Na última semana de febreiro a maioría parlamentaria do PP aprobou a reforma da Lei de Saúde do ano 2008, unha modificación que contou coa frontal oposición dos dous grupos da oposición, que denuncian que a norma supón un "estado de excepción permanente", un "regulamento sancionador camuflado" e un intento de "utilizar o medo para recortar dereitos". Nese momento, a propia ministra de Sanidade, Carolina Darias, advertiu que o Goberno central estaba á espera de informes xurídicos para decidir se recorría a norma ante o Tribunal Constitucional, alertando que “podemos estar ante una limitación de derechos fundamentales”.
O Consello de Estado terá ata o 23 de marzo para emitir un ditame, e o prazo para a interposición do recurso de inconstitucionalidade finaliza o 26 de maio
Este martes, o Consello de Ministros acordou solicitar ao Consello de Estado un ditame con carácter urxente sobre a posible inconstitucionalidade de varios apartados da norma, primeiro paso para a presentación dun eventual recurso ante o Tribunal Constitucional. O Consello de Estado terá ata o 23 de marzo para emitir un ditame, e o prazo para a interposición do recurso de inconstitucionalidade finaliza o 26 de maio.
Segundo se sinala na referencia do Consello de Ministros celebrado este martes, a norma galega "realiza unha serie de modificacións en medidas preventivas por razóns de protección da saúde pública e do réxime sancionador que recibiron observacións de inconstitucionalidade" por parte dos correspondentes departamentos ministeriais. Considérase que a reforma sanitaria "introduce restricións e limitacións aos Dereitos Fundamentais que segundo o artigo 81 da Constitución Española están reservadas a unha Lei Orgánica, que por tanto só pode ser ditada polo lexislador estatal".
Considérase que a reforma sanitaria "introduce restricións e limitacións aos Dereitos Fundamentais que están reservadas a unha Lei Orgánica, que por tanto só pode ser ditada polo lexislador estatal"
Neste senso, explica, a norma galega "regula pormenorizadamente os mecanismos extraordinarios para tutelar a saúde pública ante crises sanitarias con respecto á lexislación estatal, incidindo sobre os dereitos fundamentais dunha maneira que non se pode considerar un mero desenvolvemento da Lei Orgánica estatal". Pon como exemplo o artigo quinto, que establece entre outras medidas preventivas en materia de saúde pública que a comunidade autónoma poderá someter "a medidas profilácticas de prevención da enfermidade, incluída a vacinación ou inmunización". Tamén o artigo sétimo, que engade medidas preventivas en materia de saúde pública.
O Goberno central lembra que ante a posibilidade de obrigar á cidadanía a vacinarse, recollida na lei galega, a Estratexia de Vacinación fronte a COVID establece que a vacinación será voluntaria
Segundo o acordo do Consello de Ministros, igualmente resultarían "inconstitucionais" as previsións contidas nos apartados 12, 13, 14 e 15, que constitúen o réxime de infraccións e sancións asociado ás condutas reguladas nos apartados 5 e seguintes. Así mesmo, indícase que a norma pode vulnerar o artigo 116 da Constitución, que regula os estados excepcionais. Destácase que no marco do vixente estado de alarma, as comunidades autónomas teñen "atribucións delegadas que non poden utilizarse para aprobar esta lei ordinaria coma se fosen facultades correspondentes á xestión ordinaria das súas competencias".
Finalmente, con respecto á posibilidade de obrigar á cidadanía a vacinarse recollida na lei, o Goberno central entende que "ademais de afectar á reserva de Lei Orgánica e ao ámbito competencial do Estado en materia sanitaria, non considera a Estratexia de Vacinación fronte a COVID 19 en España", aprobada o 28 de xaneiro polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde e de "obrigado cumprimento". Esta estratexia recolle que a vacinación será voluntaria.