O recurso do Estado no Constitucional suspende o artigo da reforma sanitaria da Xunta que atinxe a dereitos fundamentais

Pedro Sánchez e Alberto Núñez Feijóo, na Moncloa o pasado xaneiro © Goberno de España

A oposición galega dábao por seguro dende que o PP -e non o Goberno galego- comezou a tramitala no Parlamento, os propios populares prepararon politicamente o terreo dende hai semanas e o Goberno de España ratificou este martes en Consello de Ministros os pasos que dera hai apenas dúas semanas. Un dos aspectos clave da reforma da lei de saúde de Galicia impulsada pola formación de Alberto Núñez Feijóo e firmemente defendida polo seu Executivo está agora nas mans do Tribunal Constitucional e, de entrada, a súa aplicación queda suspendida.

A ministra portavoz, María Jesús Montero, avanzaba este martes en rolda de prensa o que despois o Goberno ratificou por escrito. O Executivo que encabeza Pedro Sánchez non leva ao TC toda a lei de saúde e tampouco toda a reforma de Feijóo. Só o seu apartado quinto, o que atinxe a dereitos fundamentais que, alén do balbordo mediático e partidario das últimas semanas, ten consecuencias bastante máis amplas que o dunha potencial vacinación obrigatoria en casos puntuais.

O Goberno de España recorre ante o TC o apartado quinto da reforma sanitaria aprobada polo PP galego por "restrinxir e limitar dereitos fundamentais que só se poden regular nunha lei orgánica"; o inicio do trámite implica a súa suspensión temporal ata cinco meses

Sinala o Goberno de España que decidiron interpoñer o recurso tras contaren co "aval" do Consello de Estado no ditame que lle solicitaron ao respecto, certificando a súa interpretación de que a reforma galega "restrinxe e limita dereitos fundamentais" que "só se poden regular nunha lei orgánica que, polo tanto, só pode ser ditada polo lexislador estatal". "A norma -resaltan- contempla medidas de control sobre persoas enfermas que inclúen illamento en domicilio ou internamento en centros hospitalarios", así como "a obriga de someterse a determinadas medidas de prevención como a vacinación obrigatoria".

A formulación do propio recurso, salienta o Goberno central, implica "a suspensión do apartado recorrido ata que o Tribunal Constitucional decida". O TC ten ata cinco meses para "ratificar ou erguer" esa suspensión. [A polémica da vacinación solapa o impacto nos dereitos fundamentais e o réxime sancionador na reforma sanitaria do PP]

Feijóo e o conselleiro de Sanidade no hospital de Burela, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O que din os preceptos suspendidos

O apartado da reforma sanitaria agora suspendido implica unha profunda reforma do artigo 38 da lei de saúde de Galicia e faculta a Xunta para adoptar, entre outras, decisións actualmente cubertas polo Estado de Alarma ditado polo Estado a causa da COVID-19, no que o presidente galego é autoridade competente delegada. Así, por exemplo, a nova redacción do artigo permite, "cando exista ou se sospeite razoablemente a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación", a "incautación ou inmobilización de produtos", diversos peches ou medidas de autoprotección de diverso tipo.

A norma agora suspendida faculta a Xunta a adoptar medidas como as agora abeiradas no Estado de Alarma pola COVID-19 en materia de mobilidade, ou outras a respecto de tratamentos sanitarios e posibles vacinacións

Tamén converte en obrigatoria a "subministración de datos (...) para o control e a contención do risco para a saúde de que se trate" ou "ordenar" á cidadanía "a prestación de servizos persoais, de acción ou omisión, sempre de forma proporcionada á situación de necesidade". Xunto a este precepto, o PP galego sacou adiante en solitario outro artigo, segundo o cal a Xunta pode adoptar "calquera outra medida axustada á legalidade vixente e sanitariamente xustificada".

O aspecto máis controvertido da reforma vén sendo, non obstante, o que pasa a ser apartado segundo do artigo 38 que, aludindo á Lei orgánica estatal 2/1986 de medidas especiais en materia de saúde pública, dá marxe á Xunta para, por exemplo "adoptar medidas preventivas de recoñecemento, tratamento, hospitalización ou control cando se aprecien indicios racionais que permitan supoñer a existencia de perigo para a saúde da poboación debido á situación sanitaria concreta dunha persoa ou grupo de persoas". Entre esas "medidas preventivas" figura o "ilamento en domicilio, o internamento en centro hospitalario ou o illamento ou internamento noutro lugar adecuado para tal fin" ou o "sometemento das persoas enfermas a tratamento adecuado".

Neste paquete inclúese a posibilidade de "sometemento a medidas profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación ou inmunización". A continuación, cita diversas medidas que a Xunta actualmente pode aplicar ao abeiro do Estado de Alarma, tales como os peches perimetrais, restricións das reunións privadas entre non conviventes. A posibilidade de tomar estas medidas sen Estado de Alarma veu sendo reclamada insistentemente por Feijóo nos últimos meses.

Pontón reitera que o BNG advertiu "reiteradamente que esta lei tiña problemas de legalidade" e lamenta que o PP aprobase unha "lei inútil para loitar contra a pandemia". Caballero insta a Feijóo a tramitar unha nova reforma sen "debilidades xurídicas"

O propio presidente da Xunta reiterou esta reclamación tras confirmarse o recurso do Goberno de España ante o TC. Mentres, dende a oposición galega, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, subliña que Feijóo "xa sabía que esta lei tiña problemas de legalidade, como advertimos reiteradamente, e por iso non a levou ao Consello da Xunta", senón que "foi presentada polo PP, poñendo a venda antes da ferida". Alén da "coñecida posición" do Bloque sobre o TC, subliña a líder da formación, o "resultado" vén ser, ao seu xuízo, "unha lei inútil para loitar contra a pandemia e un recurso que alimenta a polémica de confrontación estéril que tan cómoda lle resulta ao PP"

Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, instara nos últimos días a Feijóo a enviar ao Parlamento unha nova reforma da lei de saúde polas súas "evidentes debilidades xurídicas". Entre elas, advertía o socialista, estaba o impacto en dereitos fundamentais do novo texto a través dese apartado quinto, agora suspendido mentres o Constitucional resolve.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.