A Xunta abre a autocita de vacina para 16-19 anos con 17.000 doses de persoas de máis idade que calcula que non acudirán

Feijóo na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves na que confirmou a autocita para vacinas ao grupo de entre 16 e 19 anos CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

“Fixemos unha composición sobre que vacinas quedarían libres” en función de “como evoluciona” a campaña activa aos grupos de idade superior e “as persoas que non acoden”, di Feijóo

Este mércores, na mesma xornada en que o presidente Feijóo reprochaba ao Goberno de España non “explicar” á mocidade que para ela “non habería vacinas” contra a COVID-19 no verán e xustificaba por iso a necesidade de aumentar as restricións, o Sergas abriu por sorpresa a posibilidade de autocita para vacinacións ao grupo de idade de entre 16 e 19 anos. Cando aínda agora comezan a administrarse na área sanitaria de Santiago as primeiras doses da denominada campaña activa -a de citas ditadas automaticamente polo Sergas- para o grupo de 20 a 29 anos, que chegarán ao resto de áreas nos próximos días, este xoves o presidente Feijóo confirmou que un día antes, xa se outorgaran 6.000 citas a persoas de menos idade. E que este venres estarán dispoñibles outras 11.000 citas tamén para ese mesmo grupo de 16 a 19 anos. 

Segundo o presidente, as 17.000 citas para vacinar persoas de entre 16 e 19 anos “a partir da segunda semana de agosto” que agora se facilitan son posibles grazas ás estimacións que a propia Xunta fai de persoas de máis idade que finalmente non acoden ás citas da campaña de vacinación activa ditadas polo Sergas. Feijóo foi preguntado expresamente polas súas queixas de falta de vacinas para os máis mozos e se están garantidas as doses para as persoas de maior idade. “Fixemos unha composición sobre que vacinas quedarían libres”, respondeu o presidente, en función de “como evoluciona” a campaña activa nos grupos de idade superior e “as persoas que non acoden”. 

O propio Feijóo admitiu que o cálculo de vacinas a administrar con autocita para o grupo de 16 a 19 anos non só depende da estimación da Xunta das persoas de máis idade que non acode senón tamén "coa previsión que nos comenta o ministerio"

“Estas citas non diminúen para nada o compromiso” da vacinanción por idade, asegurou Feijóo, que engadiu a obviedade de que “se tiveramos vacinas acabariamos no mes de agosto con todas as persoas que están sen vacinar”. Pero tras facer responsable un día antes ao Goberno central de que non se podería vacinar ás persoas de menos idade por falta de vacinas, este xoves o presidente engadiu que o cálculo de vacinas que vai destinar a autocita para a poboación de 16 a 19 anos non só sae da estimación de persoas de máis idade que non acode na súa quenda senón que tamén “o facemos coa previsión que nos comenta o ministerio”. 

Instalacións para a vacinación contra a COVID-19 en Expocoruña CC-BY-SA Sergas

Sobre a apertura da autocita por sopresa este mércores sen que a Xunta informase oficialmente dela a única valoración que ofreceu o presidente foi que ao Goberno galego o sorprendeu “que se cubriu en horas, o cal é unha boa noticia”. 

21.600 doses máis, avance centrado no grupo 30-39

O repentino cambio de guión da Xunta na estratexia de vacinación dos grupos de idade máis mozos chegou tras unha xornada na que, segundo os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade, o Sergas administrou 21.587 novas doses de vacina, boa parte delas para avanzar nas primeiras doses do grupo de 30 a 39 anos. Así, son xa 1,84 millóns de persoas as que en Galicia teñen cando menos unha dose de vacina (algo máis do 68% da poboación total) e a pauta completa alcanza case ao 61% da poboación, 1,64 millóns de persoas.

Dende o comezo da campaña de vacinación, o Sergas leva administradas 3,33 millóns de doses. Son o 97,1% das recibidas ata o mércores, uns tres puntos por riba da media estatal.

Tras o devandito avance no grupo de 30 a 39 anos, as persoas nesta franxa de idade que recibiron cando menos unha dose superan o 55%, pero as que teñen a pauta completa seguen por baixo do 15%. No grupo de 20 a 29 anos -no que polo momento só foron vacinadas persoas de profesións consideradas esenciais ou outras por padeceren determinadas doenzas- cruzouse este mércores o limiar do 10% con cando menos unha dose, polo que a poboación vacinada neste grupo segue sendo residual.

Na banda contraria están os grupos de maior idade. Así, segundo esta última actualización, o 91,3% da poboación galega maior de 40 anos xa ten a pauta completa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.