Practicamente todos os concellos das Rías Baixas, dende Ribeira á Guarda, a área da Coruña ata Bergantiños, puntos da Mariña e do Ortegal ou as sete principais cidades. Son, xunto con algúns concellos claves na mobilidade turística estival como puntos da Ulloa municipios ourensáns, as contornas nas que se atopan o groso dos 60 concellos que, dende a medianoite do venres 30 ao sábado 31 de xullo, estarán en nivel máximo (12) ou alto (48) de restricións da Xunta pola COVID.
Os concellos en nivel máximo pasan de 6 a 12 e os de nivel alto elévanse a 48, entre eles as sete cidades
Entre as principais medidas asociadas a estes niveis de restricións están, dende mediados de mes, o requisito de presentar un certificado de vacinación completa contra a COVID-19 ou, no seu defecto, acreditar un test negativo da enfermidade realizado un máximo de 72 horas antes para poder consumir no interior de bares e restaurantes. É a mesma medida que rexe no resto de Galicia para pubs e discotecas e persegue, segundo reiterou este mércores o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, poder manter abertos estes negocios apoiándose nas altas porcentaxes de poboación xa vacinada e, ao tempo, detectar máis positivos nos grupos de idade aínda fóra da inmunización masiva, os máis mozos, que concentran o groso dos novos casos.
De agora en diante, as farmacias poderán certificar o resultado negativo dos test COVID que venden e ese xustificante será válido para acceder á hostalería nos concellos onde a Xunta impón ese requisito
Sanidade liga a extensión desta obriga de presentar na hostalería test negativo para persoas non vacinadas co acordo que a Consellería vén de pechar cos colexios farmacéuticos e que entra xa en vigor. En virtude dese convenios, as persoas que merquen un test de antíxeno dos que agora poden ser mercados sen receita e o fagan na propia farmacia, poderán obter na mesma oficina un xustificante do resultado negativo -se é o caso- e con el, acceder á hostalería alí onde rexa este requisito. Se é positivo, di o conselleiro, a propia farmacia (se está adherida ao convenio) comunicará o positivo ao Sergas e a persoa deberá illarse e agardar a chamada para unha PCR. [Galicia está a piques de completar o 70% da vacinación contra a COVID]
Á espera da súa publicación no DOG, da exposición realizada este mércores por Comesaña cabe agardar que continúen sen mudanzas as restricións aos encontros entre persoas non conviventes tanto en número (10 no exterior e 6 no interior ou dous grupos de convivencia) como en horario (prohibidos mentres está pechada a hostalería ou os pubs e discotecas, onde poden abrir o interior), avaladas polo Tribunal Superior de Xustiza a semana pasada e con eficacia ata o 7 de agosto, segundo publicado no DOG.
Máis de mil casos detectados ao día entre sinais de freo
Sanidade aínda considera mala a situación epidemiolóxica, pero admite sinais de freo que se reflicten na evolución das incidencias acumuladas a sete días
O conselleiro expuxo as novas restricións nun contexto no que cualifica a situación epidemiolóxica do país como "mala", pero sempre poñendo o foco de que unha ampla maioría dos novos casos se están a detectar entre grupos de idade pendentes de recibir a vacina. Concellos costeiros e turísticos como Sanxenxo continúan marcando as incidencias acumuladas máis elevadas nunha xornada en que o Sergas notificou aínda máis de mil casos novos detectados en vinte e catro horas (1.258), pero na que tamén a media diaria a sete días de infeccións diagnosticadas, polo momento moi alta, comeza a amosar tímidos sinais de acougo (unhas 1.300).
O que polo momento son lixeiros sinais de moderación -tamén admitidos dende Sanidade- só se traduce nunha tendencia claramente descendente na incidencia acumulada a sete días nunha única área sanitaria, a de Ourense. Mentres, a de Pontevedra-O Salnés, semella estar tocando teito na contorna dos 485 casos novos a sete días.
En dúas áreas sanitarias a incidencia acumulada entra en zona de descenso e nas outras cinco, o crecemento frea dende hai días
Eses sinais de freo obsérvanse tamén nas áreas nas que, polo momento, a incidencia acumulada a sete días aínda sobe. Así o reflicte o indicador coñecido como razón de taxas, isto é, a comparación da incidencia acumulada dun día determinado coa da mesma xornada da semana anterior: se o resultado desa división é superior a 1 significa que a tendencia é ascendente e se é inferior a 1, que é descendente.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a área de Ourense está xa en terreo descendente e a área de Pontevedra-O Salnés acaba de entrar nel. As outras cinco están aínda por riba do 1 -sempre con datos calculados a partir da información que divulga o Sergas- e, polo tanto, as súas incidencias acumuladas a 7 días aínda medran, pero en todas elas o ritmo de incremento está a frear.
Estabilización no crecemento nas cifras de persoas hospitalizadas
Eses sinais de lixeiro freo tamén semellan chegar aos indicadores de hospitalización que, como evidenciou tamén este mércores o conselleiro de Sanidade, seguen moi por baixo de anteriores vagas malia aos obvios incrementos das últimas semanas, tamén por efecto da vacinación. As 264 persoas ingresadas con test positivo da COVID ás seis da tarde do martes eran apenas dúas menos que un día antes e 90 máis que hai sete días, o que supón unha moderación no incremento semanal da carga hospitalaria.
Mentres que os hospitais transitan por unha situación máis desafogada que en anteriores vagas, segue sen suceder o mesmo na Atención Primaria e nos servizos de rastrexo de contactos. Nas saturacións destes puntos do sistema sanitario inflúe o elevado número de positivos activos, que nos datos deste mércores chegan aos 18.535. Son 5.646 máis que unha semana antes, pero o seu crecemento tamén acouga: hai unha semana medraban a un ritmo semanal superior ao 100% e agora ese crecemento rolda o 40%.