O protocolo que a hostalaría e a Xunta preparan para unha nova desescalada recollerá a reapertura do consumo en barras, aínda que con condicións aínda por detallar pero que implicarán a distancia entre clientes. O consellerio de Sanidade, Julio García Comesaña, adiantouno este mércores na comparecencia tras o comité clínico.
Xunta e o sector continúan a traballar neste novo plan para acelerar a desescalada que Sanidade agarda que se poida aprobar por consenso xa a vindeira semana, establecéndose logo un tempo para que bares e restaurantes apliquen as novas medidas.
Xunta e hostalaría prevén que o novo protocolo para a desescalada quede aprobado a vindeira semana
As dúas partes volverán reunirse o vindeiro venres logo do encontro mantido este mércores pero que non foi suficiente para deixar listo un plan sobre o que a distancia entre as mesas é agora un dos temas sobre os que máis se discute e que está a dificultar chegar a un consenso.
Si quedou claro xa que o novo protocolo permitirá a reapertura do consumo en barras. "Pedíronnos o uso das barras e no novo documento isto practicamente incorporado. Permitirase o seu uso nunhas determinadas condicións", explicou Comesaña, que advertiu da importancia do documento sobre uns espazos, os da hostalaría, onde é inevitable sacar a máscara para consumir.
O novo protocolo, como xa se adiantara, prevé que a capacidade máxima de cada local veña determinada polas medidas sanitarias aplicadas en cada un deles e non pola incidencia da COVID na súa localidade.
O plan consistiría nunha serie de normas de calidade sanitaria en función de cuxo cumprimento os locais quedarían adscritos a tres niveis diferentes, con cadansúas vantaxes e prerrogativas.