O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) denega definitivamente a esixencia de presentar certificado COVID para entrar na hostalería e no lecer nocturno. O TSXG rexeita así autorizar xudicialmente que estes locais teñan a obriga solicitar esta acreditación á clientela para entrar nos interiores, unha medida que levaba vixente xa varias semanas.
Así o fixo público o Superior na mañá deste sábado, no que anunciou a parte dispositiva dun auto cuxo contido íntegro se dará a coñecer nos vindeiros días. Queda agora por ver cal será a decisión da Xunta, logo de que no DOG publicado na noite do venres decidise priorizar manter hostalería aberta, coas mesmas restricións que ata agora e sen necesidade de certificado COVID, á espera de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o avalase. Pero non o fixo.
O Goberno galego ratifica no DOG que bares, restaurantes e lecer nocturno estaban exentos de pedir esta acreditación polo momento, logo de que a TSXG decretase o xoves que carece de vixencia por non ter solicitado a Administración a súa autorización xudicial. Con todo, o mesmo DOG establece un plan B no que aclara que se antes non houbese un pronunciamento xudicial a favor, o martes procederíase á redución da capacidade e mesmo ao peche de establecementos nos concellos cos niveis máis elevados de incidencia da COVID.
Hostalería e lecer nocturno pasarán a ponte sen pedir o certificado COVID, pero a ausencia de aval xudicial aboca a Xunta a reducir capacidades e pechar locais
Xa que logo, durante a ponte --o luns é San Roque e é festivo en moitas localidades galegas-- e desde o pasado xoves, non será necesario amosar o certificado COVID de vacinación ou recuperación para entrar na hostalería. Tampouco o será a partir do martes, pero a Xunta anunciou que nese caso aumentará as restricións a non recibir o aval da xustiza.
De non cambiar a súa intención, a Xunta procederá a reducir capacidades máximas e mesmo a pechar locais. Mentres, continuará coas actuais restricións pero sen necesidade de pedir o certificado COVID.
Así, a partir do martes --e tendo en conta o publicado no DOG este venres-- nas localidades con nivel máximo de incidencia (na actualidade só O Grove) pasarase de autorizar a apertura do 30% do interior dos locais a pechalos. No caso do nivel alto (no que permanecen todas as cidades agás Santiago e Ourense), a hostalaría pasaría do 50% con certificado a 30% sen certificado. No caso do lecer nocturno, a capacidade máxima dentro dos locais nos niveis medio e medio baixo (nos dous de máis incidencia do virus os interiores dos pubs están pechados) modificaríanse do 50% con certificado ao 30% sen certificado.
Ao non haber aval xudicial ao certificado COVID, nos municipios con nivel máximo pecharán o interior da hostalería; en nivel alto, pasarase do 50% ao 30% de capacidade
A Xunta intenta aclarar esta última decisión no seu intento de "non causar un mal maior nin ao sector, nin sobre todo á poboación, que coñecía e manexaba unhas normas que agora van cambiar", polo que establece "un tempo razoable" para a súa correcta difusión e coñecemento, que leva a fixar a entrada en vigor das novas normas ás 00.00 horas do martes, no caso de que o TSXG non ratificase o luns as medidas remitidas este venres.
O Goberno galego presentou o pasado venres ante o TSXG a solicitude de autorización xudicial --que a Fiscalía ve "precedente" que se dea-- para poder esixir o certificado COVID para entrar nos locais de hostalería nos concellos con niveis alto e máximo de incidencia do coronavirus e no lecer nocturno nos municipios en nivel medio e baixo. Fíxoo cando a medida xa entrara en vigor hai semanas malia que, en realidade, carecía de validez legal por non ter sido aprobada polo TSXG.
Feijóo insistiu en que se o seu Executivo non presentara a solicitude de aval a esta medida antes porque entende que xa está avalada pola lei de saúde autonómica sen necesidade de recorrer previamente á xustiza.
De feito, o presidente da Xunta asegurara xa na mañá deste venres que no escrito presentado ante o TSXG acreditábase que a reformada lei de saúde "lexitima" a comunidade para establecer a medida sen precisar do aval xudicial. "Fixémolo por varios razóns: primeiro porque a maioría de países europeos o están facendo; segundo porque máis do 70% da poboación galega ten a pauta completa de vacinación; e terceiro, porque nos parece a forma máis segura para axudar á hostalería a trabllar sen limitacións e tamén para consumir en locais de localidades con incidencias altas", aclarou
Con todo, xa advertiu de que no caso de que o Superior non avalase a medida, poderían volver os peches de bares e restaurantes, como así especifica o DOG agora. "Hai municipios con prevalencias moi altas onde, de non poder esixirse o certificado COVID, están ante o risco de ter que pechar o interior da hostalería", asegurou. "Non ten sentido que só esteamos vacinando para coller un avión; estamos ante unha lagoa leal, unha ausencia de lei estatal e por iso as autonomías damos botes dun lado para outro", rematou.
Máis de 1,5 millóns de certificados COVID emitidos
Na mesma xornada, a Xunta tamén emitiu un comunicado no que se gababa de "afrontar a nova onda da covid con solucións innovadoras axustadas á situación epidemiolóxica actual", entre as que destaca "o uso do certificado COVID para o acceso a interiores".
Así, o Goberno galego destacou que xa ten emitido máis de 1,5 millóns de certificados COVID: 1.505.038 de vacinación, 30.465 de resultado de proba diagnóstica e outros 20.616 acreditativos de ter superado a enfermidade.