O TSXG acusa a Xunta de "demonizar" a hostalaría co certificado COVID: "Non é idóneo nin eficaz"

Un home amosa o certificado COVID impreso en papel CC-BY Praza Pública / Cedida

Contundente auto contra a Xunta do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), no que argumenta a decisión --adiantada hai unha semana-- de rexeitar o seu aval á esixencia de presentar o certificado COVID para poder entrar nos locais de hostalería.

O TSXG considera que a medida "non é idonea nin necesaria" e acusa a Xunta de "demonizar" a hostalaría e establecer "agravios comparativos" con outros sectores

O Superior considera que a medida non é "idónea", xa que non impide o contaxio, nin "necesaria", polo menos "no grao que resultaría esixible", ademais de acusar o Goberno galego de "demonizar" a hostalaría. Logo de rexeitar a medida imposta pola Xunta --que foi aplicada durante semanas malia carecer do aval xudicial necesario ao non ser solicitado pola Administración--, o TSXG lembra que malia que Galicia foi "a única comunidade na que se veu esixindo o pasaporte COVID", a evolución da pandemia no país non foi a mellor. 

Feijóo acode a unha rolda de prensa tras unha reunión do comité clínico CC-BY Xunta

Así, e conforme aos datos do Ministerio de Sanidade, o Superior advirte que “na evolución dos últimos catorce días non hai datos significativos que indiquen unha eficacia da medida adoptada en Galicia". Ademais, o tribunal aclara que a medida non é idónea porque "as persoas que foron vacinadas ou padeceron a enfermidade poden ser transmisores" do virus e a Xunta “non explicou como se evitará o posible contaxio de quen accedese ao local amparados na presentación dun xustificante pola realización dunha PCR ou un test de antíxeno, que só acredita que no momento da súa realización non eran portadores do virus activo, pero non que gocen de inmunización algunha fronte a este”.

 “Na evolución dos últimos 14 días non hai datos significativos que indiquen unha eficacia da medida adoptada en Galicia", di o TSXG

Ademais, os xuíces acoden a un argumento xa exposto polo Superior de Andalucía e lembra que a petición de certificado COVID "establece un deber exclusivamente a cargo do cliente" pero "non pesa na mesma medida sobre quen se atope desenvolvendo a súa prestación laboral" na hostalaría. Xa que logo, "a medida non permite alcanzar o obxectivo de preservar do virus determinados espazos, pois podería darse o caso de que cumprindo todos os clientes dun local coa esixencia, con todo, ningún dos empregados estivese en condicións de cumprila, de maneira que a restrición de dereitos da clientela sería en balde”.

O Superior non ve moi xustificada a medida ante o avance da vacinación e lembra que o certificado só se esixe á clientela pero non aos traballadores

O TSXG vai máis aló ao advertir de que "non ten moita xustificación" a medida cando as previsións da vacinación indican que esta suporá un importante freo á expansión do virus. Así, cre que a Consellería de Sanidade debería “acreditar con rotundidade que o maior número de contaxios da chamada quinta onda ten a súa orixe, precisamente, nos establecementos de hostalería e restauración, en bares, cafeterías e restaurantes”.

A contundencia do auto do Superior é tal que os maxistrados chegan a asegurar que non lles parece “ecuánime demonizar o sector de servizos de hostalaría establecendo agravios comparativos con outras actividades mercantís que se desenvolven en lugares pechados, como son os establecementos comerciais ou grandes superficies nos que, a pesar do seu uso masificado, non se esixe para o seu acceso a exhibición de ningún documento de carácter médico”.

Certificado de vacinación contra a COVID nun teléfono móbil, sobre unha imaxe dun local hostaleiro CC-BY-NC-SA Foto: Hostalería Compostela | Montaxe: Praza Pública

Tamén responde o TSXG á postura da Xunta, que defende que a medida non afecta os dereitos fundamentais relacionados coa intimidade e a protección de datos porque a esixencia do certificado só é para actividades voluntarias e porque os datos non quedan rexistrados nin arquivados. O tribunal aclara que “precisamente o exercicio voluntario é o propio de todo dereito”. 

“Tamén deambular pola vía pública durante a noite é unha actividade voluntaria e non por iso se aceptou que os toques de recollida nocturnos non afectasen o dereito fundamental á liberdade”, din os xuíces. Ademais, respecto do risco de afección ao dereito da intimidade, que é máis amplo que o de protección de datos persoais, aclaran que "o cliente tivo que desvelar a un terceiro unha información concernente á súa saúde que tiña dereito a manter reservada para si e o seu círculo íntimo”.

Por outra banda, o TSXG si autorizou prorrogar a limitación nas reunións de persoas para reducir a interacción social e frear os contaxios de COVID. O Superior autoria as medidas restritivas de dereitos fundamentais contidas na orde do 19 de agosto, que prorroga as que xa se recolína na do 21 de xullo, aprobadas naquela altura polo tribunal e prorrogada por orde de 4 de agosto. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.