Nos primeiros días de xullo, no que resultou ser o comezo da nova vaga da pandemia, persoal de diferentes centros de Atención Primaria do Sergas e sindicatos e asociacións que o representan reiteraban a súa alerta. Ás habituais carencias de persoal durante o verán engadíanse este ano o desgaste tras ano e medio de pandemia, o esforzo adicional da campaña de vacinación e as especiais características desta onda, que non impacta tanto nos hospitais grazas ao avance do propio proceso de vacinación, pero si o fai nos centros de saúde e nos servizos de rastrexo para o seguimento das persoas que dan positivo e dos seus contactos.
A actual vaga da pandemia impacta moito menos que as anteriores nos hospitais, con 149 persoas ingresadas, pero a atención das case 12.000 persoas identificadas como casos activos con seguimento domiciliario si presiona os centros de saúde e os servizos de rastrexo
Nos días seguintes, sindicatos como a CIG-Saúde e persoal de centros a título individual multiplicaron as súas advertencias: "estanse recortando vacacións do persoal" ou "obrigando a realizar horas complementarias" para poder atender a presión asistencial, subliñaba a central sindical. "A vacinación deixa a Atención Primaria sen enfermeiras para cubrir vacacións", agregaba o sindicato sectorial SATSE. "Os médicos de familia están atendendo unha media de 90 pacientes por xornada, o PAC está desbordado e o persoal ten que aguantar quendas de 14 horas", sintetizaba a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Sanxenxo.
Con este pano de fondo, este martes, 20 de xullo, a Xunta divulgou un comunicado en ton relativamente pouco habitual para "lembrar á cidadanía" que "as persoas identificadas como contacto estreito" de positivos por COVID "non precisan recorrer aos servizos da Atención Primaria" se non teñen síntomas da doenza. Faino nun contexto no que, atendendo aos datos divulgados nesta mesma xornada, as persoas consideradas como positivos activos con seguimento domiciliario son 11.888; 6.353 máis que hai unha semana. Mentres, as hospitalizadas con test positivo do coronavirus son 149; 86 máis que hai sete días.
Sen obriga de corentena os contactos con vacina completa
Na súa comunicación aos medios, a Xunta tamén agrega un aspecto no que ata o momento non puña o foco. "Estarán exentas de gardar corentena aquelas persoas que, malia ser consideradas contacto estreito, estean vacinadas con pauta completa na data do último contacto coa persoa contaxiada" e tamén "aquelas persoas que pasasen a enfermidade" nos seis meses previos. Nestes casos só habería "tres excepcións" nos que si cumpriría a corentena: "persoas inmunodeprimidas, se existe a sospeita de que o contaxio se debe a unha variante especial do virus -beta e gamma- ou se o contaxio procede dun visón".
Sanidade enfatiza que as persoas con vacina completa non deben gardar corentena se son contacto estreito e ínstaas a "non chamar nin acudir" aos centros de saúde porque "Saúde Pública encargarase de citalas" para facer unha PCR
Neste contexto, o Goberno galego agrega outra advertencia para que estas persoas consideradas contactos estreitos, pero sen obriga de corentena, non recorran aos centros de saúde. "Saúde Pública encargarase de citalas para a realización de probas diagnósticas" e por iso, enfatiza, "non é preciso nin chamar nin acudir aos centros de Atención Primaria para concertalas". Para todos estes labores de seguimento de contactos, asegura sen dar máis detalles, vén de incorporar "250 profesionais" á central de rastrexo. [Galicia encara o segundo verán da pandemia pendente aínda de contratar un sistema estable de rastrexo da COVID]
1.165 novos casos, pero freo no ritmo de incremento da incidencia
Estas alertas do persoal dos centros de saúde e o que semella unha resposta por parte da Xunta chega nunha xornada na que o Sergas notificou 1.165 casos novos do coronavirus, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns. Malia á elevada cantidade de casos totais rexistrados, o crecemento das infeccións activas diagnosticadas cada día modérase levemente -unhas 1.061 diarias, na media dos últimos sete días- e o mesmo volve suceder co ritmo de incremento da incidencia acumulada, que a sete días segue encabezada polas áreas de Pontevedra-O Salnés e Ourense e presenta unha novidade: o indicador ourensán descende levemente por primeira vez dende finais de xuño.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a razón de taxas (comparación da incidencia acumulada a 14 e 7 días de cada xornada coa do mesmo día da semana anterior) vén indicando nos últimos tres días con datos completos que o seu ritmo de incremento acouga. De momento faino levemente e, en calquera caso, este indicador debe ser menor a 1 para amosar descenso. Non obstante, o feito de que a deceleración comece pola incidencia a 7 días (a máis inmediata) será un bo sinal se se consolida.
Como vén sucedendo dende hai semanas, en calquera caso, todos estes datos están condicionados por unha mesma variable: os novos casos concéntranse, sobre todo, entre os grupos de idade aínda non incorporados á vacinación masiva. Así o volven amosar os datos divulgados este martes polo Ministerio de Sanidade.