Malia os gromos vinculados ás viaxes estudantís a Mallorca, que supoñen xa 70 positivos e 600 persoas en corentena e que alteran a tendencia á baixa da COVID en Galicia con lixeiros incrementos de casos, a presión hospitalaria continúa a descender.
Hai 42 persoas hospitalizadas por COVID en Galicia, a cifra máis baixa desde o 14 de agosto
Son 42 as persoas ingresadas por coronavirus nos hospitais galegos, catro menos que nunha xornada antes, segundo os datos publicados este sábado pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18 horas deste venres. É a cifra máis baixa desde o pasado 14 de agosto.
A redución na cifra de persoas hospitalizadas débese á caída das que están en planta (30, cinco menos), xa que nas UCI hai unha máis, ao pasar das once ás doce. Son, en total, 19 doentes menos de COVID ingresados que hai unha semana.
Ademais, a cifra total de persoas ingresadas por COVID tan só aumentou nas áreas sanitarias de Lugo e Ourense, descendendo nas da Coruña, Pontevedra e Vigo e manténdose a presión hospitalaria igual no resto.
Por outra banda, os contaxios detectados en 24 horas por calquera tipo de proba foron 136, algo menos que na xornada anterior pero manténdose por riba do cento diario logo de que se fosen desvelando as infeccións provocadas nas viaxes ás Balears, que afectan arredor dunha ducia de centros educativos galegos e que, segundo aclara Sanidade, supoñen xa 70 positivos derivados en Galicia, cunhas 600 persoas en corentena e numerosos cribados entre a rapazada, sobre todo en Pontevedra.
Catro dos casos positivos pertenencen á área sanitaria de Ourense, Verín e o Barco de
Valdeorras; 48 a de Pontevedra-O Salnés; 10 da área de Lugo, Monforte e a Mariña; e 8 á
área sanitaria de Vigo, segundo especifica a Xunta.
En total, en todo o Estado, son oito as comunidades afectadas e máis de 600 os positivos relacionados con estas viaxes de fin de curso ás Illes Balears.
Na Consellería de Educación non se coñecen "polo momento" máis positivos asociados a estas viaxes pero asume que "podería haber máis casos". "Agardemos que sirva de aviso para manter a precaución e a responsabilidade", dixo Román Rodríguez, titular do departamento.
A cifra de novos contaxios, aínda que menor que na pasada xornada, supón un número bastante máis elevado que o de hai unha semana e que sitúa a media diaria a sete días por riba dos 100 casos por primeira vez desde o pasado 2 de xuño. Racha así coa que era unha media duns 80 desde que comezara este mes.
O 47% da poboación galega a vacinar xa conta coa pauta completa
Así, os casos activos de COVID aumentaron en Galicia ata situarse nos 1.413, que son 36 máis que na xornada anterior. O ascenso é especialmente significativo na área de Pontevedra, onde máis están afectando os contaxios derivados das viaxes de estudantado a Mallorca, con 24 máis ata chegar aos 176.
Ademais, o número de persoas contaxiadas de coronavirus desde o inicio da pandemia en Galicia ascende ás 129.106, mentres que o número de falecidas mantense en 2.435, logo de que a Consellería de Sanidade non notificase ningunha vítima na tarde do venres.
En canto á vacinación, case o 68% da poboación galega a vacinar contra a COVID conta con polo menos unha dose inoculada, case 29.000 persoas máis que a xornada anterior, polo que supera o millón e medio de persoas cunha dose.
Ademais, 1.106.192 cidadáns galegos contan xa coa pauta completa, case o 47%, achegándose á metade da poboación diana (agora, conformada por todas as persoas de 12 ou máis anos).