Tres quintas partes da poboación galega coa vacina completa da COVID entre leves sinais de freo na suba da incidencia

Indicacións para a vacinación contra a COVID-19 na Cidade da Cultura (Santiago), a pasada semana CC-BY-NC-SA Praza Pública

O Servizo Galego de Saúde notificou este luns, 19 de xullo, 975 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo. Foron menos de mil neste ciclo de vinte e catro horas por primeira vez en cinco xornadas e 345 máis que na mesma xornada da semana anterior. En termos de días naturais, o último día con datos completos dispoñibles, o sábado 17, finalizou con 1.141 casos novos.

As case 60.000 doses administradas en Galicia dende o pasado venres foron, sobre todo, a completar pautas no grupo de 40 a 49 anos e a primeiras inxeccións a poboación de 30 a 39. As incidencias da COVID os grupos aínda non incorporados á vacinación masiva cuadriplican amplamente o dato global

A comparación mecánica destas cifras de casos novos permitiría afirmar que a actual situación da pandemia é semellante á posterior ao Nadal, superando a media de mil infeccións diagnosticadas cada día dos últimos sete por primeira vez dende principios de febreiro. No entanto, o avance da campaña de vacinación muda por completo o panorama e así o volven acreditar os datos por idades divulgados este luns polo Ministerio de Sanidade. Na liña do que vén admitindo o Sergas -no seu caso, sen publicar os datos completos-, o groso dos novos casos e daquela, as incidencias acumuladas máis elevadas, seguen concentrándose nos grupos de idade aínda non incorporados á vacinación masiva.

Tras tres días (do venres ao domingo) nos que foron administradas 58.313 doses de vacinas, practicamente o 60% da poboación galega (o total estatal cruzou este luns o limiar do 50%) e o 65,4% da 'poboación diana' da campaña de vacinación (a maior de 12 anos) ten xa a pauta completa da vacina contra a COVID. A cobertura chega, daquela, a tres de cada cinco persoas. E, outra volta, os datos ratifican que os grupos de poboación máis protexidos pola vacinación son os menos atinxidos pola nova vaga da pandemia (e viceversa). Así, entre a poboación de 12 a 29 anos, a incidencia a 14 días chega a cuadriplicar o dato global galego e a quintuplicar o incremento na última semana.

Os datos divulgados este luns polo Ministerio acreditan que o principal avance na campaña de vacinación durante a pasada fin de semana se produciu entre o grupo de 40 a 49 anos, no que practicamente tres de cada catro persoas teñen xa a pauta completa. Destaca tamén o avance en primeiras doses no grupo de 30 a 39, que pasa do 44,1% con cando menos unha dose o pasado xoves ao 50% que reflicten os datos publicados este luns, pechados o domingo.

Eses mesmos datos do domingo reflicten que, dende o comezo da campaña de vacinación, en Galicia foran administradas xa 3,28 millóns de doses de vacinas. Son o 95% das recibidas ata esa xornada, uns catro puntos por riba da media estatal. 1,82 millóns de persoas recibiron xa cando menos unha dose.

Pontevedra-O Salnés e Ourense, á cabeza dunha incidencia con sinais de lixeiro freo

A situación non é homoxénea por idades e, como adoito, tampouco o é territorialmente. As cifras de casos detectados en contornas como varios concellos do Salnés provocan que a área sanitaria de Pontevedra volva encabezar a incidencia acumulada a 7 días, con case 450 casos novos por cada cen mil habitantes. Supera así á área de Ourense (413) e a continuación sitúase a de Vigo, que roza os 300 cos datos do último día completo dispoñible (o sábado 17).

Estas cifras -sempre en termos de días naturais- deixan o dato global galego preto dos 400 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días (nos datos do Ministerio, pechados unhas horas máis tarde, xa os supera) e o indicador a 7 días roza os 270. A liña segue sendo, daquela, claramente ascendente, se ben a comparación das incidencias acumuladas de cada día coas da mesma xornada da semana anterior (a coñecida como razón de taxas) apuntan a un leve freo no ritmo de incremento

Cómpre agardar uns días para comprobar se o freo no crecemento da incidencia se consolida

Este indicador -representado no gráfico sobre estas liñas- apunta a un descenso da incidencia acumulada cando é inferior a 1 e un incremento cando está por riba deste limiar. Nos últimos dous días segue evidenciando incrementos, pero a un ritmo lixeiramente menor. Cómpre agardar, non obstante, antes de afirmar que se está a producir un cambio de tendencia.

Outro indicador que segue en niveis altos é a taxa de positividade das probas PCR. A media galega a sete días rolda o 10%, o dobre do sinalado pola Organización Mundial da Saúde como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio. Non é posible coñecer cos datos do Sergas, non obstante, o efecto que pode ter neste indicador que boa parte dos cribados se estean a facer mediante test de antíxeno derivando, daquela, nunha maior presenza de persoas infectadas entre as que son sometidas a unha PCR. Contando todas as probas diagnósticas (dato que difunde o Ministerio), o indicador baixa ao 8,86%.

Incremento da hospitalización á espera da fin do 'efecto fin de semana'

As 140 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 ás seis da tarde do domingo eran 74 máis ca unha semana antes

Os novos casos, malia ás súas elevadas cifras, non se distribúen por idades como nas anteriores vagas e este efecto da vacinación séguese traducindo na ocupación hospitalaria, malia aos incrementos dos últimos días. As 140 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID-19 ás seis da tarde do domingo eran 74 máis ca unha semana antes, un obvio incremento cuxa dimensión, non obstante, non poderá ser ponderada con precisión ata o martes, cando se reflictan na estatística do Sergas as altas non tramitadas durante a fin de semana. As persoas na UCI co coronavirus son 21 e hai unha semana eran dez menos.

A hospitalización segue sendo unhas dez veces inferior á dos anteriores períodos con cifras de casos novos semellantes ás actuais e a outra gran diferenza continúa reflectíndose nos datos de mortalidade. No que vai de mes de xullo son 7 os falecementos de persoas con test positivo desta doenza notificados polo Sergas. O último, dunha muller de 76 anos falecida no Clínico de Santiago o pasado día 16, pero cuxa morte non foi notificada ata este mesmo luns.

O total oficial situarase así o martes en 2.443 falecementos. Nove de cada dez mortes ligadas á pandemia foron persoas maiores de 70 anos. Estes grupos de idade son agora, precisamente, os que máis tempo levan con maior protección contra a enfermidade a través da vacinación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.