O descenso da incidencia da COVID consolídase en Ourense e o ritmo de incremento xa frea en todas as demais áreas

Cribado da COVID a mocidade en Cambados e evolución da incidencia a 7 días por áreas sanitarias CC-BY-NC-SA Foto: Concello de Cambados | Montaxe: Praza Pública

O Sergas engadiu este 26 de xullo ao seu cómputo 1.115 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo. En termos de días naturais, no último con datos completos dispoñibles (o sábado) foron 1.279. Na media dos últimos sete días, en Galicia foron diagnosticadas unhas 1.277 infeccións activas por xornada, indicador que segue en aumento pero cun ritmo que tende a moderarse.

O Sergas notifica este luns 1.115 casos novos e diagnosticou unha media diaria dunhas 1.277 infeccións activas na última semana

Estes son uns datos en cru que deixan, para o conxunto do país, unha incidencia acumulada a 14 días superior aos 600 casos novos por cada cen mil habitantes e a sete días, na contorna dos 340. Todo, mentres os datos do Ministerio de Sanidade -que este luns se volven actualizar- evidencian que o groso dos novos casos se rexistran entre os grupos de poboación menos cubertos pola vacinación, o cal tamén admitiu a Xunta ao plasmar no DOG que dous terzos dos novos casos están concentrados na poboación de 15 a 39 anos.

Alén destas fotos fixas de cada día, as tendencias apuntan a certos cambios dende a pasada semana. A incidencia acumulada a 7 días, a máis inmediata, xa descende con claridade na área sanitaria de Ourense e nas outras seis restantes, o ritmo de incremento diminúe de maneira evidente. É o que sucede tamén cos datos globais de Galicia tanto a sete como a 14 días.

Nas seis áreas nas que a incidencia a 7 días aínda non diminúe, o ritmo de incremento baixa con claridade. A máis próxima a entrar en terreo de descenso é agora a de Pontevedra-O Salnés

Un dos indicadores máis habitualmente utilizados para analizar a evolución da incidencia acumulada é a denominada razón de taxas, isto é, comparar o indicador de cada día co da mesma xornada da semana anterior. Se o resultado da división é superior a 1, significa que a incidencia tende a aumentar e se é menor, que tende a diminuír. Canto máis se afaste do 1 cara a arriba, máis rápido é o ritmo de incremento.

Como amosa a táboa sobre estas liñas, actualmente só a área de Ourense está por baixo do 1 neste indicador, é dicir, con ritmo claramente á baixa na súa incidencia acumulada a 7 días. Outra área, a de Pontevedra-O Salnés, queda preto do 1 e as demais aínda están máis lonxe. Pero, sendo isto certo, non o é menos que nesas outras seis áreas sanitarias o ritmo de incremento deixou de aumentar hai días e xa descende en todas, paso indispensable para poder retornar a terreo negativo.

Case 120 hospitalizacións máis que hai sete días en pleno 'efecto fin de semana'

Ás seis da tarde do domingo eran 258 persoas as ingresadas nos hospitais galegos con test positivo da COVID

Mentres o acougo vai chegando timidamente á evolución das incidencias acumuladas, os datos de hospitalización xa reflicten o agardado incremento asociado á multiplicación dos casos novos. As 258 persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo do coronavirus ás seis da tarde do domingo eran 118 máis que unha semana antes. 

Así e todo, este ritmo de incremento intersemanal tamén comeza a acougar e faino cando as cifras totais continúan sendo moi inferiores ás de anteriores vagas. Cómpre ter en conta, tamén, que é habitual que nas fins de semana se tramiten menos altas, polo que será na xornada do martes cando o dato de Sanidade ofreza unha imaxe máis precisa da situación.

O indicador asistencial que si segue amosando unha importante presión sobre o sistema sanitario é o de casos activos. A actualización deste luns xa os sitúa por riba dos 17.000 (17.298), un incremento de case un 60% en apenas unha semana. O ritmo de incremento semanal desta cifra leva diminuíndo aos poucos case dez días, pero as cifras globais son aínda o suficientemente elevadas como para manter tensionada á Atención Primaria e mais aos servizos de rastrexo.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.