As segundas doses para a mocidade entre 12 e 19 anos completan a protección ante a COVID de todos os grupos de idade en Galicia

Unha vez que o grupo de 12 a 19 anos complete a súa inmunización, Galicia superará o 90% de poboación maior de 12 anos inmunizada, finalizando ademais o proceso de vacinación por idades © Xunta

Unha vez que o grupo de 12 a 19 anos complete a súa inmunización, Galicia superará o 90% de poboación maior de 12 anos inmunizada, finalizando ademais o proceso de vacinación por idades

A que vén vai ser unha das semanas clave no proceso de vacinación. O groso dos mozos e mozas de 12 a 19 anos recibirán a súa segunda dose, quedando protexidos e protexidas, precisamente na semana en que bota a andar o curso escolar no ensino secundario, Bacharelato e Formación Profesional (as clases comezan o mércores 15). 

Unha vez que o grupo de 12 a 19 anos complete a súa inmunización, Galicia superará o 92% de poboación maior de 12 anos inmunizada, finalizando ademais o proceso de vacinación por idades. A partir de entón continuará un traballo de repesca de persoas que -polo motivo que fose- non se vacinaron no momento en que o seu grupo de idade foi chamado. Estas vacinacións contribuirán a elevar a porcentaxe de poboación inmunizada, que neste momento se sitúa no 87% sobre a poboación diana (maiores de 12 anos) e o 79% sobre a poboación total, un dato que a vindeira semana podería chegar ata o 85%.

Este sábado Galicia comezará a vacinación sen cita previa, habilitando os habituais espazos de vacinación masiva para que acuda calquera persoa que aínda non fora vacinada

Quen queda, pois sen vacinar en Galicia? Ou, máis ben, quen quedará unha vez que a vindeira semana as persoas (sobre todo deste grupo de 12 a 19 anos) que teñen unha dose reciban a segunda? As estatísticas que a diario publica o Ministerio de Sanidade amosan algúns 'ocos' en cada grupo de idade, unha proporción moi pequena persoas que non se vacinaron ben porque non quixeron facelo, ben por problemas de axenda ou de localización, posiblemente por non atoparse en pleno verán nos seus lugares de residencia.

Este sábado Galicia comezará a vacinación sen cita previa, habilitando os habituais espazos de vacinación masiva para que acuda calquera persoa que aínda non fora vacinada, facéndoo ademais sen necesidade de concertar unha cita no Sergas. O obxectivo desta iniciativa, que continuará nas vindeiras semanas, é ir completando os devanditos 'ocos' de persoas pendentes.

Durante meses falouse moito sobre a 'inmunidade de grupo' ou 'inmunidade de rabaño', a porcentaxe de poboación vacinada que era necesaria acadar para asegurar unha protección para o conxunto da cidadanía, impedindo ou dificultando moito a transmisión comunitaria. Nun comezo, e tendo en conta a capacidade de contaxio das primeiras variantes do virus, estableceuse o 70% da poboación como o limiar que debía ser superado. Porén, a maior transmisibilidade das novas variantes (especialmente da Delta, predominante en Galicia) obrigou a elevar este cálculo ata o 85% ou mesmo o 90%, como explicaba nesta entrevista Francisco Caamaño hai uns días.

É necesario acadar o 90% de poboación vacinada para acadar a inmunidade de grupo, unha cifra practicamente imposible, tendo en conta que Galicia ten un 9,1% de poboación menor de 12 anos, para a que aínda non hai vacina autorizada

Un 90% é unha porcentaxe elevadísima que é practicamente imposible acadar neste momento, pois Galicia conta cun 9,1% de poboación menor de 12 anos, que nestes momentos aínda non poden ser vacinados (non foi autorizada ningunha vacina para este grupo de idade, á falta de ensaios clínicos en nenos e nenas). Polo tanto, o máximo que se podería acadar, de conseguir vacinar ao 100% da poboación diana, sería ese 90,9%. Noutros territorios con máis nenos e nenas, a porcentaxe de poboación vacinable é aínda máis pequena, ficando por debaixo do 90%

"Ogallá poidamos usar pronto algunha vacina entre os menores de 12 anos, pero de momento non pode ser. Isto fai que na poboación maior desa idade haxa que acadar porcentaxes de poboación vacinada superiores ao 95%, para achegarnos así ao desexado 90% da poboación total", destacaba Caamaño na entrevista.

Nestes momentos, o 88,3% da poboación de 12 a 19 anos conta cunha dose da vacina, o que sitúa a Galicia por riba da media española (77,1%). Porén, só o 29,2% ten a pauta completa. A vindeira semana ao redor de 90.000 mozos e mozas de menos de 20 anos serán convocados e convocadas para recibir a segunda dose.

A vindeira semana ao redor de 90.000 mozos e mozas de menos de 20 anos serán convocados e convocadas para recibir a segunda dose

Ata agora, no grupo de idade de 12 a 19 anos concéntrase o maior número de persoas que en Galicia carece da pauta completa (alén dos e das menores de 12 anos). Porén, a partir do día 19, non será previsiblmente este grupo o máis atrasado no proceso de vacinación.

Podemos supor que a inmensa maioría das persoas (deste grupo de idade e doutros) que recibiron a primeira dose da vacina acudirán á cita para a administración da pauta completa. Neste momento, o grupo de 12 a 19 anos presenta unha porcentaxe de poboación vacinada (o 88,3%, cando menos cunha dose) superior ao grupo de 20 a 29 (82,4%) e, sobre todo, superior ao grupo de 30 a 39 anos (79,4%), que pode converterse na xeración menos vacinada en Galicia. 

Ademais dos menores de 12 anos (250.000 persoas), a partir da vindeira semana o grupo máis importante pendente de ser vacinado será o de 30 a 39 anos (unhas 66 mil persoas), seguido dos de 20 a 29 anos e 40 a 49 anos (unhas 40 mil persoas en cada caso)

A xeración de 40 a 49 anos presenta porcentaxes superiores ao 90%, o grupo de 50 a 59 anos está por riba do 95% e o de 60 a 69 anos rolda o 99%. Por riba de 70 anos a porcentaxe oficial é do 100%, aínda que poida haber algún individuo concreto pendente de ser vacinado.

Así, deixando á marxe aos e ás menores de 12 anos (ao redor de 250.000 persoas en Galicia), a partir da vindeira semana o grupo máis importante pendente de ser vacinado será o de 30 a 39 anos (unhas 66 mil persoas), seguido dos de 20 a 29 anos e 40 a 49 anos (unhas 40 mil persoas en cada caso) e dos de 12 a 19 anos e 50 a 59 anos (unhas 20 mil persoas en cada caso). En total, ademais das devanditas 250 persoas menores de 12 anos, a partir do 19 de setembro quedarán outras 190.000 persoas que podendo ser vacinadas aínda non terán completado o proceso de inmunización. 

Os vindeiros luns 13 e martes 14 habilitaranse puntos de vacinación nos campus universitarios galegos para administrar doses a estudantes, persoal administrativo e docente

Ao igual que este sábado comezará a fórmula de vacinación sen cita previa, os vindeiros luns 13 e martes 14 habilitaranse puntos de vacinación nos campus universitarios galegos para administrar doses a estudantes, persoal administrativo e docente, o que pode contribuír a reducir a cifra de persoas pendentes de vacinar especialmente no grupo de 20 a 29 anos.

Sobre o grupo de menores de 12 anos, Francisco Caamaño alertou dos problemas que aínda poden xurdir nos centros de Primaria e Infantil nos vindeiros meses, cunha maior posibilidade de contaxio que nos restantes niveis educativos, onde as vacinas reducirán en parte a probabilidade de transmisión. "Temos un problema cos nenos ata os 12 anos, que están sen vacinar. Creo que é algo que aínda vai tardar. Non temos esta vacina e mesmo cando a teñamos posiblemente xurdan temores e resistencias", di Caamaño. 

Galicia converterase nunha das primeiras comunidades que completa o groso da vacinación en todas as xeracións

En calquera caso, Galicia converterase nunha das primeiras comunidades que completa o groso da vacinación en todas as xeracións. A porcentaxe de vacinación con pauta completa supera claramente a media española en todos os grupos de idade. Aínda non o fai no caso da poboación máis nova (12 a 19 anos), pero farao a vindeira semana. Mesmo neste grupo, a porecenxe de mozos e mozas que recibiron a primeira dose (88,3%) é o segundo máis alto de todo o Estado, só por detrás do dato de Asturias.

230 concellos superan o 90% de poboación vacinada, encabezados por Sobrado e A Capela, ao redor do 97%

Dende hai uns días o Sergas vén difundindo a información sobre o avance do proceso de vacinación en cada concello, achegando as porcentaxes de persoas que en cada localidade recibiron unha dose ou a pauta completa. Os datos da pauta completa amosan que en 73 concellos máis do 90% dos seus e as súas habitantes contan xa con esta protección. As localidades coas cifras máis baixas de poboación inmunizada (agás excepcións: Beariz, Avión, Negueira de Muñiz) adoitan coincidir con aqueles cunha maior proporción menor de 20 anos, pois este grupo está aínda pendente da súa segunda dose.

En cambio, o seguinte mapa, que amosa as porcentaxes de persoas que recibiron a súa primeira dose, contempla xa a poboación menor de 20 anos e permite aventurar os lugares nos que a partir do vindeiro día 19 haberá máis poboación sen a pauta completa.

Un total de 230 concellos superan o 90% de poboación vacinada, encabezados por Sobrado e A Capela, ao redor do 97%. Nas cidades, as porcentaxes móvense entre as cifras de Santiago, Ferrol e Lugo (entre o 90% e o 91%) e as da Coruña e Vigo (ao redor do 88%).

No outro extremo atopamos de novo a Negueira de Muñiz (61%, o concello menos protexido de toda Galicia), Avión (69%) e Beariz (72%)

No outro extremo atopamos de novo a Negueira de Muñiz (61%, o concello menos protexido de toda Galicia), Avión (69%) e Beariz (72%). Tamén A Lama (75%) e Boborás (78%) baixan do 80%. No mapa advírtese que son os concellos do sur de Galicia, especialmente do interior da provincia de Pontevedra e do suroeste de Ourense os que pesentan cifras máis reducidas de vacinación. Pola contra, a maior parte da provincia de Lugo e o interior da provincia da Coruña presenta as cifras de vacinación máis elevadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.