A suba da incidencia da COVID acouga aos poucos en Galicia e a vacinación achégase aos grupos máis desprotexidos

Cribado da COVID en Marín o pasado abril © Concello de Marín

O Sergas notificou este xoves, 22 de xullo, 1.483 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores e provenientes, na súa práctica totalidade, de contaxios de hai unhas dúas semanas. En termos de días naturais, no último con datos completos dispoñibles (o martes), rexistrou 1.082 casos novos. Nos últimos sete días con información pechada, diagnosticou unha media diaria de 1.153 infeccións activas.

O Sergas notifica este xoves 1.483 casos novos que seguen concentrándose nos grupos aínda fóra da vacinación masiva. Nos últimos sete días con datos completos diagnosticou unha media diaria de 1.153 infeccións activas

Este último indicador, o da media diaria de diagnósticos, modera levemente o seu crecemento dende hai días. As cifras seguen sendo moi elevadas, pero o ritmo de crecemento xa non o é tanto nun contexto no que, en calquera caso, xa ningunha variable se pode observar sen ter en conta o avance da vacinación e a súa correlación co impacto do virus por grupos de idade. Así o volven amosar os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade este xoves, coa incidencia acumulada a 14 días no grupo de 20 a 29 anos superando os 2.000 casos novos por cada cen mil persoas e achegándose a ese limiar no de 12 a 19. Mentres, nos grupos máis protexidos pola vacina, non chega a 80 malia ao incremento xeral.

Alén dos reproches contra o Estado, a Xunta avanzou que se dispón a inxectar as primeiras doses de vacina a menores de 30

Esta é a razón pola que, coa incidencia global de Galicia roldando os 500 casos novos por cada cen mil habitantes (a diferenza no dato do Sergas e no do Ministerio débese á hora de corte), cobra especial importancia que as vacinas vaian achegándose, aos poucos, aos grupos ata agora menos protexidos. Así, mentres continúa o incremento na porcentaxe de cobertura con primeiras doses para o grupo de 30 a 39 anos -xa cun chisco máis da metade-, a Xunta (malia aos reproches de Feijóo contra o Estado por supostos erros no subministro) avanzou que na vindeira semana comezará xa a inxectar as primeiras doses a menores de 30 e horas despois anunciou por sorpresa a apertura da autocita para o grupo de 16 a 19.

Segue a suba, pero é máis lenta

A comparación da incidencia acumulada coas dos mesmos días da semana pasada amosa un freo no ritmo de incremento da incidencia, máis acusado no indicador a sete días

En vésperas da entrada en vigor das novas restricións da Xunta -pendentes aínda da ratificación do Tribunal Superior no que atinxe á limitación do dereito de reunión-, a foto fixa de cada xornada segue falando de empeoramento da situación, pero a tendencia segue amosando uns sinais de freo do incremento que, aínda que leves, xa duran cinco días. Ese lixeiro freo amósao o indicador coñecido como razón de taxas, isto é, a comparación da incidencia acumulada de cada día -natural- coa do mesmo día da semana anterior. 

Cando o resultado da división é superior a 1 implica incremento e iso é o que sucede actualmente. Pero tamén é certo que, dende o pasado día 5, a razón de taxas comeza a caer e faino ademais con máis intensidade no indicador máis inmediato, o da incidencia a 7 días. Cómpre agardar aínda varias xornadas máis, non obstante, para saber se este freo se consolida e acaba traducíndose nunha redución dunha incidencia acumulada que non obstante, cómpre ler sempre acompañada dos datos de vacinación.

A incidencia por idades non é homoxénea e tampouco o é territorialmente. Nesta liña, os datos a sete días amosan que parte do freo do dato galego provén, cando menos en parte, das dúas áreas sanitarias coas incidencias acumuladas máis altas. A de Ourense, diminúe levemente o seu indicador e queda nuns aínda elevados 392 casos novos por cada cen mil habitantes a 7 días e a de Pontevedra tamén frea -de momento puntualmente- na contorna dos 500, a cifra máis alta do país. Tamén se observa un lixeirísimo acougo, pero aínda en tendencia ascendente, na área sanitaria de Vigo (321).

A situación asistencial, contida nos hospitais e presionada no resto do sistema

Todas estas cifras e o seu reparto por idades seguen trazando unha situación asistencial ben diferente á de anteriores vagas da pandemia. As 175 persoas ingresadas con tes positivo da COVID-19 ás seis da tarde do mércores eran 96 máis que unha semana antes, cun ritmo de incremento que tamén acouga levemente. As persoas na UCI, 22, son sete máis que hai sete días. 

Sendo isto certo, non o é menos que os 13.963 casos activos reportados este xoves polo Sergas implican que case 13.800 persoas teñen prescrito o seguimento domiciliario por seren considerados como positivos. A esta atención engádese a ligada aos seus contactos estreitos, presionando notablemente a Atención Primaria e o servizo de rastrexo, como vén denunciando o persoal dende hai semanas e admite a propia Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.