O TSXG rexeita o recurso de Norvento contra a decisión da Xunta de facilitar a Praza.gal, en aplicación da Lei de Transparencia, informes ambientais dun parque en Rede Natura na Serra do Xistral, entre Abadín e Muras
“O feito de que o solicitante pretenda incorporalos a unha noticia xornalística está amparado polo dereito á liberdade de información, de trasladar aos medios de comunicación as informacións de relevancia pública”. Con esa frase, entre outras consideracións, rexeita o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o recurso presentado pola empresa enerxética Norvento contra a decisión da Xunta de aceptar unha petición de transparencia formulada hai agora dous anos por Praza.gal para ter acceso aos informes peródicos sobre o impacto ambiental que sobre as aves está a ter o parque eólico de Montouto, nos concellos de Abadín e Muras, na Serra do Xistral, espazo protexido da Rede Natura.
A empresa argumentou que os informes sobre o impacto nas aves eran "propiedade intelectual" malia ser a súa elaboración unha obriga establecida pola Xunta
A sentenza do TSXG avala a decisión da Consellería de Economía e Industria de facilitar a este diario os informes do impacto do parque sobre as aves que obran no seu poder fronte ao argumento da empresa de que “tales informes non poden ser cualificados de información pública” e que o acceso á información pública en materia ambiental limítase “nos casos de funcións administrativas de vixilancia, inspección e control, así como por secreto profesional e protección dos dereitos de propiedade intelectual”. A empresa xa empregara sen éxito eses argumentos ante o Goberno galego xa que eses informes ambientais non son elaborados pola Administración, que só os supervisa, senón que son as propias empresas propietarias dos parques eólicos as que teñen a obriga de encargalos e remitilos despois á Xunta.
Pola contra, o Supremo avala a postura do Goberno galego e entende que a Lei de Transparencia “esixe para que un documento teña a condición de información pública que obre 'en poder' da Administración, concepto que ha de entenderse non no sentido estrito de que sexa propiedade da Administración, senón como documento dispoñible pola propia Administración”. A sentenza salienta que “no presente caso, a empresa remite os informes para que a Administración controle o cumprimento ambiental”, polo que é unha documentación “obtida no lexítimo exercicio de funcións administrativas”.
A resolución xudicial avalando a entrega da documentación a Praza.gal chega dous anos despois de que este diario formulase a petición de transparencia
A sentenza do TSXG recoñece o dereito da poboación a “poder coñecer a afectación ambiental durante toda a vida do proxecto para evitar situacións irreversibles”, algo ao que pode acceder “todo cidadán, ao non esixirse sequera explicar unha motivación para formular a solicitude”. Neste caso a solicitude de transparencia foi formulada hai agora dous anos, en setembro de 2018, a título persoal por un xornalista de Praza.gal que non se identificou como tal nin indicou a motivación da petición, como agora avala o TSXG. Porén, malia iso e que nin o xornalista nin este diario se personaron na causa xudicial entre Norvento e a Xunta, a sentenza deixa entrever que no proceso foi revelada a condición de xornalista do peticionario ao indicar o TSXG que “o feito de que o solicitante pretenda incorporalos [os datos] a unha noticia periodística está amparado polo dereito á liberdade de información”. Praza.gal valorará a relevancia xornalística da documentación cando a reciba.
Antecedentes e demora de dous anos desde a petición de transparencia
En 1999 a Xunta autorizou a Norvento o parque de Montouto con varias condicións, entre elas o “seguimento de posibles colisións da avifauna cos aeroxeradores e do comportamento das aves no interior do parque”
Autorizado en 1999, o parque eólico de Montouto, con 31 aeroxeneradores, foi o primeiro executado por Norvento, que na mesma zona levantou posteriormente outros dous parques con outros 46 muíños. Aquela primeira instalación foi autorizada pola Xunta en 1999 cunha previa declaración de efectos ambientais que estableceu diversos condicionantes polo seu posible efecto sobre, por exemplo, turbeiras e uceiras protexidas existentes na zona, o que obrigou a modificar o emprazamento de varios muíños. Entre outras cuestións, a Xunta estableceu que o perímetro do parque fose pechado para que os camiños construídos ou mellorados para a instalación dos xeneradores non alentase ás persoas a achegarse á zona, prohibición de acceso que dificulta coñecer o estado actual da contorna.
Entre os condicionantes establecidos pola Xunta para autorizar o parque estaba o “seguimento de posibles colisións da avifauna cos aeroxeradores e do comportamento das aves no interior do parque”, que debía realizarse de xeito semestral durante os dous primeiros anos e anualmente desde aquela. “No caso de que se comprobase un impacto grave, tanto sobre as poboacións migratorias ou residentes [a Xunta] poderá requirir do promotor as medidas oportunas para corrixir a situación, podendo incluír a reubicación e/ou eliminación dos aeroxeneradores que producisen tal afección”, engadía a Xunta.
Hai agora dous anos, o 25 de setembro de 2018, este diario formulou unha petición oficial de información á Consellería de Economía e Industria, ao amparo da Lei de Transparencia, para ter acceso aos informes periódicos elaborados segundo aquel plan de vixilancia. Un mes máis tarde, o 22 de outubro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas respondía que, segundo contempla a lei cando nas peticións de transparencia poida verse afectado un terceiro alleo á propia administración, notificaba á empresa esa petición para que formulase as alegacións que considerase oportunas, dándolle 15 días para facelo.
A Xunta decidiu outorgar hai ano e medio o acceso á información que agora avala a xustiza despois de que este diario tivese que recorrer á Comisión de Transparencia do Valedor do Pobo
Superado o dobre dese prazo sen obter resposta, este diario recorreu o 28 de novembro á Comisión de Transparencia de Galicia, entidade adscrita ao Valedor do Pobo para supervisar a aplicación da Lei de Transparencia nas administracións galegas, que o 30 de xaneiro de 2019, despois de que a Xunta non lle contestase á súa petición previa de explicacións sobre o expediente, resolveu esixirlle que facilitase a información solicitada.
A Xunta non volve informar da situación do expediente ata un mes máis tarde, o 25 de febreiro. Nese momento o director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, comunica por unha parte que en novembro, tras o trámite de alegacións, Norvento opúxose a que a Xunta facilitase a información e, por outra, que o 28 de xaneiro el mesmo rexeitara esas alegacións e resolvera que debía facilitar a documentación solicitada. Porén, a Xunta condicionou a entrega da documentación á posibilidade de que a empresa, como contempla a lei, presentase un recurso contencioso-administrativo contra a súa decisión, polo que había que deixar pasar o prazo para o mesmo.
Nesa comunicación, a Xunta resumía as alegacións formuladas por Norvento que se desestimaban. A empresa consideraba, como reiterou ante o TSXG sen éxito, que os informes de seguimento do impacto do parque eólico nas aves non son documentos da Administración que esta poida facilitar libremente senón que, como son elaborados con técnicas, recursos e datos da propia empresa -malia ser unha obriga establecida pola Xunta- “se circunscriben ao ámbito da propiedade intelectual da empresa”. Tamén argumentaba que “non se xustificou a existencia dun interese público ou privado que lexitime devantido acceso”, algo que agora o TSXG di que non é necesario xustificar xa que calquera cidadán pode reclamar o acceso a información ambiental. A propia Xunta xa llo contestar así a Norvento argumentando que a Lei de Transparencia establece que non se ten que motivar o interese para acceder á información.
Tras esa decisión da Xunta de outorgar o acceso á información pero condicionado a que a empresa puidese presentar un recurso contencioso-administrativo, Norvento fíxoo o 24 de abril do pasado ano, proceso que o TSXG resolveu o 19 de xuño deste ano, nunha sentenza agora feita pública, avalando a postura da Xunta, que deberá facilitar a este diario a documentación reclamada.