A reflexión pasou practicamente desapercibida entre o aluvión de datos de última hora a respecto do surto da COVID-19 importado dende Mallorca e con orixe en eventos de lecer organizados por diversas axencias para estudantes co formato de viaxe de fin de curso. Pero produciuse.
O pasado mércores, durante a rolda de prensa na Consellería de Sanidade para actualizar a información da pandemia e no marco dunha advertencia xeral sobre a necesidade de manter as medidas preventivas, especialmente entre poboación non vacinada, a doutora Marina Varela, médica no hospital de Pontevedra e membro do comité clínico que asesora á Xunta, fixo unha mención temporal que hai un ano ou mesmo uns meses soaría especialmente ousada. Á actual situación da pandemia quédanlle "unhas semanas", reflexionou.
No comité clínico, as chamadas á prudencia entre os grupos de idade aínda non incorporados á vacinación masiva acompáñanse cunha reflexión impensable hai escasos meses: á actual situación da pandemia quédanlle unhas poucas semanas
As palabras da doutora Varela chegaban ás portas da incorporación da poboación de 30 a 39 anos á vacinación masiva e mentres a responsable de Saúde Pública da Consellería de Sanidade debullaba datos que convidan a ir alén das cifras xerais de novos casos ou positivos activos. O gromo importado e outros focos locais están a provocar incrementos das incidencias acumuladas en todas as áreas sanitarias (especialmente na de Pontevedra), pero o seu impacto non é homoxéneo por idades: son moito máis elevadas entre a poboación máis moza, a aínda non chamada á vacinación masiva, e significativamente baixas entre as persoas de idade avanzada, sobre de 70 anos en diante. Isto é, os grupos xa vacinados por completo dende hai semanas ou mesmo meses.
O Sergas notificou este xoves 258 casos novos, a cifra máis elevada en 24 horas dende o 13 de marzo
A clave da vacinación é indispensable para interpretar os datos máis recentes da pandemia en Galicia. Tamén a circunstancia de que algúns destes focos que dispararon a incidencia en localidades concretas son dados por controlados sen que deriven en transmisión comunitaria, como matizou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, a respecto dos contaxios importados das viaxes de estudantes a Mallorca.
Os datos máis recentes coñecidos este 1 de xullo, xornada na que a desescalada avanza en Galicia coa reapertura de pubs e discotecas -agás naqueles concellos en nivel medio e alto de restricións- o que indican é que entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do xoves, o Sergas rexistrou 258 casos novos da COVID-19. É a cifra máis elevada neste período de 24 horas dende o 13 de marzo e é o resultado de que, en termos de días naturais, o martes 29 fose o primeiro día con máis de 200 novos casos rexistrados (206) dende o 5 de maio (217).
O gromo importado de Mallorca acumula directamente 157 casos ao cómputo acumulado en Galicia. Nesta suma non se inclúen, por exemplo, as outras 16 persoas que viaxaron no avión que trasladou de volta ao país a parte destes estudantes e que deron positivo no cribado realizado polo Sergas á súa chegada ao aeroporto de Santiago. A Xunta non aclarou de onde partiu a decisión de realizar esta viaxe. Outro grupo de estudantes galegos que aínda permanecía en Mallorca está a regresar en autobús tras ser trasladados á Península en barco dende Baleares.
A área máis afectada, Pontevedra-O Salnés
Malia aos incrementos, ningunha área sanitaria acadou ata agora a incidencia acumulada a 7 días que marcara tras a Semana Santa
O empeoramento das incidencias acumuladas, que en calquera caso seguen notablemente por baixo das anteriores vagas da pandemia, non é homoxéneo por idades e tampouco xeograficamente. A área máis afectada polo surto importado, a de Pontevedra-O Salnés, é tamén a que rexistrou un empeoramento máis brusco nos indicadores tanto a 14 (97 casos novos por cada cen mil habitantes) como a 7 días (74). En ambos está, non obstante, por baixo dos valores que acadara tras a Semana Santa.
Como amosa o gráfico baixo estas liñas, a incidencia a sete días sobe igualmente con claridade na área de Vigo e faino tamén noutras catro áreas sanitarias (Lugo, Ourense, Santiago-Barbanza e Ferrol), pero con menos intensidade. Mentres, a área da Coruña-Cee estabilízase arredor dos 40 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días. Todas están, así e todo, por baixo dos niveis posteriores á Semana Santa.
Galicia abandona a zona verde do mapa epidemiolóxico do Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades ao superar os 50 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días e os 25 a 7 días
Baixando máis ao detalle, algúns dos concellos e comarcas con máis poboación moza e, daquela, con máis persoas aínda sen vacinar son as que presentan os que presentan incidencias acumuladas a máis elevadas nos últimos 14 días. Destacan as contornas de Vigo e Pontevedra ou Ordes e a súa área de influencia. Máis cara ao interior, destacan as incidencias de municipios con brotes locais como Sarria (onde o cribado masivo organizado polo Sergas rematou cun 100% de casos negativos) ou Chantada. Da evolución dos vindeiros días dependerá a continuación da reapertura ou a imposición de novas restricións a sectores como o hostaleiro no comezo dos meses clave da temporada de verán.
Estas incidencias acumuladas son, en calquera caso, moito menores que as acadadas en anteriores vagas. Non obstante, o incremento do dato global do país (agora achégase aos 60 casos novos por cada cen mil habitantes) vén de provocar que Galicia abandone a zona verde do mapa epidemiolóxico do Centro Europeo de Prevención e Control de Enfermidades. Galicia entrara nese grupo de territorios de risco baixo do continente a mediados de xuño.
Sen incrementos notables nos hospitais ata o momento
Atendendo ao acontecido en anteriores empeoramentos das incidencias da COVID-19, o incremento de novos casos tería que estar a piques de incrementar as cifras de hospitalizacións. Non obstante, o efecto da vacinación e a conseguinte baixada na idade media das persoas contaxiadas xa supuxo que este efecto nos hospitais xa fose moito máis atenuado tras a Semana Santa e actualmente, ata o momento, só está a provocar un estancamento no número de persoas ingresadas con test positivo do coronavirus. As 53 persoas hospitalizadas ás seis da tarde do mércores eran, non obstante, 8 máis que unha semana antes.
Mentres todo isto sucede, a media diaria a 7 días de persoas coa COVID-19 falecidas sitúase en apenas 0,3. Non obstante, a última persoa co coronavirus cuxo falecemento notificou Sanidade tiña unha idade significativamente baixa, con apenas 47 anos. O total de mortes oficialmente ligadas á pandemia mantense así en 2.436.