Galicia deixa atrás o peor da quinta vaga da pandemia mentres acada o 75% de poboación vacinada coa pauta completa

© Xunta

Galicia entrou no mes de setembro cunha clara mellora da situación da pandemia. O número de novos positivos detectados cada día segue en descenso, o mesmo que as cifras de incidencia. A quinta vaga da pandemia vai quedando atrás, despois de chegar ao pico de contaxios nos últimos días de xullo e de superar o pico de ingresos hospitalarios a mediados de agosto. Dende o 1 de xullo houbo case 50 mil casos de COVID detectados en Galicia e preto de 140 falecementos.

O 83% da poboación maior de 12 anos conta xa coa pauta completa e o 91,3% ten cando menos unha dose

Esta mellora coincide co avance do proceso de vacinación, que este mércores acadou no conxunto do Estado Español o 70% de poboación coa pauta completa. En Galicia as cifras son superiores e este mércores superouse o 75% de poboación inmunizada coa pauta completa. Sobre a poboación maior de 12 anos -a única que neste momento pode recibir a vacina- as porcentaxes son superiores: o 82,9%. Ademais, o 83% da poboación galega conta cando menos cunha dose da vacina, acadando o 91,3% da poboación diana (maior de 12 anos).

O 85,8% dos mozos e mozas entre 12 e 19 anos teñen xa cando menos unha dose e o 19,6% contan coa pauta completa

Nos últimos días seguiu avanzando o proceso de vacinación especialmente nos grupos de idade de poboación máis nova. O 85,8% dos mozos e mozas entre 12 e 19 anos teñen xa cando menos unha dose e o 19,6% contan coa pauta completa. No caso das persoas entre 20 e 29 anos, a pauta completa chega xa ao 52,9%, mentres que o 77,6% conta cando menos cunha dose. Por riba dos 40 anos a pauta completa acada porcentaxes entre o 90% e o 100%.

A incidencia cae en todos os grupos de idade, pero mantense en valores elevados nos mozos e mozas entre 12 e 29 anos, grupos ademais nos que os contaxios descenden de forma máis lenta

Este xoves o Sergas notifica a aparición de 335 novos casos de COVID, moi por debaixo dos 498 de hai sete días. A Incidencia Acumulada a 14 días cae por debaixo dos 250 casos por cada 100.000 habitantes e a incidencia a 7 días achégase aos 100 casos por cada 100.000 persoas.

A incidencia cae en todos os grupos de idade, pero mantense en valores elevados nos mozos e mozas entre 12 e 29 anos, grupos ademais nos que os contaxios descenden de forma máis lenta. Nos rapaces e rapazas entre 12 e 19 anos a incidencia acumulada a 14 días é de 835 casos por cada 100.000 persoas. Tamén entre os menores de 11 anos as cifras de incidencia están por riba da media galega.

Lugo é a área sanitaria con máis contaxios por habitante, duplicando a media galega. Porén, tamén nesta área as cifras están a descender. Santiago e A Coruña tamén se sitúan por riba da media do conxunto de Galicia.

Nos hospitais a situación mellora lentamente, cando menos nos datos totais de camas ocupadas por pacientes COVID, 206 este mércores, 68 menos que a pasada semana. Nas UCI segue a haber 53 pacientes cun diagnóstico positivo de COVID, algo mellor que hai sete días, pero cun descenso moi lento.

Catro novos falecementos continúan a engadirse ás cifras globais da pandemia e da quinta vaga da pandemia, con máis dun cento de defuncións no último mes.

Baralla, A Pobra de Trives, Melide, Ordes, Monforte de Lemos, A Pastoriza, Toques, Agolada, Viana do Bolo, Monterroso e Curtis teñen incidencias acumuladas superiores ao mil casos por 100.000 habitantes

Aínda que a situación epidemiolóxica mellora no conxunto de Galicia e en case todas as comarcas, hai aínda algúns concellos que seguen a sufrir gromos de importancia. 11 localidades (Baralla, A Pobra de Trives, Melide, Ordes, Monforte de Lemos, A Pastoriza, Toques, Agolada, Viana do Bolo, Monterroso e Curtis) teñen incidencias acumuladas superiores ao mil casos por 100.000 habitantes, con Castro de Rei preto dese indicador.

A situación nas cidades melloran de forma xeral, agás Ourense e Compostela, con datos estabilizados. Lugo e Ferrol seguen a ser as urbes con máis contaxios por habitante.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.