As áreas de Ourense, Pontevedra e Vigo encabezan a incidencia da COVID mentres as vacinas amortecen o seu impacto

Cribado da COVID-19 no Barco de Valdeorras, o pasado febreiro. Nestes días o Sergas está a realizar novos cribados na localidade, pero centrados na poboación moza © Concello do Barco de Valdeorras

Entre as seis da tarde do martes, 13 de xullo, e a mesma hora do mércores, día 14, o Sergas rexistrou 1.097 novos casos da COVID-19. Son máis de mil nun período de vinte e catro horas coma este por primeira vez dende o pasado 5 de febreiro, cando a vaga posterior ao Nadal comezaba a remitir. En termos de días naturais, os 864 casos novos do 13 de xullo son tamén a cifra máis elevada dende aquel 5 de febreiro.

Este 15 de xullo o Sergas notifica mil casos novos en vinte e catro horas por primeira vez dende o 5 de febreiro, pero Sanidade advirte de que, por efecto da vacinación, as incidencias acumuladas xa non poden ser, por si soas, os únicos indicadores de referencia

Con estes datos sobre a mesa, a incidencia acumulada a 14 días para o conxunto de Galicia supera os 230 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días achégase aos 170. Pero faino nun contexto no que, como resaltou a propia Consellería de Sanidade ao modificar o mapa de restricións, as incidencias acumuladas xa non poden ser, por si soas o indicador de referencia para medir a gravidade da situación e tomar decisións ao respecto. A razón non é outra que a extensión da vacinación, con máis do 63% da poboación galega maior de 12 anos con pauta completa.

O maior ritmo de suba, nas áreas de Ourense, Santiago e Vigo

Con estas cifras, as áreas sanitarias de Ourense, Pontevedra e Vigo encabezan as cifras de incidencia acumulada a 7 días, coa ourensá por riba dos 300 casos novos por cada cen mil habitantes por efecto, en boa medida, dos incrementos na capital da provincia. Como amosan os gráficos baixo estas liñas, en termos de crecemento (razón de taxas), a peor evolución na última semana é tamén a da área sanitaria de Ourense, seguida das de Santiago-Barbanza e Vigo.

Para o conxunto de Galicia, o indicador da razón de taxas tamén acredita un importante ritmo de crecemento. Non obstante, ese ritmo semella acougar un chisco cos datos máis recentes.

Entre a poboación máis moza, a aínda non incorporada á vacinación masiva, as incidencias acumuladas igualan ou mesmo superan as acadadas no conxunto da poboación tras o Nadal; nas persoas xa vacinadas, as cifras son moito menores e o seu crecemento, menor

O devandito impacto da vacinación segue sendo moi claro ao observar a distribución dos novos casos por franxas de idade. Os datos máis recentes do Ministerio de Sanidade (o departamento estatal recíbeos da Xunta, que non os fai públicos) amosan como as incidencias acumuladas entre a poboación de 12 a 29 anos, aínda non incorporada á vacinación masiva, superan os 800 e mesmo os 900 casos novos por cada cen mil persoas, isto é, unhas taxas iguais ou mesmo superiores ás do conxunto da poboación galega nos peores días da vaga posterior ao Nadal.

Ese indicador e tamén o seu incremento diminúe a medida que avanza a idade da poboación e con ela, a cobertura da vacina. Así, na poboación maior de 70 anos, a que leva máis tempo cuberta practicamente por completo coas vacinas, a incidencia non chega aos 40 casos novos por cada cen mil persoas e o seu incremento semanal é moi leve.

Un impacto asistencial diferente

Como en anteriores vagas, avultadas cifras de casos novos traen consigo a consecuente suba do número de positivos activos -isto é, xente infectada que aínda non superou a doenza-. Ás seis da tarde do mércores eran xa 7.208, máis de sete mil por primeira vez dende o 25 de febreiro e case catro mil máis que unha semana antes.

Este forte incremento de casos activos repercute nun incremento da presión asistencial na Atención Primaria e nos servizos de rastrexo. Pero faino nun grao moito menor nos hospitais, mesmo tendo en conta o incremento das últimas vinte e catro horas coñecidas, con 79 persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus (doce máis que un día antes e 21 máis que hai unha semana) das que 14 están na UCI (cinco máis que sete días antes).

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, anteriores repuntas no número de casos impactaran de xeito moito máis notable nos hospitais, o cal desta volta sucede dun xeito moito máis leve. Sanidade atribúe esta diferenza tamén ao efecto das vacinas, pero así e todo tamén alerta de que algunhas persoas menores de 40 anos que contraen a doenza e aínda non están protexidas pola vacinación están a precisar atención en UCI.

Outra das principais diferenzas con anteriores vagas segue sendo a mortalidade de persoas que contraen a COVID e así segue sendo malia aos dous falecementos notificados o pasado mércores, un deles con data do día 10 de xullo e outro, do día 13. Trátase dunha muller de 88 anos que estaba ingresada no hospital de Ferrol e doutra muller de 100 anos que morreu na residencia García Hermanos de Betanzos, onde os últimos datos apuntaban á existencia de 5 persoas con test positivo e a maior parte deles, sen apenas síntomas tamén por efecto da vacina. 

O falecemento desta muller centenaria é o primeiro dunha persoa coa COVID residente nun centro da terceira idade dende o pasado marzo. Ata o comezo da vacinación, as mortes de persoas que vivían en residencias chegaron a ser máis do 40% do total. Esa cifra global chega agora ás 2.441 persoas.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.