Á espera de pronunciarse sobre o fondo da cuestión, o tribunal levanta a suspensión pedida polo Goberno de España do resto de artigos da lei de saúde de Galicia aprobada polo PP
O Tribunal Constitucional vén de emitir un auto [aquí o PDF] co que o seu pleno, por unanimidade, decide manter a suspensión do punto da Lei de Saúde de Galicia introducido o pasado febreiro co voto favorable do PP e en contra de BNG e PSdeG para permitir que a Xunta poida decretar a vacinación obrigatoria de persoas no caso dunha emerxencia sanitaria.
Á espera de pronunciarse sobre o fondo da cuestión, o tribunal levanta a suspensión do resto de artigos da lei de saúde de Galicia que pedira deixar sen efecto o Goberno de España, que fan referencia a medidas como o illamento domiciliario, o control de persoas infectadas ou dos seus contactos ou o confinamento perimetral de zonas xeográficas. Neses casos, di o Constitucional, as medidas que afectan a dereitos fundamentais deben ser ratificadas pola xustiza, polo que non atopa problemas para levantar a suspensión que pretendía manter o Goberno de España.
"O levantamento da suspensión do precepto impugnado sería susceptible de provocar prexuízos certos e efectivos que poden resultar irreparables ou de difícil reparación", di o Constitucional sobre a vacinación obrigatoria en suspenso
Tras a aprobación da lei polo PP no Parlamento de Galicia o Goberno de España empregou a posibilidade que ten solicitar a suspensión inmediata dunha lei autonómica que decida recorrer ante o Constitucional. Esa suspensión automática debe ser analizada no prazo máximo de cinco meses polo propio Constitucional antes de pronunciarse sobre o fondo da cuestión, e iso é o que fai agora.
Segundo o Constitucional, no caso do punto da lei galega que habilita á Xunta para impoñer a vacinación obrigatoria, esta "supón unha intervención corporal coactiva e practicada á marxe da vontade do cidadán", polo que "o levantamento da suspensión do precepto impugnado sería susceptible de provocar prexuízos certos e efectivos que poden resultar irreparables ou de difícil reparación". Por iso, mantén a suspensión dese punto da lei.
No caso do resto de medidas previstas pola lei e suspendidas de xeito automático pola petición do Goberno de España -non toda a lei estaba suspendida-, o Constitucional di non apreciar que o levantamento da suspensión "poida deparar prexuízos de imposible ou difícil reparación para o interese xeral” xa que as restricións que afecten a desprazamentos ou agrupacións de persoas “só poderán adoptarse” cunha motivación expresa e proporcionada. “Como advertimos antes para outras medidas que tamén afectan á liberdade ambulatoria das persoas afectadas, nada hai no precepto impugnado que autorice a interpretar que se exclúe a intervención xudicial para o caso de que se adopten esas medidas”, di o Constitucional.
Tras coñecerse o auto do Tribunal Constitucional, a Xunta salientou que “levanta a suspensión da Lei de Saúde de Galicia na súa maioría”, mentres que no caso da vacinación, o Goberno galego di que “xa amosara a súa disposición a chegar a un acordo co Estado para unha nova redacción dese punto”.