A empresa de telemárketing contrada pola Xunta para o rastrexo reforzou o persoal para o Sergas con traballadores do grupo en Madrid
Entre a opacidade e o escurantismo, arredor de 650 rastrexadores para o coronavirus traballan para o Sergas a través dun servizo contratado pola Xunta a unha empresa de telemárketing con sede en Bergondo. Á espera da adxudicación do primeiro gran contrato para o rastrexo, cuxo trámite empezou o pasado marzo e está paralizado desde o pasado xuño, Galicia está a afrontar a vaga estival da COVID cuns 650 rastrexadores logo dun notable incremento no número de contratacións hai tan só unhas semanas.
Malia todo, as condicións laborais ofrecidas por Universal Support, pertencente ao grupo de call center Konecta, provocaron que non cubrise todas as vacantes ofrecidas co estoupido da vaga estival de coronavirus e que se vise obrigada a derivar persoal de seu en Madrid á campaña de rastrexo da COVID para o Sergas. Así o confirman a Praza.gal varias fontes do persoal, así como representantes sindicais.
"As condicións laborais que ofrecen son tan pésimas que non deron contratado todo o que querían e tiveron que tirar de persoal doutras campañas que o grupo ten en Madrid e incorporalas ao rastrexo da COVID en Galicia", sinalan fontes sindicais en declaracións que ratifican traballadores da empresa.
As condicións dos contratos ofrecidos provocaron que a empresa non cubrise as vacantes ofrecidos para o control da COVID nesta vaga estival
Segundo estas mesmas fontes, hai tan só unhas semanas --e ante o aumento do impacto da pandemia co inicio do verán-- Universal Support ofreceu varias prazas, pero con contratos unicamente ata o 31 de xullo e nunha modalidade que permite alongar as xornadas en semanas alternas respecto ao horario habitual. Ademais, e tal e como permitira comprobar a documentación oficial do novo concurso, cuns soldos que, no modelo máis habitual, supoñen 900 euros brutos por 30 horas á semana.
O importante aumento no número de contaxios e a necesidade de máis rastrexadores provocou que mesmo empregados indefinidos que traballan en campañas de telemárketing para entidades bancarias tivesen que alternar tamén o seu traballo co rastrexo de contactos de positivos COVID.
Arredor de 730 persoas, entre os teleoperadores e 80 militares, traballan actualmente no rastrexo para o control da COVID en Galicia
Así, e segundo datos de persoal e delegados sindicais na empresa Universal Support,son arredor de 650 as persoas que a tal hora realizan o labor de rastrexo de contactos de positivos COVID en Galicia, incluíndo os que o fan desde Madrid. Sobre 730 en total traballando para o Sergas de sumar os 90 rastrexadores militares que achega o Exército previa solicitude das comunidades autónomas, a metade dos que traballaban na primavera pasada, cando se alcanzaran os 180.
No pico da terceira onda, aínda no inverno, en Universal Support eran máis de 450 as persoas dedicadas ao rastrexo de casos de coronavirus e dos seus contactos. No mes de novembro, o persoal dedicado a esas funcións sumaba só 120 traballadores. Daquela, Feijóo xa asegurara no Parlamento que eran en total 700 as persoas que realizaban labores de rastrexo en Galicia, logo de que en xullo falase de 6.000.
"Xogan cos picos da pandemia para ir contratando e despedindo, aproveitando períodos de proba ou contratos eventuais que son fraude de lei", advertiran os sindicatos nunha denuncia que manteñen. Segundo din, nalgunhas das peores épocas da pandemia, a empresa contratou "ás présas e de súpeto" ata unhas 150 persoas que foron despedidas tres semanas despois. Nalgúns casos, din, chegouse a prescindir de traballadores só un mes máis tarde alegando que non superaran o período de proba.
Os últimos informes do Instituto de Salud Carlos III indican para Galicia cero contactos identificados por caso nas tres semanas previas
Agora, e ante o rápido incremento de contaxios na vaga estival, a Xunta segue tirando de contratos de emerxencia a través dos cales Universal Support amplía ou reduce o cadro de persoal dependendo dos picos da pandemia. Nesta ocasión, tampouco o Sergas achegou información sobre o número de rastrexadores nin as súas condicións laborais, datos que cada vez son máis difíciles de conseguir a través duns traballadores que, nalgúns casos, denuncian ameazas da empresa no caso de facilitar detalles aos medios de comunicación.
Mentres, os últimos informes do Instituto de Salud Carlos III indican para Galicia cero contactos identificados por caso nas tres semanas previas. Preguntada a Consellería de Sanidade en dúas ocasións a que se debe, este diario agarda aínda resposta. Ademais, e respecto á anunciada contratación de servizos "dun centro de seguimento de contactos COVID-19" por case 14 millóns de euros que o Sergas comezou a tramitar o pasado marzo, tampouco houbo resposta sobre as datas previstas para a súa culminación.
Por outra banda, neste mércores, a deputada do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, denunciou que a Xunta "queira suplir a falta de persoal como os rastrexadores por unha especie de autoxestión na realización de probas de antíxenos". “Non hai rastrexadores, e ante a falta de persoal se deriva cara os auto-tests de antíxenos para que os fagamos nas nosas casas ou no mellor dos casos nas farmacias, cando o Goberno debería poñer os recursos necesarios e reforzar a sanidade pública nesta quinta onda, en particular a atención primaria”, asegurou.