Na última xornada rexistráronse outros 1.412 positivos, menos que nas dúas xornadas precedentes
O Sergas sumou na última xornada outros 1.412 novos casos de COVID-19 ao rexistro histórico da pandemia, cifra elevada e próxima ao pico de 1.600 casos da terceira vaga a finais de xaneiro pero inferior aos números das dúas xornadas precedentes, o que parecería indicar un progresivo freo na suba da incidencia, principalmente grazas á melloría que xa se percibe claramente en Ourense.
Son os datos oficiais rexistrados ata as 18 horas deste venres e divulgados este sábado, nunha xornada na que entraron en vigor novas restricións, con limitacións especialmente no eido das reunións entre persoas non conviventes avaladas este venres polo Tribunal Superior de Galicia. Un sábado no que o Sergas tamén ten en marcha cribados masivos nas sete cidades ofrecendo libremente a realización de test de antíxenos á poboación en xeral que non dispoña aínda da pauta completa de vacinación.
Os cribados realízanse de 12 a 14 horas e de 17 a 20 horas nos seguintes puntos: Na Coruña, na explanada do Pavillón de Deportes de Riazor; en Lugo, na Praza Maior; en Ourense, no Xardín do Posío; en Pontevedra, na Praza de España; en Santiago, na Praza Roxa; en Vigo, na explanada do Náutico; e en Ferrol, na Praza da Constitución.
A propia Xunta sinala no DOG extraordinario deste venres, ao xustificar as novas restricións, que “a información do modelo de predición indica que a incidencia parece ter unha certa estabilización a 7 días e seguiría a aumentar a 14 días”, o que indicaría unha progresiva ralentización da suba da incidencia, xa que o indicador a 7 días permite anticipar a evolución da pandemia.
Hai 206 persoas hospitalizadas, o 1,3% dos casos activos, que se achegan a 16.000
Nos hospitais hai seis persoas menos ingresadas que o día anterior pero 107 máis que hai unha semana. Son 23 as persoas que están en UCI e 183 en hospitalización convencional, tras un aumento importante destas últimas hospitalizacións ordinarias na xornada previa. Os 206 hospitalizados son o 1,3% dos casos activos, que se achegan aos 16.000. Por outra banda, na última xornada o Sergas comunicou o falecemento doutras tres persoas que eran positivas por COVID-19.
En Ourense comeza a baixar a incidencia tanto na área sanitaria como na cidade e mesmo se reducen os casos activos
Canto á distribución xeográfica, a melloría en Ourense tradúcese non só nunha redución da incidencia acumulada na área sanitaria senón xa mesmo nos casos activos, que veñen de baixar na última xornada nunha decena, ata un total de 2.332. A redución da incidencia tamén é percibible na cidade de Ourense, que aínda así se mantén como a de maiores rexistros, con 1.089 casos acumulados en 14 días por cada 100.000 habitantes.