A Consellería de Facenda, o departamento que debería velar por un adecuado funcionamento económico de toda a Xunta, vén de admitir, tras dúas peticións oficiais de información con amparo na Lei de Transparencia e a intervención da Valedora do Pobo, que “non dispón” de información sobre se no resto da administración autonómica hai ou non tarxetas bancarias institucionais. Fontes non oficiais consultadas por este diario aseguran que a Xunta carece de tarxetas bancarias desde hai décadas, así que a revelación fundamental do seguinte relato sería o que aínda lle custa á Xunta ser transparente coa cidadanía.
Tras dúas peticións oficiais de información e a intervención da Valedora do Pobo, a Consellería de Facenda di “non dispor de información” sobre se existen tarxetas bancarias institucionais no resto da Xunta
A Lei de Transparencia de Galicia entrou en vigor o pasado marzo e entre outras cuestións supón a adaptación e aplicación da normativa estatal que contempla a posibilidade de que a cidadanía lle formule preguntas directas sobre datos non públicos. Nun momento de sucesivas revelacións sobre as denominadas tarxetas black coas que altos cargos de Caja Madrid supostamente realizaron gastos de carácter persoal, o pasado 7 de abril formulóuselle á Xunta unha pregunta para que informase sobre as tarxetas bancarias institucionais das que dispuxese e coa que comprobar, ao mesmo tempo, o funcionamento da Lei de Transparencia. A formulación da pregunta en aplicación da Lei de Transparencia foi a seguinte: “Quen, na Xunta ou entes paralelos, dispón ou dispuxo, desde agosto de 2005, de tarxeta bancaria institucional e que gastos se fixeron con elas”.
A pregunta foi realizada á Consellería de Facenda, xa que é a supostamente encargada de supervisar o bo funcionamento económico da administración autonómica e a normativa de transparencia obriga a dirixila a un departamento concreto. A brevidade da formulación vén obrigada polo espazo físico limitado que o Goberno galego deixa no formulario oficial de peticións de transparencia. E a referencia temporal vén motivada pola necesidade de acoutar no tempo a pregunta para evitar que fose rexeitada, como permite a lei, por abarcar un volume excesivo de información. Considerouse que unha década e a existencia nese tempo de dous gobernos de cores distintas (agosto de 2005 foi cando tomou posesión o bipartito PSdeG-BNG) permitiría contextualizar mellor a información solicitada.
O 6 de maio, ao límite do prazo dun mes que a lei outorga á Xunta para contestar, a secretaria xeral técnica de Facenda, María Socorro Martín Hierro, asinou unha resolución denegatoria da petición de información. Os argumentos empregados, amparándose nas excepcións que contempla a lei, foron que a solicitude requiría “dunha acción previa de reelaboración” a partir de “datos e documentación que non se encontran centralizados nun departamento ou organismo” e que a información solicitada “abarca un período de tempo moi amplo”. Facenda non nega a existencia actual de tarxetas bancarias institucionais, algo que podería facer cun simple “agora ninguén” en resposta a unha pregunta formulada como “quen dispón ou dispuxo” delas. E implicitamente admitiría a súa existencia no período polo que se pregunta ao apelar a que os datos requirirían dunha reelaboración previa antes de poder ser facilitados, algo que por outra banda tamén contempla a lei de transparencia para protexer información persoal.
Ante eses argumentos denegatorios, o 12 de maio preséntase unha segunda solicitude de acceso á información dirixida ao mesmo departamento coa seguinte redacción matizada: “Datos dos que dispoña xa a Consellería de Facenda sen ter que reelaborar sobre quen da Xunta ten tarxeta bancaria institucional e os seus gastos”. A formulación xa omite calquera traballo de reelaboración dos datos e acouta ao presente a resposta para evitar os dous argumentos nos que se amparou a denegación previa. Con data 9 de xuño, novamente ao límite do prazo máximo legal, Facenda emite como toda resposta a seguinte: “Dende o ano 2009, na Consellería de Facenda da Xunta de Galicia non existen tarxetas bancarias institucionais a disposición dos altos cargos da dita consellería”.
Das dúas respostas poderíase concluír que Facenda non supervisa se existen tarxetas no resto da Xunta, xa que do contrario algún dato ao respecto debería “dispor sen ter que reelaborar”, como formulaba a pregunta, aínda que só sexa o feito de que existan ou non, sen máis precisións. Se existisen, os supervisase e non os puidese facilitar por ter que reelaboralos, xa fose polo seu volume ou porque incluísen datos protexidos, non o di, como si fixera na primeira ocasión, o que podería implicar que o cidadán reciba unha resposta denegatoria sen que a Administración argumente en que norma se basea para facelo. Ademais, a resposta non aclara por que preguntar por un período de dez anos era algo “moi amplo” pero agora si responde por un período de sete anos, xusto cando o PP recuperou a Xunta, abrindo a porta a que se dubide sobre a existencia de tarxetas nesa mesma consellería cando estaba rexida por políticos doutro partido.
A Valedora do Pobo avala a ambigüidade das respostas de Facenda pero revela que a consellería non estaría a controlar ao resto da Xunta
Ante esta situación, o 1 de xullo formulouse, cos anteditos argumentos, un recurso contra a resposta da Xunta ante o Valedor do Pobo, a institución que en Galicia asume a función de Comisionado de Transparencia ante o que reclamar en segunda instancia cando a cidadanía entende que o Goberno non facilita a información de xeito adecuado. A lei indica que esa Comisión de Transparencia ten un “prazo máximo para resolver e notificar” a súa resolución de tres meses, “transcorrido o cal, a reclamación entenderase desestimada”. Porén, non foi ata o 7 de novembro, case 40 días por riba dese prazo, cando o Valedor remitiu a súa resposta desestimando a reclamación. A Comisión de Transparencia do Valedor responde unicamente á reclamación formulada contra a segunda resposta de Facenda, por entender que a primeira formulouse fóra de prazo e avala que “a consellería deu resposta á solicitude de información presentada, e que se refire aos datos xa dispoñibles na Consellería de Facenda [sobre tarxetas bancarias], sen ter que facer unha reelaboración dos mesmos”.
Porén, a resolución do Valedor recolle na súa exposición de antecedentes un dato novo que Facenda non incluíu en ningunha das súas dúas respostas previas. Segundo lle di ao Valedor, a consellería denegou a resposta á primeira das peticións de transparencia formuladas amparándose na excepción que contempla a lei cando é necesaria unha reelaboración dos datos “ao non dispoñer a Consellería de Facenda da información solicitada”. Isto é, á pregunta orixinal de “quen, na Xunta ou entes paralelos, dispón ou dispuxo, desde agosto de 2005, de tarxeta bancaria institucional e que gastos se fixeron con elas”, Facenda denegoulle ao cidadán peticionario a resposta argumentando que tería que reelaborar a información, pero contéstalle ao Valedor que “non dispón” dela.
O resultado final da sucesión de respostas obtidas a través do procedemento de transparencia é que Facenda non ten tarxetas bancarias institucionais pero “non dispón de información” sobre se as hai noutros departamentos da Xunta
O resultado final da sucesión de respostas obtidas a través do procedemento de transparencia é que Facenda non ten tarxetas bancarias institucionais pero “non dispón de información” sobre se as hai noutros departamentos da Xunta. Porén, dúas fontes non oficiais indicaron a este diario que non as hai desde hai décadas. Segundo as súas explicacións, os problemas de xustificación de gastos que se producían cando as había levou ao Goberno galego a suprimilas. O procedemento actual, cando un alto cargo da Xunta ou calquera funcionario ten que realizar un gasto ou unha viaxe, consistiría en entregarlle un anticipo de caixa ou nun reembolso posterior dos aboamentos que realizase cos seus propios cartos, previa xustificación do gasto.
Ante esta situación, este diario pediu explicacións á Consellería de Facenda a través da vía xornalística consistente en preguntar a un portavoz oficial tanto pola cuestión de fondo sobre a existencia ou non das tarxetas bancarias como pola ambigüidade das súas respostas previas no procedemento de transparencia. Logo de varias semanas de espera, a contestación foi que a Xunta non facilitaría información “máis alá do que xa se trasladou” a través das peticións de transparencia. Un procedemento que implicou sete meses de trámites con dúas peticións oficiais e un recurso ao Valedor para obter unha resposta pouco transparente.