Galicia suma 655 novos positivos de COVID nun só día, o maior incremento dende o 11 de febreiro

Material para a toma de mostras dunha proba PCR © Goberno de Navarra

A quinta onda da pandemia xa é unha realidade, cunha escalada de novos positivos que non se producía dende o pasado mes de xaneiro. Daquela a orixe estivo nos encontros familiares e de amizades e a mobilidade asociada ás festas de Nadal. E, agora, o incremento veu precedido dunha relaxación das restricións (uso da máscara, apertura do ocio nocturno...) e das medidas de prevención individual, nun contexto no que daba a impresión de que a pandemia era xa cousa do pasado. Porén, non era así.

Na última semana detectáronse en Galicia 2.602 casos novos de coronavirus, fronte aos 1.332 da semana anterior (un aumento case do 100%) e os 726 da anterior

Este venres rexistráronse en Galicia 655 novos positivos de COVID, 625 deles detectados por proba PCR nas 24 horas anteriores. É o maior aumento de casos nun só día dende o pasado 11 de febreiro. Isto fai que a incidencia acumulada a 14 días rolde xa os 150 casos por cada 100.000 habitantes, un nivel tamén inédito dende finais de febreiro. A incidencia acumulada a 7 días (que reflicte mellor os cambios de tendencia) rolda xa os 100 casos por cada 100.000 habitantes, o nivel máis alto dende o 18 de febreiro.

De feito, na última semana detectáronse en Galicia 2.602 casos novos de coronavirus, fronte aos 1.332 da semana anterior (un aumento case do 100%) e os 726 da anterior. Os contaxios duplícanse cada semana, polo tanto.

Estes incrementos de incidencia afectan especialmente á poboación de menos de 40 anos, aínda non vacinada. Os grupos de idade entre 12 e 30 anos roldan os 450 casos por cada 100.000 habitantes, triplicando a media galega. As persoas menores de 40 anos sofren o 75% dos casos de COVID e case o 40% das hospitalizacións.

O efecto aínda non se trasladou aos hospitais e o número de persoas ingresadas por COVID en Galicia (59, delas 12 nas UCI) é semellante ao de días anteriores

Por fortuna, esta é unha pandemia diferente á que sufrimos o pasado mes de xaneiro. O número de hospitalizacións e ingresos en UCI é moi inferior, dado que a poboación máis vulnerable está xa protexida pola vacinación. Aínda así, as voces expertas advirten de que a actual escalada de contaxios tamén se traducirá nun aumento de hospitalizacións e mortes.

De momento, o efecto aínda non se trasladou e, de feito, o número de persoas hospitalizadas por COVID en Galicia (59, delas 12 nas UCI) é semellante ao de días anteriores. Este venres, ademais, non houbo que lamentar mortes.

Destaca, sobre todo, a situación da cidade de Ourense, cnha incidencia acumulada a 14 días de 366 casos por cada 100.000 habitantes

As zonas de Galicia que está a experimentar un maior incremento de novos casos son as áreas sanitarias de Ourense e Pontevedra, cunha incidencia acumulada de 238 e 253 casos respectivamente, fronte a unha media galega de ao redor de 150.

Destaca, sobre todo, a situación da cidade de Ourense, que suma 387 casos activos e unha incidencia acumulada a 14 días de 366 casos por cada 100.000 habitantes. Deses 387 contaxios, 297 producíronse nos últimos 7 días. A cidade de Pontevedra tamén acadou unha IA de máis de 200 casos e Vigo e Lugo achéganse a ese indicador. A cidade da Coruña supera por pouco a media galega, mentres que Santiago e Ferrol rexistran os mellores datos, con incidencias próximas a 100

A Illa de Arousa (770) segue a ser o concello cunha maior incidencia acumulada

A Illa de Arousa (770) segue a ser o concello cunha maior incidencia acumulada, que tamén acada valores moi elevados en Ribadavia (579), Sarria (510), Cambados (430), Vilanova de Arousa (420), Meis (400), Oia (394), O Barco de Valdeorras (387) e Vilagarcía de Arousa (359). No outro extremo, hai 95 concellos galegos que non rexistraron ningún caso novo de COVID nos últimos 14 días. Porén, a súa cifra vai diminuíndo cada día.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.