Sanidade está aínda a recompilar as listaxes de viaxeiros e posibles contactos e solicita á poboación que acuda aos cribados, mentres nos hospitais a situación segue a mellorar
Un gromo que de momento Sanidade cifra “nuns 50 casos” relacionados con viaxes de estudantes a Mallorca está a alterar a tendencia da COVID en Galicia, que fronte á media duns 80 casos diarios que viña rexistrando de xeito máis ou menos estable desde comezos de xuño sumou 154 novos casos na última xornada e 130 na anterior. O conselleiro, Julio García Comesaña, situou o gromo fundamentalmente na cidade de Pontevedra pero admitiu que tamén hai casos en Vigo, Ourense e Lugo e que nas dúas últimas cidades tamén se detectaron xa positivos entre familiares que non viaxaron a Mallorca.
Segundo o conselleiro, “unha parte importante dos positivos da zona de Pontevedra están trazados claramente con viaxes a Mallorca”, algunhas das cales, indicou, non foron organizadas por centros educativos, polo que Sanidade está aínda a recompilar as listaxes de viaxeiros e posibles contactos e solicita ás persoas que sexan citadas a cribados que acudan a eles. "Polo de agora, hai 11 centros en Galicia que confirmaron algunha viaxe de alumnos" ao arquipélago balear, di Sanidade, que engade que "todos os estudantes que viaxaran a Baleares considéranse contactos estreitos e terán que gardar corentena ata que a Central de Seguimento contacte con eles".
En Pontevedra a incidencia acumulada pasou en dous días de 32 a 62 casos por 100.000 habitantes
Segundo Comesaña, dos 50 casos xa detectados, uns 30 están na cidade de Pontevedra e o resto en Vigo, Ourense e Lugo. O conselleiro tamén indicou que o brote ten “unhas dimensións que non estabamos acostumados”, pero matizando que se refería á súa orixe en Mallorca, onde puido provocar uns 400 casos dos que 50 son os agora detectados en Galicia. En todo caso, admitiu que a situación “preocupa”.
Comesaña atribuíu “fundamentalmente” a ese brote o aumento de casos que se está a rexistrar na cidade de Pontevedra, que xa se pode percibir nun aumento da incidencia do virus a 14 días, ao pasar en só dous días de 32 a 62 casos por 100.000 habitantes. Ourense e Vigo tamén experimentan lixeiros ascensos da incidencia, pero en Lugo non perciben.
Nas UCI só hai 11 persoas, a cifra máis baixa desde mediados do pasado agosto.
Fronte a esa alteración na serie de novos casos, na atención sanitaria a situación rexistra 15 casos hospitalizados menos que hai unha semana, cun total de 11 persoas en UCI, a cifra máis baixa desde mediados o pasado agosto, e 35 en hospitalización convencional.