Así se disparou a quinta onda da pandemia en Galicia: o número de casos detectados cuadriplicouse nas últimas dúas semanas

CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Nos últimos sete días detectáronse 2.991 novos casos, máis do dobre dos 1.394 da semana pasada e catro veces máis que os 758 da semana anterior

A quinta onda da pandemia de COVID levou á detección de 2.991 novos casos nos últimos sete días, máis do dobre dos 1.394 da semana pasada e catro veces máis que os 758 da semana anterior. A escalada levou a incidencia acumulada a 14 días de 85 casos por cada 100.000 habitantes o pasado domingo aos 170 actuais. Hai dous domingos, este indicador estaba nos 54 casos por cada 100.000 habitantes. A IA acumulada a 7 días ascende xa a 112 casos por cada 100.000 habitantes, máis do dobre dos 52 do pasado domingo. Son valores que non se acadaban dende mediados de febreiro.

Este sábado detectáronse 519 novos casos de COVID. O dato, lixeiramente inferior ao do venres, representa un grande empeoramento con respecto aos dous sábados anteriores, cando se rexistraran 229 e 126 novos casos, respectivamente.

A repunta coincidiu coa relaxación das medidas de seguridade, como a fin da obriga de levar máscara ou a reapertura do ocio nocturno

Estes incrementos de incidencia afectan especialmente á poboación de menos de 40 anos, aínda non vacinada. Os grupos de idade entre 12 e 30 anos roldan os 450 casos por cada 100.000 habitantes (dato do xoves, último coñecido), triplicando a media galega. As persoas menores de 40 anos sofren o 75% dos casos de COVID e case o 40% das hospitalizacións.

A incidencia medrou notablemente nas últimas dúas semanas, especialemente nas áreas ourensá e pontevedresa, nas que os contaxios se multiplicaron por cinco dende os días que seguiron ao San Xoán

Hai grandes diferenzas entre unhas e outras áreas sanitarias. As de Ourense (269 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días) e Pontevedra (268) superan en moito a incidencia media galega. Vigo (167), A Coruña (160) roldan esa media galega, mentres que o resto de áreas se sitúan por debaixo. 

A incidencia medrou notablemente nas últimas dúas semanas, especialemente nas áreas ourensá e pontevedresa, nas que os contaxios se multiplicaron por cinco dende os días que seguiron ao San Xoán. A repunta coincidiu coa relaxación das medidas de seguridade, como a fin da obriga de levar máscara ou a reapertura do ocio nocturno.

A taxa de positividade supera o 5% por primeira vez dende febreiro. Vigo é a área sanitaria con peores datos

O empeoramento da situación percíbese claramente nos datos de positividade. A taxa de positividade (porcentaxe de probas PCR cun resultado positivo), medida como unha media semanal, pasou do 2,93% ao 5,54% nas últimas dúas semanas. Este indicador, que se mantivera en valores moi reducidos nos últimos meses, volveu superar o 5% nos últimos días, algo que non sucedía dende o mes de febreiro. A OMS recomenda non superar este 5% para manter controlada a transmisión comunitaria.

Os datos son peores nas áreas sanitarias de Vigo, Pontevedra, Ourense e Santiago, mentres que A Coruña e Lugo mantéñense por debaixo da media galega. Con todo, estes indicadores poden variar algo cando nunha zona se realizan cribados con probas PCR.

O número de probas PCR que se realizan volveu incrementarse nos últimos días, nun intento de detectar contaxios e rastrexar a nova expansión da pandemia. As 7.021 probas realizadas este sábado con o valor máis elevado dende maio. Con todo, seguen moi lonxe das cifras de xaneiro ou febreiro. Este sábado a líder do BNG reclamou a realización de "cribados masivos" entre a xente moza para frear a escala de contaxios.

As zonas de Galicia con máis contaxios por habitante concéntranse no Salnés e na contorna da cidade de Ourense. A Illa de Arousa segue a ser a localidade nunha peor situación

As zonas de Galicia con máis contaxios por habitante concéntranse no Salnés e na contorna da cidade de Ourense. A Illa de Arousa, cunha incidencia de 790 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, segue a ser a localidade nunha peor situación. Tamén Ribadavia (619) supera os 500 casos de incidencia acumulada e Sarria (495), Cambados (459), O Barco de Valdeorras (454) e Vilanova de Arousa (430) achéganse a ese indicador. Un total de 87 concellos non rexistraron ningún novo contaxio nos últimos 14 días, fronte aos 95 deste sábado. 

En canto ás cidades, cómpre salientar a situación de Ourense, cunha incidencia acumulada de 420 casos por cada 100.000 habitantes, que duplica á rexistrada nas restantes urbes. Pontevedra, Vigo e Lugo superan tamén a incidencia media galega, pero mantéñense por debaixo dos 200 casos.

Finalmente, semella que o incremento do número de contaxios nos últimos días comeza a trasladarse ás cifras de hospitalización. Este domingo son 67 o número de persoas con COVID ingresadas en Galicia, 11 delas nas UCI. Son 16 máis que o pasado domingo e constitúen o número máis elevado de camas ocupadas no último mes.

O incremento do número de contaxios nos últimos días comeza a trasladarse ás cifras de hospitalización. Hai 67 persoas con COVID ingresadas, 11 delas nas UCI. Son 16 máis que o pasado domingo 

Afortunadamente, este sábado non houbo que lamentar ningunha nova defunción de persoas con COVID, polo que a cifra total se mantén nas 2.439. 

A pesar do rápido incremento de casos detectados, esta quinta da onda non debería levar a unha repunta no número de mortes ou ingresos hospitalarios semellante á sufrida nas tres primeiras ondas, pois a maior parte da poboación máis vulnerable xa está protexida pola vacinación. Porén, un aumento no número de contaxios si provocará algún tipo de incremento nas cifras de hospitalizacións e, en menor medida, no de mortes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.