Case o 63% da poboación total de Galicia ten xa a pauta completa da vacina contra a COVID-19 e practicamente o 70% recibiu cando menos unha dose
Case o 63% da poboación total de Galicia ten xa a pauta completa da vacina contra a COVID-19 e practicamente o 70% recibiu cando menos unha dose, segundo os datos actualizados polo Sergas este martes, 26 de xullo. Isto quere dicir que, apenas un ano e cinco meses despois da detección do primeiro caso do coronavirus no país, en Galicia a campaña de vacinación está cumprida practicamente ao 70%, toda vez que a actual estratexia de inmunización fixa como poboación diana a todas as persoas de 12 ou máis anos.
A extensión da vacinación é clave para entender o resto de cifras ligadas á pandemia. Así, as altas incidencias acumuladas tanto a 7 como a 14 días acadan niveis tan elevados, superiores aos 2.000 casos por cada cen mil persoas, só entre os grupos de idade máis mozos, os aínda menos protexidos pola inmunización -esta semana, o Sergas comeza a incorporar á vacinación masiva ao grupo de 20 a 29-.
Cómpre ter en conta tamén, non obstante, que nos últimos días o crecemento semanal da incidencia nestes grupos de idade máis mozos está a frear con claridade, pasando de subas superiores aos mil puntos aos actuais incrementos de entre 500 e 700. Mentres, entre as persoas que levan máis tempo coa pauta completa, as incidencias apenas superan os cen casos novos por cada cen mil ["Os casos nas persoas vacinadas son sen síntomas ou leves e esa é a grandeza da vacina"]
Sanidade notificou este martes 1.300 casos novos e, nos últimos sete días, diagnosticou unha cifra media semellante de infeccións activas cada xornada
A xa ampla cobertura da vacinación é tamén clave para entender a situación xeral nun contexto no que o Sergas segue diagnosticando máis de mil casos novos cada día. Este martes, Sanidade notificou 1.300 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns, procedentes de contaxios que se produciron hai arredor dunha semana e media ou dúas semanas. Nos últimos sete días con datos completos, foi diagnosticada en Galicia unha media diaria un chisco por baixo das 1.300 infeccións activas.
En termos de días naturais, no último dispoñible foron detectados 1.195 casos novos. Estas cifras deixan a incidencia acumulada a 14 días arredor dos 630 casos novos por cada cen mil habitantes e o indicador a 7 días, arredor dos 350. O dato a sete días segue sendo máis do dobre que a 14, o que supón que a tendencia ascendente continúa, aínda que, como vén sucedendo dende a pasada semana, o ritmo de incremento continúa a frear e faino, en boa media, pola mellora da situación na área de Ourense, que polo momento é a única que traza unha liña descendente na incidencia tanto a 14 como a 7 días.
A situación é ben diferente en función da idade da poboación e tampouco é homoxénea territorialmente, aínda que o forte incremento de casos detectados no que vai de mes de xullo -son xa máis de 25.000- reducen á mínima expresión os concellos libres da COVID: son apenas unha vintena os que non rexistraron casos novos nos últimos 14 días e en algo menos de 40 non houbo ningún nos últimos sete. A finais de xuño, apenas unha vintena de municipios rexistraban máis de dez casos novos nas dúas semanas previas.
Como amosa o mapa sobre estas liñas, boa parte dos concellos coas incidencias acumuladas máis elevadas a 14 días atópanse en contornas turísticas. É o caso da comarca do Salnés (con Sanxenxo por riba dos 2.000 casos novos por cada cen mil habitantes a 14 días) ou de puntos da Mariña, entre outros. Este martes, a Consellería de Sanidade revisa o mapa municipal de restricións na súa habitual reunión co comité clínico.
Estabilidade no crecemento da hospitalización e 9 mortes notificadas na última semana
Como vén sendo habitual, os incrementos nas cifras de casos detectados comezan a percibirse unhas dúas semanas despois nas cifras de hospitalización. Aínda que nesta vaga, non obstante, tamén cómpre ter en conta o efecto da vacinación para entender por que a carga hospitalaria é notablemente menor á doutras ocasións nas que as cifras de novos casos eran semellantes ás actuais.
As 266 persoas ingresadas con test positivo da COVID que se rexistraban ás seis da tarde do luns eran 117 máis que o mesmo día da semana anterior. A tendencia segue sendo claramente crecente, pero o incremento intersemanal tende a estabilizarse e o ritmo diario de suba tende a descender.
Tamén as cifras de falecementos de persoas coa COVID-19 son agora moito máis baixas que en calquera das vagas anteriores. Así e todo, o incremento de casos tamén se percibe neste indicador: na última semana o Sergas notificou nove mortes de persoas con test positivo do coronavirus. En todo o mes de xuño foran 16, pero cómpre ter tamén en conta que nos anteriores meses con cifras de casos novos semellantes ás actuais (xaneiro e febreiro), Galicia rexistrara máis de 400 mortes mensuais de persoas con esta doenza.