A empresa presenta un contencioso-administrativo contra a Xunta para que non facilite a Praza.gal, en aplicación da Lei de Transparencia, informes ambientais dun parque no espazo protexido pola Rede Natura da Serra do Xistral, entre Abadín e Muras
Norvento, empresa galega con instalacións de enerxías renovables distribuídas por todo o país, vén de presentar un recurso contencioso-administrativo para que a xustiza impida á Xunta facilitar a Praza.gal informes sobre o impacto nas aves do seu parque eólico de Montouto, nos concellos de Abadín e Muras, levantado a comezos da pasada década na Serra do Xistral, espazo protexido da Rede Natura. A Xunta considera que en aplicación da Lei de Transparencia debe facilitar os documentos solicitados que están no seu poder, pero a empresa rexéitao e agora será a xustiza a que decidirá, oito meses despois da petición oficial formulada por este diario e tras dúas reclamacións á Comisión de Transparencia.
O parque eólico de Montouto, con 31 aeroxeneradores, está emprazado entre os concellos de Abadín e Muras, na Serra do Xistral, espazo protexido da Rede Natura 2000. Foi o primeiro parque eólico executado por Norvento, que na mesma zona levantou posteriormente outros dous parques con outros 46 muíños. Aquela primeira instalación foi autorizada pola Xunta en 1999 cunha previa declaración de efectos ambientais que estableceu diversos condicionantes polo seu posible efecto sobre, por exemplo, turbeiras e uceiras protexidas existentes na zona, o que obrigou a modificar o emprazamento de varios muíños. Entre outras cuestións, a Xunta estableceu que o perímetro do parque fose pechado para que os camiños construídos ou mellorados para a instalación dos xeneradores non alentase ás persoas a achegarse á zona, prohibición de acceso que dificulta coñecer o estado actual da contorna.
En 1999 a Xunta autorizou a Norvento o parque de Montouto con varias condicións, entre elas o “seguimento de posibles colisións da avifauna cos aeroxeradores e do comportamento das aves no interior do parque”
Entre os condicionantes establecidos pola Xunta para autorizar o parque estaba o “seguimento de posibles colisións da avifauna cos aeroxeradores e do comportamento das aves no interior do parque”, que debía realizarse de xeito semestral durante os dous primeiros anos e anualmente desde aquela. “No caso de que se comprobase un impacto grave, tanto sobre as poboacións migratorias ou residentes [a Xunta] poderá requirir do promotor as medidas oportunas para corrixir a situación, podendo incluír a reubicación e/ou eliminación dos aeroxeneradores que producisen tal afección”, engadía a Xunta.
Longo proceso da petición de transparencia
Oito meses despois da petición oficial formulada por este diario e tras dúas reclamacións á Comisión de Transparencia, Xunta e Norvento enfrontaranse nos tribunais, que decidirán se a empresa debe facilitar ou non os informes ambientais
O pasado 25 de setembro este diario formulou unha petición oficial de información á Consellería de Economía e Industria, ao amparo da Lei de Transparencia, para ter acceso aos informes periódicos elaborados segundo aquel plan de vixilancia. Un mes máis tarde, o 22 de outubro, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas respondía que, segundo contempla a lei cando nas peticións de transparencia poida verse afectado un terceiro alleo á propia administración, notificaba á empresa esa petición para que formulase as alegacións que considerase oportunas, dándolle 15 días para facelo.
Superado o dobre dese prazo sen obter resposta, este diario recorreu o 28 de novembro á Comisión de Transparencia de Galicia, entidade adscrita ao Valedor do Pobo para supervisar a aplicación da Lei de Transparencia nas administracións galegas, que o 30 de xaneiro, despois de que a Xunta non lle contestase á súa petición previa de explicacións sobre o expediente, resolveu esixirlle que facilitase a información solicitada.
A Xunta non volve informar da situación do expediente ata un mes máis tarde, o 25 de febreiro. Nese momento o director xeral de Enerxía e Minas, Bernardo Tahoces, comunica por unha parte que en novembro, tras o trámite de alegacións, Norvento opúxose a que a Xunta facilitase a información e, por outra, que o 28 de xaneiro el mesmo rexeitara esas alegacións e resolvera que debía facilitar a documentación solicitada. Porén, a Xunta condicionou a entrega da documentación á posibilidade de que a empresa, como contempla a lei, presentase un recurso contencioso-administrativo contra a súa decisión, polo que había que deixar pasar o prazo para o mesmo.
Alegacións de Norvento
Norvento argumentou que os informes sobre o impacto nas aves eran "propiedade intelectual da empresa" malia ser a súa elaboración unha obriga establecida pola Xunta
Nesa comunicación, a Xunta resumía as alegacións formuladas por Norvento que se desestimaban. A empresa considera que os informes de seguimento do impacto do parque eólico nas aves non son documentos da Administración que esta poida facilitar libremente senón que, como son elaborados con técnicas, recursos e datos da propia empresa -malia ser unha obriga establecida pola Xunta- “se circunscriben ao ámbito da propiedade intelectual da empresa”. Norvento tamén alegou que eses informes non son unha “actividade pública” senón “privada” e ao seu contido “só deben ter acceso a Administración e no seu caso os que xustifiquen a súa condición de interesados”.
A empresa alegou que “non se xustificou a existencia dun interese público ou privado que lexitime" o acceso aos informes ambientais, pero a Xunta lembra que a Lei de Transparencia non obriga a motivar ese interese
A empresa tamén aseguraba que “non existe inconveniente que unha vez finalizado o plan de vixilancia en curso, se traslade ao solicitante as conclusións elaboradas pola Administración en canto ao citado plan de vixilancia”, pero insistía en pedir á Xunta que denegase a solicitude de transparencia porque “non se xustificou a existencia dun interese público ou privado que lexitime devantido acceso”.
Tras estudar esas alegacións de Norvento, a Xunta desestimounas argumentando que a Lei de Transparencia establece que non se ten que motivar o interese para acceder á información. O Goberno galego tamén di que a empresa non pode ampararse sinxelamente no respecto á propiedade intelectual senón que debe argumentar o prexuízo concreto, non xenérico, que sufriría coa divulgación, e salienta que “sempre deberán ser analizadas as circunstancias do caso concreto, valorando o prexuízo efectivo que o acceso á información produce”. Por todo iso, a Xunta resolvía outorgar a este diario o acceso á documentación pero condicionado a que a empresa non presentase o recurso xudicial ao que tiña dereito ou, de ser así, a que a xustiza decida sobre a cuestión.
O pasado 2 de maio, e tras máis de dous meses sen ningunha información sobre o estado da petición de transparencia, este diario presentou unha segunda reclamación ante a Comisión de Transparencia. E este luns 3 de xuño a Xunta vén de informar de que Norvento lle comunicou hai máis dun mes, o pasado 24 de abril, que efectivamente presentaba o recurso contencioso-administrativo ao que ten dereito para intentar que a xustiza impida ao Goberno galego facilitar a transparencia solicitada.
Agora, máis de oito meses despois de formularse a petición de transparencia orixinal, e coa Xunta e a Comisión de Transparencia de acordo en que se facilite a documentación pedida, o Goberno galego e Norvento enfrontaranse nos tribunais nun proceso de prazos incertos. Será a xustiza, en función do que argumente a propia Xunta en defensa da transparencia, a que decida se este diario pode coñecer o impacto sobre as aves do parque eólico de Norvento no Xistral.
Precedente doutra empresa que non puxo obstáculos
A negativa de Norvento contrasta coa aceptación uns meses antes por parte de Gas Natural Fenosa de que a Xunta facilitase exactamente o mesmo tipo de informes de seguimento do impacto nas aves doutro parque seu en Guitiriz
A negativa de Norvento contrasta coa aceptación uns meses antes por parte de Gas Natural Fenosa de que a Xunta facilitase exactamente o mesmo tipo de informes de seguimento do impacto nas aves doutro parque seu en Guitiriz. Nese outro caso a consulta da Xunta á empresa tras a petición de transparencia deste diario foi respondida por Gas Natural Fenosa en só cinco días dicindo que non puña obstáculos. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas acabou facilitando o acceso á información dous meses por riba do prazo legal, tras un silencio administrativo e dúas reclamacións á Comisión de Transparencia, para ser consultada nun portátil da propia Xunta na mesa dunha funcionaria. Aqueles informes reflectían que o parque eólico de Cordal de Montouto en Guitiriz tivera un “impacto reducido” sobre as aves nos tres anos anteriores e nas súas inmediacións só foran atopados un cadáver dunha curruca rabilonga e dous de morcegos.