O Goberno galego argumentou á axencia estatal que “por un erro humano” deu a unha empresa eólica datos persoais dun cidadán tras asegurar o departamento responsable que “sempre” o fai así
Revelar a unha empresa propietaria dun parque eólico datos persoais como o nome, enderezo, DNI, teléfono e correo electrónico da cidadanía que formula á Xunta peticións de transparencia sobre o sector enerxético non suporá ningunha sanción para o Goberno galego por parte da Axencia Española de Protección de Datos. A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía da Xunta argumentou, en resposta a un requirimento da axencia estatal, que “por un erro humano” facilitou eses datos persoais a unha empresa enerxética, pero asegura que xa deu ordes de “evitar feitos similares” e o ente de protección de datos considera que con esa “solución” xa non necesita abrir un procedemento sancionador, do que di que debe ter “carácter excepcional”.
O pasado decembro Praza.gal revelou que o Servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética da Xunta trasladara á empresa propietaria dun parque eólico o impreso íntegro, cos datos da persoa solicitante, dunha petición de transparencia que se lle formulara sobre o seguimento ambiental que o Goberno galego debe facer de calquera parque eólico. Preguntada a persoa responsable dese servizo polo sucedido, a súa resposta foi a seguinte: “Nós o que non podemos é redactar o que se supón que se nos está pedindo, o que facemos é en todo caso mandar o mesmo escrito. Agora, que ese escrito se lle poden desagregar os datos, se pode borrar e non dar traslado deses datos, si que se pode facer. Agora, o seu nome ten que aparecer porque de algunha maneira temos que identificar á persoa que está pedindo os datos, outra cousa é que vaia o seu enderezo, o seu teléfono e os seus datos persoais. Iso non ten lóxica. O nome, non sei ata que punto tamén o podemos borrar”.
O pasado ano o Tribunal Superior evidenciou que outra empresa enerxética tamén coñecía datos persoais dun solicitante de transparencia
Antes deste caso, unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia referente a outra petición de transparencia dun xornalista de Praza.gal sobre outro parque eólico distinto xa deixaba entrever o proceder do Goberno galego. O TSXG deu a razón á Xunta na súa decisión de facilitar a este diario a información solicitada fronte á negativa da empresa propietaria do parque eólico indicando que “o feito de que o solicitante pretenda incorporalos [os datos] a unha noticia periodística está amparado polo dereito á liberdade de información”. A sentenza evidenciaba así que a empresa era coñecedora da condición de xornalista da persoa que solicitaba a información cando nin ela, nin o seu medio de comunicación, compareceran na causa xudicial entre a enerxética e a Xunta sobre unha petición de transparencia formulada a esta última a título particular.
Tras revelar Praza.gal a actuación do Servizo de Enerxías Renovables, en febreiro a nova directora xeral de Planificación Enerxética da Xunta, Paula Uría, admitiu o sucedido ante a Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, atribuíuno a “un feito excepcional” e “puntual” e asegurou que se darían “as instrucións oportunas co obxecto de evitar no futuro este tipo de incidentes”.
A Xunta asegura que vai realizar “accións formativas e de concienciación” dentro do Plan de Formación do seu persoal para “evitar feitos similares”
Agora pronúnciase sobre os feitos a Axencia de Protección de Datos, que requiriu explicacións á Xunta sobre os mesmos. A resposta que recibiu foi que, no marco do trámite de alegacións da empresa sobre a petición de transparencia recibida, “por un erro humano, non se velaron ditos datos, senón que se deu traslado a dita entidade [a empresa] da solicitude íntegra” con todos os datos persoais. “Comunicouse ás unidades afectadas a necesidade de evitar feitos similares polo que se van a manter dentro do Plan de Formación accións formativas e de concienciación aos usuarios en materia de protección de datos”.
Ante esa resposta da Xunta, Protección de Datos considera que, tras as súas “actuacións previas de investigación”, “non procede o inicio dun procedemento sancionador ao ser atendida a reclamación” e salienta que a súa tramitación “deu lugar á solución das cuestións plantexadas, sen necesidade de depurar responsabilidades administrativas”.
A Xunta tamén divulgou, en aplicación da Lei de Transparencia, nomes de menores de idade aos que pagaba tratamentos médicos
Non é a primeira vez que na súa aplicación da Lei de Transparencia a Xunta divulga datos persoais. Ao comezo da vixencia da mesma a Consellería de Política Social fixo públicos en internet os nomes e apelidos de menores de idade aos que pagaba distintos tipos de tratamentos médicos. Praza.gal detectou esas publicacións na web de transparencia da Xunta e, tras alertar á consellería, agardou a que esta borrase os nomes antes de publicar unha información ao respecto na que o departamento que daquela dirixía José Manuel Rey Varela admitía o sucedido como un “erro”.
Por outra banda, o procedemento de alegacións de terceiros nas solicitudes de transparencia dirixidas á Xunta tamén deixou en evidencia en 2018, a conta dunha petición dun convenio do Sergas cunha multinacional, que o Goberno galego denega esas solicitudes mesmo cando a empresa implicada non pon problemas para facilitar a información. Similar procedemento de ocultar o que un terceiro non ten problemas en desvelar seguiu a Xunta ao borrar parte do convenio que asinou co Ministerio de Defensa para crear unha base de probas de drons no aeródromo de Rozas, acordo que o ministerio publicou íntegro en 2015 no seu boletín oficial.