, nesta ocasión 126.
Son algúns menos que na xornada anterior pero seguen a mesma tendencia desde que o pasado xoves as estatísticas sanitarias comezaran a reflectir os efectos dun macrobrote ao que se vinculan xa 70 positivos en Galicia, onde hai unhas 600 persoas illadas, e que afecta oito comunidades autónomas.
O impacto do gromo xurdido nas Illes Balears é claro, xa que o pasado domingo o Sergas tan só sumara 75 contaxios novos, polos 56 do luns ou os 71 do mércores. Desde aquela, o número de infeccións aumenta en máis dun cento a diario. Dos 126 novos desta xornada, a área de Pontevedra --a máis afectada polo brote das viaxes de mozos e mozas-- acumula 35, polos 23 da de Santiago ou os 22 da de Vigo.
Daquela, a media de novos contaxios comunicados diariamente ascende xa aos 108 nos últimos sete días, unha cifra que non se alcanzaba desde o primeiro día deste mes de xuño, onde a tendencia fora en descenso ata hai só unhas xornadas.
O impacto do macrobrote vinculado ás viaxes a Mallorca provoca que a media de novos contaxios diarios a sete días estea xa nos 108
Así, segundo os datos publicados este domingo pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18 horas deste sábado, os casos activos de coronavirus tamén ascenden en Galicia, ao quedar en 1.451 e sumar 38 máis que no día anterior. Dese total, son 48 as persoas que están ingresadas nalgún hospital galego por COVID, seis máis que hai unha xornada pero doce menos que hai unha semana.
Hai 48 persoas diagnosticadas con COVID ingresadas en hospitais galegos, seis máis que na xornada anterior
O aumento da presión hospitalaria débese nesta ocasión ao incremento nesas seis persoas en planta xa que as UCI continúan co mesmo número de ingresados (12) que o pasado venres.
Por outra banda, o número de persoas falecidas diagnosticadas con COVID desde o inicio da pandemia en Galicia mantéñense nas 2.435, logo doutra xornada sen que Sanidade comunique morte ningunha, a terceira consecutiva.
Ademais, son 125.371 os pacientes que curaron do coronavirus no país, 88 máis das rexistradas ata a xornada anterior.
Alén disto, e en canto á vacinación, Galicia superou xa o 68% da poboación a vacinar contra a COVID con polo menos unha dose, 4.869 persoas máis que a xornada anterior, co que se supera o millón e medio de persoas cunha dose. Mentres tanto, 1.142.677 galegos contan xa coa pauta completa, 36.485 máis que na xornada anterior, o que representa o 48,36%.
En concreto, 1.608.360 persoas recibiron polo menos unha dose da vacina en toda Galicia, o 68, 07% da da poboación diana (agora, conformada por todas as persoas de 12 ou máis anos).
Cos todos os datos na man, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, dixo prever "brotes explosivos" da COVID mesmo "cunha porcentaxe moi alta" da poboación vacinada a medida que se vaian relaxando as restricións.
Así o dixo nunha entrevista na Radio Galega, onde explicou que estas repuntas, que non serán "tan abruptas" como as orixinadas en Mallorca, estarán motivadas por novas variantes e porque "a vacinación non garante non coller a enfermidade".