A Xunta ofrece “información para visitantes de fóra de Galicia que queiran facer o Camiño” sen explicitarlles o peche perimetral pola COVID
A entrada en Galicia está prohibida desde o 23 de decembro como medida de prevención fronte á COVID-19 salvo para determinadas excepcións entre as que non está o turismo ou a peregrinación a Santiago. Malia a esa restrición, no primeiro trimestre do ano 58 persoas obtiveron a Compostela na Oficina do Peregrino tras declarar que iniciaran o camiño en localidades fóra de Galicia e 50 persoas, que poden ou no coincidir en parte coas anteriores, declararon á súa vez ser “residentes no estranxeiro”.
A Xunta admite que turistas estranxeiros poden entrar en Galicia polos aeroportos e facer o camiño dentro de territorio galego, pero non dá resposta aos casos en que a peregrinación se iniciou fóra de Galicia e implicou cruzar o límite terrestre por Asturias, Castela e León ou Portugal. Ao tempo, a web oficial do camiño da Xunta ofrece “información para visitantes de fóra de Galicia que queiran facer o Camiño” sen explicitarlles o peche perimetral, cuestión que o Goberno galego rexeita explicar.
A chegada de peregrinos a Santiago non se detivo nin cando, un mes antes do peche de toda Galicia, o 30 de outubro, ás 3 da tarde, a cidade de Compostela quedou pechada polo coronavirus e Xunta interpretou as súas propias restricións para que estas non afectasen a persoas que estivesen a facer o camiño e puidesen acreditalo con selos. A normativa de restricións recompilada pola Xunta nunca incluíu ningunha referencia á peregrinación, pero si contempla como excepcións á posibilidade de entrada ou saída dos concellos pechados ou do conxunto de Galicia o “retorno ao lugar de residencia” así como “a circulación en tránsito” con destino a outros lugares. E a Xunta interpretou esas excepcións de xeito que “calquera persoa que estea facendo o camiño, e que poida acreditalo con selos, pode entrar e durmir en Santiago” como lugar de paso para o retorno ao seu domicilio.
En decembro e xaneiro, con Santiago pechada, rexistráronse 150 peregrinos, e no primeiro trimestre deste ano, no que a cidade se abriu o 26 de febreiro, houbo 268, dos que 58 declararon como punto de procedencia da súa peregrinación localidades de fóra de Galicia
Co paso do tempo ao peche da cidade de Santiago engadiuse o 23 de decembro o de toda Galicia e mesmo outras restricións de mobilidade internacionais, o que non impide que peregrinos que solicitan a Compostela veñan declarando lugares de residencia ou de inicio do camiño que deberan ser incompatibles coa chegada a Compostela. Así, no primeiro trimestre do ano, dos 268 peregrinos rexistrados nas estatísticas da oficina do arcebispado, 58 declararon que iniciaran o camiño en lugares fóra de Galicia, desde Francia ou Portugal ata o Bierzo ou Madrid. Ao tempo, 50 peregrinos, que poden ou non coincidir en parte con algúns dos anteriores, declararon ser “residentes no estranxeiro”, e outra trintena noutras comunidades autónomas distintas de Galicia. Previamente, en decembro e xaneiro, coa propia cidade de Santiago pechada ademais do peche xeral de Galicia, xa se rexistraran outros 150 peregrinos. E en febreiro, cando a cidade de Santiago non foi aberta ata o día 26, outros 14, dos que 5 declararon residir no estranxeiro e 9 iniciaron o camiño fóra de Galicia.
Ao tempo, a web oficial da Xunta sobre o Camiño de Santiago recolle un apartado, con data do 31 de marzo, no que ofrece “información para visitantes de fóra de Galicia que queiran facer o Camiño”. Nel non se di de xeito expreso que estea prohibida a entrada en Galicia para facer turismo ou peregrinar senón que se limita a recomendar “aos visitantes que cheguen ou saian de Galicia, teñan en conta as seguintes medidas de prevención hixiénico sanitarias”, remitindo a continuación a consultar a web xenérica do Sergas (www.sergas.gal) pero sen sinalar nada a respecto das restricións ao turismo. Pola contra, si se salienta que “a Xunta puxo en marcha o programa Camiño Seguro, unha iniciativa coa que se promove unha peregrinación adaptada á actual situación sanitaria a través dun protocolo integral de actuación nos itinerarios xacobeos en Galicia”.
"Galicia é un destino seguro para turistas e peregrinos", publicita o Goberno galego, que admite que "aínda que Galicia está perimetrada si é posible que peregrinos estranxeiros fagan o Camiño e recollan a Compostela sempre e cando cheguen ao territorio vía aeroporto"
A pasada fin de semana o propio vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, baixo cuxo departamento está tamén a área de Turismo, fixo unha etapa do camiño en bicicleta e o Goberno galego divulgouno cun comunicado que titulaba con que “Galicia é un destino seguro para turistas e peregrinos”, malia que está pechada para esas dúas actividades. Só máis adiante no texto matízase que Rueda “confía en que cando a situación sanitaria o permita e se recupere a mobilidade, Galicia estará preparada a recibir a turistas e peregrinos nun destino seguro”. A Xunta aproveitaba para dar a cifra de “máis de 500 compostelas” entregadas nos días festivos da Semana Santa insinuando que foran expedidas a galegos e galegas. Só no último domingo desa semana as compostelas entregadas foron 272, mentres que este pasado domingo 11 de abril a cifra foi de 39.
Praza.gal preguntou á Vicepresidencia Primeira con amparo en que norma ou excepción poden seguir chegando a Santiago peregrinos de fóra de Galicia e se a Xunta pode dicir de xeito expreso que non se pode entrar en Galicia para peregrinar porque a comunidade está pechada para ese motivo. A Xunta evita realizar tal afirmación e afirma que “aínda que Galicia está perimetrada si é posible que peregrinos estranxeiros fagan o Camiño e recollan a Compostela sempre e cando cheguen ao territorio vía aeroporto, cumprindo a normativa actual, e fagan o Camiño no noso territorio”.
O goberno galego aclara que “se o potencial peregrino chega ao noso territorio vía aeroporto pode facelo cumprindo coa normativa actual derivada das competencias para a regulación de viaxeiros, que son estatais” e engade que “actualmente para entrar en Galicia o que se lles pide é que cumpran co rexistro de viaxeiros, igual que o resto dos viaxeiros, tendo en conta as limitacións na chegada de viaxeiros dalgúns países”.
A propia Xunta admite que “no caso de que o peregrino chegue vía terrestre, hai que lembrar que Galicia está perimetrada e, polo tanto, non pode acceder a través das fronteiras terrestres nacionais ou internacionais, a través de ningún tipo de transporte (coche, ferrocarril, a pé ou en bicicleta)”. Porén, non dá explicación aos 58 casos de peregrinos que declararon iniciar o camiño en lugares fóra de Galicia. Tamén rexeita contestar a Xunta á pregunta sobre por que a súa web oficial do camiño inclúe un apartado titulado “información para visitantes de fóra de Galicia que queiran facer o Camiño” no que non se indica de xeito expreso que non está permitida a entrada en Galicia para ese motivo nin se matiza a excepción para persoas procedentes do estranxeiro por vía aérea.