Unha compoñente do grupo de nove persoas que facían o Camiño xuntas atoupouse mal entre Portomarín e Palas, onde acudiu ao centro de saúde. Ante a imposibilidade de lle facer alí unha PCR, foi trasladada ao hospital de Santiago, onde foi confirmaron o positivo e quedou ingresada
Paula é unha moza compostelá que estuda en Madrid. Xunto con outros oito compañeiros da universidade, hai tres días principiou o Camiño de Santiago en Sarria. Na segunda etapa, entre Portomarín e Palas de Rei, unha das súas compañeiras "comezou a atoparse mal", con forte fatiga e síntomas semellantes á febre. Atende a Praza.gal dende o albergue de Palas onde se atopa confinada con outras sete persoas á espera de poder saber se están ou non contaxiadas do coronavirus.
Inicialmente, atribuíron os síntomas da compañeira a unha insolación. "Como non melloraba", ao chegar a Palas acudiron ao centro de saúde, sen medios para realizar unha proba PCR e onde lle indicaron que, ao día seguinte, podería trasladarse ao hospital de Lugo para facela. Ante o temor a que se tratase dun caso de COVID-19 e coa imposibilidade de illarse nun cuarto individual no albergue que contrataran, un familiar dun membro do grupo residente en Santiago recolleuna e levouna ao Clínico compostelán, onde foi confirmado o seu positivo e quedou ingresada.
Relata Paula que, como corresponde, a moza contaxiada, que viaxara dende Mallorca en avión, "deu os nosos números de teléfono" como contactos estreito. Ao coñeceren que deran positivo "confinámonos no albergue" nun espazo facilitado polos propietarios -é unha instalación privada- e dispuxéronse a esperar pola chamada do servizo de rastrexo. Non souberon do Sergas ata a noite do sábado, cando "dende Sanidade, en Lugo, nos chamaron para dicirnos que non tiveran noticias de nós" ata ese momento e que sería neste domingo cando recibirían unha nova chamada para detallar cando e onde poden pasar as probas PCR.
Paula e o resto do grupo atópanse ben, pero abondan que a súa inquietude pola demora no rastrexo se debe tanto por poderen ser positivas e asintomáticas como pola posibilidade de contaxio doutros peregrinos que continúan no Camiño
Na mañá deste domingo o grupo confinado en Palas atopábase ben, sen síntomas. Pero "estamos preocupadas", explica, tanto pola posibilidade de seren positivas e asíntomáticas como "porque hai uns días compartimos un espazo bastante grande con outros peregrinos e se aínda non nos fixeron a proba a nós, a eles tampouco". Detalla unha familiar do grupo que ese espazo foi "un pavillón de liteiras en Sarria con outras 50 persoas, supostamente illadas en grupos, pero separadas con cortinas de tea".
Paula abonda que a súa inquietude pola tardanza no rastrexo ten o foco na posibilidade de que o caso da súa amiga derivase noutros contaxios "doutros peregrinos" que na xornada do sábado continuaron o Camiño -a seguinte parada é habitualmente Melide". Se fose o caso e "isto non se para, chegará a Santiago", evidencia.
Sete das oito compoñentes do grupo que quedaron en Palas deron positivo nas PCR, finalmente realizadas o domingo. "Nin no centro de saúde nin no hospital sabían nada do seguro da Xunta", lamenta a familia dunha das peregrinas
Malia á inquietude, esta peregrina compostelá agradece especialmente o trato dos propietarios do albergue en Palas. "Son moi agradables, dándonos de comer e facilitándonos un espazo para estar as oito persoas" mentres agardan polas probas e as instrucións para o resto da corentena.
Esas proba foron finalmente realizadas e o resultado chegou o propio domingo, con 7 positivos entres os 8 membros do grupo. Segundo confirma a Consellería de Sanidade, dúas persoas marcharon para as dúas casas mediante unha declaración responsable para gardaren alí a corentena e as outras seis quedaron nun albergue da Xunta, onde terán un "control diario" dos posibles síntomas.
A familia agrega, pola súa banda, que a súa contrariedade tamén se debe a que, cando menos ata o serán do sábado, "o albergue tampouco fora contactado por parte da Xunta" e "nin no centro de saúde nin no hospital sabían nada do seguro para peregrinos, nin que a Xunta se fose ou non facer cargo do illamento dos posibles positivos". Ademais, lamentan, nos teléfonos de atención do Sergas recibiron instrucións contraditorias sobre se a persoa que trasladou en coche á peregrina infectada ata Santiago, xa vacinada, debe ou non facer corentena.