Nas últimas semanas, ao fío do incremento sostido de casos da COVID-19 detectados non só en Galicia ou no conxunto do Estado, senón en boa parte de Europa, medra o debate sobre a conveniencia ou non de atender ás cifras de novos casos e, por extensión, das incidencias acumuladas como principal indicador da evolución da pandemia. Algunhas voces expertas apuntan a que este indicador segue sendo válido, xunto con outros, pero sen deixar de ter en conta que o panorama nesta parte do mundo xa non é mecanicamente comparable ao de anteriores vagas a causa da extensión da vacinación.
Nos últimos sete días completos, o Sergas diagnosticou unha media diaria dunhas 450 infeccións
Como amosa o gráfico baixo estas liñas, cos datos do último día completo dispoñible, a incidencia acumulada da COVID-19 a sete días achégase xa en Galicia aos 120 casos novos por cada cen mil habitantes (o dato a 14 días rolda os 170). Faino nun contexto cunhas 450 infeccións diagnosticadas polo Sergas cada día da última semana e no que a área sanitaria de Ourense encabeza tanto as cifras de incidencia como o seu incremento por impulso dos malos datos da capital da provincia e tamén por gromos doutos puntos, como no Barco de Valdeorras.
O 60% da 'poboación diana', coa pauta completa
Pero todas estas cifras rexístranse mentres o proceso de vacinación continúa a avanzar. Froito deste avance, cos datos feitos públicos polo Ministerio de Sanidade este luns, o 60% da poboación galega maior de 12 anos xa ten a pauta completa da vacina e as persoas con cando menos unha dose son xa case o 72% desa poboación diana da campaña de vacinación. Esa é a razón fundamental pola que ata tres de cada casos novos rexistrados en Galicia se producen entre persoas menores de 40 anos e, dentro deste grupo, coas maiores incidencias concentradas en menores de 30, o grupo que aínda non foi incorporado á vacinación masiva.
O Sergas administrou unha media diaria superior ás 38.000 doses dende o venres, con notables avances nas pautas completas dos grupos de poboación de 60 a 69 e de 40 a 49 anos
Entre o venres e o domingo (o Ministerio non publica os datos de vacinación detallados durante a fin de semana), o Sergas administrou unha media diaria superior ás 38.000 doses de vacinas. Concentráronse sobre todo en completar pautas de persoas de 60 a 69 anos que por recibiren a vacina de AstraZeneca tiveran que agardar máis e tamén en administrar segundas doses a poboación de 40 a 49 anos.
Mostra disto é que o grupo de 60 a 69 anos, que diversas voces expertas veñen sinalando como o máis exposto ante os rebrotes por ter aínda unha baixa porcentaxe de vacinación rematada, aumenta en case 18 puntos a súa cobertura con pauta completa despois deses tres días e aproxímase xa ao 80%. O avance nas pautas completas do grupo de 40 a 49 superou os vinte puntos e chegou ao 55%.
Dende o comezo da campaña de vacinación, en Galicia van administradas 3,11 millóns de doses de vacinas e algo máis do 82% da poboación maior de 40 anos ten xa a pauta completa posta. As doses administradas supuñan o 97,4% das recibidas ata o domingo (uns catro puntos por riba da media estatal).
Unha situación asistencial diferente ás anteriores vagas
O avance da vacinación e a conseguinte concentración dos casos novos na poboación máis moza aínda non vacinada é tamén clave na repercusión que os contaxios teñen sobre o sistema sanitario. Arredor do 20 de xuño, o total de positivos activos marcou o seu mínimo en dez meses con 1.289. Ás seis da tarde do domingo, 11 de xullo, eran xa 5.058, un incremento de case o 300%.
Na anterior ocasión en que os novos casos aumentaron cun ritmo semellante ao actual, a hospitalización de pacientes coa COVID disparouse un 130%. Agora aumentou apenas un 10% mentres o groso da presión polo incremento de contaxios recae na Atención Primaria e no rastrexo
A última vez en que se produciu un incremento porcentual comparable (duns 5.700 positivos activos a finais de decembro a case 17.000 apenas tres semanas despois), o número de pacientes ingresados con test positivo da COVID-19 nos hospitais galegos aumentou máis dun 130%, pasando de algo menos de 360 a finais de decembro a máis de 800 arredor da terceira semana de xaneiro. Agora, dende que os novos casos comezaron a dispararse, o incremento da hospitalización rolda o 10% (de 60 a 66 persoas).
Boa mostra disto é tamén o feito de que, na actualidade, continúe descendendo a porcentaxe que as persoas hospitalizadas supoñen sobre o total de positivos activos. Agora representan pouco máis dun 1% e o pasado marzo chegaran a superar o 12%.
Deste xeito, os riscos do incremento de novos casos alén da saúde de quen padece a doenza trasládanse ao sistema sanitario de xeito distinto. O risco de colapso hospitalario practicamente esvaeceu, pero segue existindo a presión sobre a Atención Primaria, sobre a que agora recae ademais parte do esforzo do dispositivo de vacinación, así como sobre uns servizos de rastrexo que segue apoiado en contratacións provisionais.
O cambio é tamén obvio nas cifras de mortalidade. No que vai de mes de xullo, o Sergas notificou 3 mortes de persoas con test positivo da COVID. Non obstante, unha delas foi dunha muller de 38 anos. O total mantense, daquela, en 2.439 persoas.