A quinta vaga provocou en Galicia o 30% dos casos de toda a pandemia, pero só o 10% de hospitalizacións e o 5% das mortes

Vacinación contra a COVID en Expocoruña (maio 2021) e gráficos de evolución da quinta vaga da pandemia CC-BY-SA Foto: Sergas | Montaxe: Praza Pública

Cando Galicia comeza a deixara atrás por completo a quinta vaga da pandemia, é tempo de facer balance dunha onda que -marcada pola alta capacidade de transmisión da variante Delta- deixou decenas de milleiros de contaxios no país, a un nivel só igualado anteriormente pola terceira onda, que tivo o seu pico o pasado mes de xaneiro. 

Entre xullo e agosto detectáronse en Galicia máis de 50.000 casos, pero só 1.800 hospitalizaciós e 222 ingresos en UCI

En total, contando unicamente os meses de xullo e agosto, rexistráronse en Galicia 52.045, segundo os datos detallados que publica o Instituto de Saúde Carlos III. O pico acadouse na derradeira semana de xullo, con máis de 10.000 positivos en só sete días, un ritmo de detección semellante á do pico da terceira onda, a finais de xaneiro.

Con todo, mentres que o número de positivos detectados foi equiparable ao da terceira onda (e moi superior á do resto de vagas), os indicadores hospitalarios e de falecementos foron moi inferiores, unha mostra da efectividade das vacinas contra a COVID, que evitaron milleiros de ingresos e de falecementos. Así, mentres que esta quinta vaga suma case o 30% dos positivos de toda a pandemia, apenas rexistrou o 11% das hospitalizacións e ingresos en UCI e pouco máis do 5% das mortes.

Ata hai uns meses, a taxa de letalidade da COVID era do 2%. Nesta quinta vaga, coa poboación protexida polas vacinas, foi do 0,26%

Unhas cifras elevadas, con todo, que significaron case 1.800 hospitalizacións de persoas con COVID entre xullo e agosto, 222 delas nas UCI. E un total de 134 mortes, máis de cen só no mes de agosto, o que situou este mes como o máis letal dende marzo. 

Durante o pasado ano 2020 a pandemia tivo en Galicia unha taxa de letalidade do 2,3%. Isto quere dicir que por cada 100 positivos detectados, había algo máis de dúas mortes. O pasado mes de xuño, xusto antes do inicio desta nova onda, a taxa de letalidade baixara só un chisco, ata o 2%. En cambio, nesta quinta vaga a taxa de letalidade foi moi inferior, ao redor do 0,26%, deixando a taxa de letalidade do conxunto da pandemia no 1,5%.

Se nesta quinta vaga se rexistrata unha taxa de letalidade (mortes por cada 100 casos positivos) semellante á que había uns meses, o número de falecementos podería ter superado os mil

Dito doutra maneira, se nesta quinta vaga da pandemia -co altísimo número de contaxios detectados- se rexistrara un número de mortes por cada 100 casos positivos semellante ao que se viña rexistrando anteriormente, cando o groso da poboación non estaba aínda protexido polas vacinas, o número de mortes podería ter superado as mil.

Cómpre sinalar, iso si, que mentres que o pico de contaxios foi superado hai máis dun mes e o de hospitalizacións hai varias semanas, o de mortes non comeza aínda a descender de forma clara, polo que aínda estamos a ver defuncións de casos ligados á quinta vaga, o que pode elevar un chisco a taxa de letalidade final.

Foi moi comentado o cambio cualitativo que nos efectos da pandemia tivo o proceso de vacinación. A poboación máis nova comezou a concentrar as maiores proporcións de casos positivos, e mesmo incrementou moito a porcentaxe de hospitalización motivada pola COVID. En realidade non é tanto que a mocidade sufrise moitos máis casos graves, senón que a poboación de maior idade pasou a estar protexida, sendo moito menos frecuentes nela as peores consecuencias da enfermidade. 

En xullo e agosto, a metade dos casos de COVID foron de mozos e mozas entre 10 e 29 anos

No anterior gráfico compáranse os efectos na quinta vaga e do conxunto da pandemia e cada grupo de idade. En primeiro lugar, no que atinxe ao número de casos detectados, as cifras viñan sendo moi parellas, con diferenzas pequenas entre uns e outros grupos de idade. En cambio, en xullo e agosto, a mocidade entre 20 e 29 anos sumou o 27,5% dos casos e o grupo de 10 a 19 o 22,5%. En total, o 50% entre os dous. De aí que as súas cifras de incidencia acumulada se disparasen ata superar os dous mil casos por cada 100.000 persoas en 14 días.

O 25,5% dos ingresos hospitalarios corresponderon a persoas entre 20 e 40 anos

Os cambios nas hospitalizacións non foron tan grandes, pero si se observa un grande incremento da proporción de ingresos correspondente á mocidade de 20 a 29 anos (pasa do 3% ao 12%) e de 30 a 39 anos (pasa do 5% ao 13,5%). Mesmo o 3% de todas as persoas hospitalizadas na quinta vaga tiñan entre 10 e 19 anos.

No que atinxe ás UCI, de novo atopamos cambios, que afectaron sobre todo ao grupo de 40 a 49 anos (pasou do 10% ao 16% de todos os ingresos), de 30 a 39 anos (do 4% ao 12,6%) e de 20 a 29 anos (do 1,8% ao 8%). Nas mortes, iso si, a inmensa maioría seguiu correspondendo á poboación maior de 80 anos.

Nas UCI, case o 37% dos ingresos corresponderon a persoas entre 20 e 50 anos

A quinta vaga, ao igual que as anteriores, non deixou grandes diferenzas entre sexos no que atinxe ao  conxunto dos casos detectados, pero os homes seguiron a rexistrar unha porcentaxe máis alta dos casos máis graves (coa necesidade de ingreso hospitalario), chegando ata o 62% dos ingresos en UCI. En cambio, o número de falecementos foi de novo parello, o que pode explicarse pola maior proporción de mulleres entre a poboación de máis de 80 anos. 

Chama a atención, igualmente, as diferenzas que se estableceron entre sexos en función da idade dos casos de COVID. Entre os homes concentrouse unha maior porcentaxe de positivos entre a poboación de menos de 30 anos, chegando a un 59%, fronte ao 54,5% das mulleres.

Entre os homes concentrouse unha maior porcentaxe de positivos entre a poboación de menos de 30. Entre as mulleres rexistráronse máis hospitalizacións entre o grupo de 20 a 40

Pola contra, entre as mulleres rexistráronse máis hospitalizacións entre o grupo de 20 a 40 anos (un 30% do total), fronte ao 22% que este grupo representou nos homes.

As mortes concentráronse entre a poboación de maior idade, especialmente entre as mulleres, nas que o grupo de máis de 80 anos representou máis de 8 de cada 10 falecementos. Nos homes a porcentaxe descendeu ata o 69%

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.