"Un erro importante e grave". Así cualifican fontes xurídicas consultadas por Praza.gal o feito de que a Xunta non solicitase o aval ao TSXG para a esixencia de certificado COVID para a entrada en locais de hostalería ou lecer nocturno, unha medida que foi aplicada durante semanas en concellos con niveis máximo ou alto de incidencia do coronavirus malia carecer de vixencia pola falta desta autorización xudicial. Unha norma aplicada sen ser aplicable.
A Xunta non solicitou o aval xudicial requirido para esixencia de certificado COVID na hostalería, unha medida aplicada durante semanas malia non ter validez
A autorización do Tribunal Superior é esixida pola Lei da xurisdición contencioso-administrativa no caso das medidas sanitarias aplicadas por gobernos autonómicos se estas supoñen limitación ou restricións de dereitos fundamentais e os seus destinatarios non están identificados individutalmente.
Malia que a Xunta argumenta que a medida estaba xa amparada pola súa nova lei de Saúde e que non requiría dese aval xudicial, as mesmas fontes indican que o feito de que afecte dereitos fundamentais obriga a contar coa autorización previa do TSXG, que finalmente non deu o aval, como tampouco o fixeron outros tribunais ante medidas idénticas que outras autonomías intentaron aplicar, solicitando antes a autorización que só chegou nas Illes Balears.
"Restrinxir a entrada de persoas que non se puideron vacinar ou que nin tan sequera tiveron acceso á vacina supón unha restrición do principio de non discriminación, ademais do do dereito á intimidade persoal que supón acceder a datos sanitarios por parte dos profesionais da hostalaría", explican estas fontes, que aclaran que esa mesma razón é a que levou a axencias de protección de datos a poñer en dúbida a legalidade da medida en varios lugares, tamén en Galicia.
"O dereito sanitario das comunidades autónomas non pode afectar a cuestións fundamentais e é a Xunta a que ten que argumentar que a medida é acaída e efectiva para os obxectivos que persegue... Non o fixo no seu momento e é un erro que non ten desculpa", indican, tras lembrar que é a Lei Orgánica 3/1986, de 14 de abril, de Medidas Especiales en Materia de Saúde Pública a única que avalaría a esixencia de certificado COVID na hostalería sempre que non medie un Estado de Alarma e a delegación nas autonomías das medidas sanitarias por parte do Estado.
Ademais, as mesmas fontes xurídicas consultadas por Praza.gal advirten de que o feito de a Xunta aplicase unha medida que carecía de vixencia pola falta de aval xurídico durante varias semanas pode levar o Goberno galego a afrontar reclamacións do sector pola súa responsabilidade patrimonial nos prexuízos en forma de perdas que os locais de hostalería sufriron ao ter que denegar a entrada a aquela clientela que carecía do pasaporte COVID.
A Xunta podería afrontar agora reclamacións da hostalería pola súa responsabilidade patrimonial nos prexuízos en forma de perdas dos locais
Agora, coas novas restricións desde este martes, nos concellos de nivel máximo de incidencia da COVID o interior da hostelaría pasa a estar pechado (antes, co certificado, podía abrir cunha capacidade do 30%). Nos concellos de nivel alto a capacidade no interior réducese do 50% ao 30% e tampouco se poderá facer uso das barras. Nos concellos de nivel medio e baixo, os cambios afectan ao lecer nocturno: antes, co certificado, o acceso ao interior de discotecas e pubs estaba limitada ao 50% da súa capacidade, mentres que agora o máximo pasa a ser do 30%. Nos concellos de nivel máximo e alto non hai cambios, pois o lecer nocturno seguirá pechado.
Desde a Xunta, o seu vicepresidente Alfonso Rueda xustificou as novas restricións pola necesidade de priorizar a "seguridade sanitaria" e a "obriga" da Administración autonómica de "compatibilzala" coa "vida económica". Con todo, xa advertiu de que se a situación da COVID segue mellorando, "os concellos en risco máis alto pasarán a un risco menor e as capacidades dos locais seguirán mellorando". "En canto poidamos relaxar restricións, querémolo facer", dixo.
Pero a vía xudicial respecto das restricións e o certificado COVID non remata. Este mesmo luns, a Asociación Provincial de Hostalería da Coruña anunciou que recorrerá as novas medidas anunciadas pola Xunta a partir deste martes.
A Asociación Provincial de Hostalería da Coruña xa anunciou que recorrerá as novas restricións aplicables desde este martes
"Son desproporcionadas e chegan nun momento clave de ingresos para a hostalería", explica o colectivo aos seus asociados, logo de que estes amosasen nunha enquisa interna a súa preferencia por manter a esixencia do certificado COVID á clientela fronte ás novas restricións. Outras asociacións do sector xa manifestaron tamén o seu malestar logo de que a Hostalería Federada Galega (HOSFEGA) e a Plataforma Galega en Defensa da Hostalería presentasen o recurso que acabou por anular a esixencia do documento.
Mentres, desde a oposición piden a Feijóo que "depure responsabilidades" ante o que consideran unha "chapuza" por parte da Xunta. Así, o BNG pediu abrir o Parlamento axiña para que o presidente galego "dea a cara" tras o auto do TSXG.
A oposición pide a Feijóo que "depure responsabilidades" ante o que consideran unha "chapuza" e que ofreza "seguridade xurídica"
O deputado do Bloque, Luís Bará, cualificou de "chapuceira e escurantista" a actitude do Executivo galego, ao que acusou de ter aplicado unha norma durante tres semanas na hostalaría "sen amparo xudicial".
Pola súa banda, o PSdeG urxiu á Xunta un plan de apoio e axudas á hostalería logo da redución da capacidade dos locais despois de que o Superior "tombase" o requisito do certificado COVID. O secretario xeral dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, instou a Feijóo a que "deixe de estar de vacacións" e ofreza "seguridade xurídica, axudas económicas e un plan de futuro para afrontar un verán que é moi importante para a reactivación”.