Unha directora xeral cualifica de “incidente puntual” o que un departamento subordinado admitiu que se fai “sempre” e asegura que vai “evitar no futuro este tipo de incidentes”
A nova directora xeral de Planificación Enerxética da Xunta, Paula Uría, admite que o seu departamento, ata novembro en mans do histórico dirixente popular Ángel Bernardo Tahoces, revelou a unha empresa eólica datos persoais dun cidadán que formulou á administración unha petición de transparencia sobre o impacto ambiental dun parque eólico, pero asegura agora que “foi un feito excepcional” e “puntual” xa que “non é o proceder habitual desta unidade”.
Desminte así a outro cargo público subordinado, a persoa responsable da xefatura de servizo de Enerxías Renovables e Eficiencia Enerxética, que confirmara cun “sempre o facemos” que o seu departamento trasladara á empresa non só o contido da petición do cidadán senón o mesmo impreso de solicitude asinado con nome, DNI, enderezo, teléfono e correo electrónico, modo de proceder revelado o pasado decembro por Praza.gal con probas de que sería máis xeneralizado. Agora, malia consideralo un feito “puntual”, a directora xeral asegura que “daranse as instrucións oportunas co obxecto de evitar no futuro este tipo de incidentes”.
O Goberno galego sinte “as molestias ocasionadas” en resposta unha queixa formal que se lle formulou e tras un requirimento por incumprir os prazos do seu decreto de atención á cidadanía
O recoñecemento por parte da alto cargo do Goberno galego da cesión de datos persoais a unha empresa eólica prodúcese despois de que o departamento de comunicación da vicepresidencia económica da que depende rexeitase dar ningún tipo de resposta á pregunta Praza.gal sobre o ocorrido. Pola contra, agora é a directora xeral a obrigada a contestar a unha queixa oficial formulada ao amparo do decreto que regula a atención á cidadanía por parte da Xunta, que establece que a Oficina de Defensa das Persoas Usuarias dos Servizos Públicos da Xunta debe dar resposta ás mesmas “no prazo máis breve posible, que non excederá un mes desde a recepción da suxestión ou queixa”.
Presentada a queixa o 7 de decembro, esa Oficina de Defensa da cidadanía, a cargo do director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, Jesús Oitavén, non respondeu e dez días despois de superado o prazo, o 18 de xaneiro, formulóuselle un requirimento reclamando o cumprimento da normativa. Finalmente o 15 de febreiro, máis do dobre do tempo contemplado no decreto, respondeu anexando un informe sobre os feitos denunciados que solicitou á Secretaría Xeral da Consellería de Economía, dependente da vicepresidencia económica da Xunta, e que esta emitiu mes e medio máis tarde do prazo que a obrigaba.
Ese informe de resposta á queixa asínao a directora xeral de Planificación Enerxética, Paula Uría, no cargo desde finais de novembro, cando substituíu ao histórico Ángel Bernardo Tahoces, no mesmo posto desde 2009 e con varias polémicas ás súas costas por dificultar a transparencia do seu departamento.
No seu informe, Uría di que “revisadas as tramitacións feitas nesta dirección xeral cando se produce o traslado a terceiros da solicitude” -o trámite polo que se consulta a posibles afectados por unha petición de transparencia que se lle formule á administración-, “comprobouse que sempre se leva a cabo a disociación dos datos persoais, polo que pódeselle indicar que a comunicación da solicitude íntegra foi un feito excepcional, e que non é o proceder habitual desta unidade”. O informe engade que “no entanto, daranse as instrucións oportunas co obxecto de evitar no futuro este tipo de incidentes”.
Pola contra, cando un xornalista de Praza.gal pediu no seu momento explicacións á xefatura de servizo responsable do trámite de consulta a terceiros, a súa explicación foi distinta: “Nós o que non podemos é redactar o que se supón que se nos está pedindo, o que facemos é en todo caso mandar o mesmo escrito”. Escrito íntegro con todos os datos persoais que posteriormente a empresa anexou nun correo electrónico que dirixiu ao solicitante de transparencia para inquirirlle o motivo da súa petición á Xunta.
Agora, xunto co informe da directora xeral de Planificación Enerxética no que admite o ocorrido e di traballar para evitalo no futuro, o director xeral de Avaliación e Reforma Administrativa encargado de responder as queixas da cidadanía di sentir “as molestias ocasionadas e agradecemos a súa colaboración por canto nos permite coñecer as áreas susceptibles de mellora nas que a Xunta de Galicia debe centrar os esforzos”.
En xuño o Tribunal Superior evidenciou que outra empresa enerxética tamén coñecía datos persoais dun solicitante de transparencia
Antes deste caso unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia referente a outra petición de transparencia sobre outro parque eólico distinto xa deixaba entrever o proceder do Goberno galego. Naquela resolución do pasado 19 de xuño o TSXG daba a razón á Xunta na súa decisión de facilitar a un xornalista de Praza.gal a información que solicitara fronte á negativa da empresa propietaria do parque eólico e facíao rexeitando as súas alegacións indicando que “o feito de que o solicitante pretenda incorporalos [os datos] a unha noticia periodística está amparado polo dereito á liberdade de información”. A sentenza evidenciaba así que a empresa era coñecedora da condición de xornalista da persoa que solicitaba a información cando nin ela nin o seu medio de comunicación -as peticións de transparencia son da cidadanía individualmente, non de organizacións- compareceran na causa xudicial entre a enerxética e a Xunta sobre a pertinencia ou non de facer públicos os datos.
A Xunta tamén divulgou, en aplicación da Lei de Transparencia, nomes de menores de idade aos que pagaba tratamentos médicos
Non é a primeira vez que na súa aplicación da Lei de Transparencia a Xunta divulga datos persoais. Ao comezo da vixencia da mesma a Consellería de Política Social fixo públicos en internet os nomes e apelidos de menores de idade aos que pagaba distintos tipos de tratamentos médicos. Praza.gal detectou esas publicacións na web de transparencia da Xunta e, tras alertar á consellería, agardou a que esta borrase os nomes antes de publicar unha información ao respecto na que o departamento que daquela dirixía José Manuel Rey Varela admitía o sucedido como un “erro”.
Por outra banda, o procedemento de alegacións de terceiros nas solicitudes de transparencia dirixidas á Xunta tamén deixou en evidencia en 2018, a conta dunha petición dun convenio do Sergas cunha multinacional, que o Goberno galego denega esas solicitudes mesmo cando a empresa implicada non pon problemas para facilitar a información. Similar procedemento de ocultar o que un terceiro non ten problemas en desvelar seguiu a Xunta ao borrar parte do convenio que asinou co Ministerio de Defensa para crear unha base de probas de drons no aeródromo de Rozas, acordo que o ministerio publicou íntegro en 2015 no seu boletín oficial.