Galicia roza o 80% da poboación con vacina completa contra a COVID

Un mozo é vacinado contra a COVID-19 na Cidade da Cultura, o pasado 20 de agosto ¡ CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Hai xa semanas, mesmo meses, que o avance da vacinación mudou moi notablemente o impacto da pandemia da COVID-19 na vida diaria de boa parte dos países considerados desenvolvidos ou ricos, isto é, os que están a ter un acceso masivo ás inxeccións. Boa mostra disto é que, no caso de Galicia, a quinta vaga provocou en o 30% dos casos de coronavirus rexistrados en toda a pandemia, pero só o 10% de hospitalizacións e o 5% das mortes.

O 85% das persoas maiores de 12 anos xa recibiron a pauta completa da vacina contra a COVID-19 en Galicia

Con este pano de fondo, os datos actualizados polo Ministerio de Sanidade no comezo da primeira semana completa do mes de setembro, correspondentes ao domingo día 5, amosan que Galicia está a piques de pasar a barreira do 80% da poboación con pauta completa. Cos datos poboacionais provisionais de 2021, os 2,10 millóns de persoas que xa recibiron a pauta completa (dúas doses, agás na monodose de Janssen) equivalen ao 78% da poboación, que é o 85% das persoas maiores de 12 anos (as vacinas non están autorizadas, polo momento, por baixo desta idade).

O Sergas continúa esta semana administrando doses e pedindo á poboación que perdeu a súa quenda ou non acudiu a ela que se inscriba na autocita para recibir unha inxección -xa lonxe, cando menos nos últimos días, das controversias axitadas sobre unhas suposta escaseza de doses por culpa do Goberno central-. Faino nun contexto no que o groso da vacinación segue sendo para os grupos de idade máis mozos, os mesmos nos que a incidencia acumulada da COVID-19 a 14 días segue sendo máis alta, pero tamén nos que máis descende, como amosa a táboa sobre estas liñas.

O descenso da incidencia acumulada a 14 días é a tónica xeral en todos os grupos de idade e a 7 días tamén sucede o mesmo tanto para o conxunto do país como para todas as áreas sanitarias galegas de xeito individual. O dato galego rolda agora os 70 casos novos por cada cen mil habitantes na última semana (segundo os datos do último día completo dispoñible, o sábado) mentres, este luns, o Sergas notificaba 194 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do sábado e a mesma hora do domingo. É a cifra máis baixa en vinte e catro horas dende o 30 de xuño.

Esta tendencia descendente da incidencia máis inmediata, que oscila entre os 120 casos novos por cada cen mil habitantes a sete días na área de Lugo e os apenas 37 da área de Pontevedra, continuará nos vindeiros días. Así o reflicte o indicador coñecido como razón de taxas -comparación das incidencias acumuladas de cada día coas da mesma xornada da semana anterior-. Neste indicador, canto máis próximo a cero é o valor, máis rápido descende a incidencia. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, o ritmo de descenso da incidencia acumulada a 7 días para o conxunto de Galicia acelera con claridade dende os últimos días de agosto.

As 201 persoas coa COVID ingresadas nos hospitais galegos o domingo eran 54 menos que unha semana antes

Todo isto sucede nun contexto no que, non obstante, a incidencia acumulada vai perdendo cada vez máis terreo -precisamente, por efecto da vacinación- como indicador de referencia para medir o impacto xeral da pandemia e con el, para establecer restricións. A nivel global, e tamén en Galicia, as autoridades prestan cada vez máis atención á carga hospitalaria e a tendencia é agora igualmente descendente.

As 201 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus nos hospitais galegos ás seis da tarde do domingo eran apenas 4 máis que un día antes, pero 54 menos que o mesmo día da semana anterior. Cómpre ter en conta, como cada luns, que o dato do domingo adoita verse alterado porque durante as fins de semana é habitual que os hospitais tramiten menos altas.

A carga asistencial nos hospitais ligada á COVID vai aliviando aos poucos e o mesmo sucede, paseniño, con outros puntos do sistema sanitario como a Atención Primaria ou o rastrexo. Non en van, o total de casos considerados como positivos activos baixa de seis mil por primeira vez dende mediados de xullo. Ás seis da tarde do domingo eran 5.848, case un 30% menos que unha semana antes.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.