Os 1.370 novos positivos son menos que os rexistrados nas tres xornadas previas mentres a clara melloría de Ourense contrasta coa aínda mala evolución da maioría do resto de cidades
Os novos casos de COVID-19 que se rexistran agora son contaxios que se produciron hai días, e días pasarán tamén ata que teñan reflexo na situación dos hospitais. Con esa premisa, e co habitual menor número de altas das fins de semana, hai que interpretar os datos oficiais da pandemia divulgados pola Xunta este domingo, correspondentes ao recollido ata as 18 horas do sábado e que reflicten un aumento na hospitalización ao tempo que segue a moderarse o indicador de novos casos rexistrados.
Na última xornada o Sergas sumou 1.370 novos casos de COVID á súa serie histórica, cifra inferior ás das tres xornadas previas, e tras dous días en descenso desde o pico de 1.593 novos casos. Porén, nestas cifras, pechadas ás 18 horas do sábado, aínda non estarían todos os posibles novos positivos saídos dos cribados xeralizados que o Sergas organizou nas sete cidades galegas durante esa xornada, que se prolongaron ata as 20 horas e que detectaron 68 positivos en 3.451 test de antíxenos realizados. [Ao pé desta peza podes ampliar a información desas probas].
Hai o dobre de persoas hospitalizadas que hai unha semana e catro veces máis que hai dúas semanas
Nos hospitais, pola contra, a situación empeora. Hai 227 persoas hospitalizadas con positivo en coronavirus, das que 22 están en UCI, na liña das cifras da última semana, e 205 en hospitalización convencional. Neste último caso hai 21 casos máis que no día previo, o dobre que hai unha semana e catro veces máis que hai dúas semanas.
Malia o avance da vacinación xeralizada, con dúas de cada tres persoas da poboación diana a vacinar xa coa pauta completa e tres de cada catro con cando menos unha dose, a situación nos hospitais é semellante a finais deste mes de xullo á que se rexistraba a finais do pasado verán.
A clara melloría de Ourense contrasta coa aínda mala evolución da maioría do resto de cidades
Canto á distribución xeográfica, a cidade de Ourense, malia ser aínda a que peor situación presenta, segue a mellorar significativamente a tendencia da incidencia acumulada de casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, pero aínda a mantén por riba dos mil casos. As dúas cidades en mellor situación, Ferrol e Lugo, con menos de 500 casos de incidencia acumulada, a metade que Ourense, tamén parecen comezar a moderar a súa evolución, mentres que no resto de cidades a tendencia segue en ascenso.