Galicia está a piques de superar o limiar do 80% do total da súa poboación coa vacina completa contra a COVID. E, malia ás queixas lanzadas durante o mes de agosto, o número de doses dispoñibles permite que o vindeiro sábado, día 11, o Servizo Galego de Saúde vaia abrir os centros de vacinación masiva para que calquera persoa maior de 12 anos que aínda non recibise a súa primeira dose poida facelo sen necesidade de ter cita -a poboación menor de 16 anos terá que portar consentimento por escrito-. O mesmo sucederá, os días 13 e 14, nos sete campus universitarios.
O sábado, día 11, o Sergas abre os centros de vacinación da COVID para que calquera maior de 12 anos que aínda non teña a primeira dose poida recibila sen necesidade de cita previa
Con este pano de fondo e ante a evidente mellora de todos os indicadores epidemiolóxicos e de presión hospitalaria, o Goberno galego acelera nunha nova desescalada de restricións e faino comezando pola hostalería. Na liña do avanzado o pasado martes, a norma xeral será que ningún bar ou restaurante terá que volver pechar o seu interior, "con independencia da situación epidemiolóxica" do concello no que se atope. Ningún deles terá que restrinxir a súa capacidade, ademais, por baixo do 50%.
Así o avanzou este mércores en rolda de prensa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen ademais ratificou o mapa de restricións que estará vixente dende o sábado 11 (durante catro días, aínda coas limitacións na hostalería segundo o nivel do concello). Segundo o anunciado, xa non quedan concellos en nivel máximo e só cinco estarán no alto (Melide, Monforte, Curtis, A Pobra de Trives e Viana do Bolo).
A Xunta ten autorización para seguir limitando o dereito de reunión ata o día 18 e Feijóo di prever que "antes" estea "concretado un novo escenario"
Tamén admitiu Feijóo, a preguntas da prensa, que o seu Goberno aínda non ten fixado cando rematarán as limitacións aos encontros de non conviventes, que seguen fixadas en 10 persoas no exterior e 6 no interior, alén das prohibicións de madrugada. A Xunta dispón de autorización xudicial para manter esta restrición de dereitos fundamentais ata o 18 de setembro, lembrou Feijóo, quen agarda "concretar o novo escenario" antes desa data, diso sen achegar máis detalles alén de evidenciar que "a situación agora é moito mellor" que cando foron impostas estas limitacións.
O que si está xa definido é o novo protocolo para a hostalería. Dende o 15 de setembro, "a hostalería depende maioritariamente de si mesma", di Feijóo, porque a propiedade de cada local terá que elixir un dos dous niveis de "seguridade" que a Xunta define. Só volvería implantarse un modelo de restricións baseado na situación epidemiolóxica en "casos de gravidade extrema" e dunha "ocupación hospitalaria imprevista". Segundo Feijóo, a Xunta xa non manexa esta hipótese como "posible".
O novo protocolo da hostalería estará en vigor dende o 15 de setembro. Para acceder á máxima capacidade, os locais terán que cumprir requisitos como dotar o persoal de máscaras FFP2 ou manter un rexistro de clientela
Nos locais que a Xunta define como "tipo 1", o interior poderá estar ao 50% de capacidade e as terrazas, ao 75%. Neles, as mesas terán que seguir separadas un metro e medio e as normas de capacidade, expostas ao público como ata agora. Os seus medidores de CO₂ terán que comprobar os niveis cada catro horas e o persoal terá que portar máscara cirúrxica e pasar por un curso de formación nos protocolos que dure dúas horas.
Nos de "tipo 2", as terrazas poderán ofrecer todas as súas cadeiras e no interior estarán autorizados a ofrecer o 75% da capacidade e ademais, a atender na barra á clientela, aínda que só individualmente ou a un máximo de dúas persoas conviventes (Feijóo non especificou o xeito de realizar esta comprobación). Para acceder a este nivel, a Xunta indica que as persoas no interior dos locais terán que gardar distancia dun metro e medio e os locais, manter un rexistro de clientela. Ademais da formación no protocolo, o persoal terá que portar máscara FFP2 e someterse a probas diagnósticas cada 7 ou 14 días (Feijóo non aclarou cando será precisa unha ou outra periodicidade nos test). Nestes locais, a medición de CO₂ imponse como continua.
Alén da hostalería, a Xunta avanza dous axustes máis nos seus protocolos. Na liña do fixado na normativa estatal, os eventos deportivos baixo norma autonómica poderán cubrir o 60% da súa capacidade en recintos exteriores e o 40%, no interior (Feijóo indica que o DOG establecerá normas específicas para non prexudicar os recintos de menor dimensión. Ademais, os centros cívicos e sociocomunitarios poderán volver estar abertos en todo o país: en concellos en nivel máximo e alto de restricións terán autorizado o 50% de capacidade e no resto, o 75%.
A carga hospitalaria é a máis baixa dende finais de xullo e segue a descender
As cifras de casos novos as máis baixas dende xullo e a incidencia acumulada descende con claridade en todos os grupos de idade
As mudanzas nas restricións concretadas pola Xunta prodúcense nun contexto no que o avance da vacinación provoca sitúa a carga hospitalaria como principal indicador ao que ligar as medidas, en detrimento das cifras globais de casos novos e as consecuentes incidencias acumuladas. No caso galego, as 169 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus ás seis da tarde do martes supuñan o menor número dende o pasado 20 de xullo e tamén 39 menos que o mesmo día da semana anterior.
Corenta e nove destas persoas estaban en unidades de coidados intensivos, tres menos que unha semana antes. O pico de ocupación das UCI con pacientes coa COVID na chamada quinta vaga da pandemia situouse en 64, a finais de agosto. O pico de pacientes en coidados intensivos na vaga posterior ao Nadal, con incidencias semellantes pero aínda sen vacinas, superara os 250.
Neste contexto, o outro indicador asistencial de referencia, os casos considerados como positivos activos, tamén segue descendendo de xeito pronunciado. Ás seis da tarde do martes eran 5.177, un 33% menos que unha semana antes. Esta redución permite aliviar aos poucos a presión noutros elos do sistema sanitario, como a Atención Primaria ou o rastrexo.
Mentres, as cifras de falecementos de persoas que foran diagnosticadas como positivas na COVID-19 seguen roldando os 3 diarios, na media dos últimos sete días. O total sitúase en 2.592 no fin dunha vaga na que Galicia chegou a marcar unha media a 7 días de catro mortes diarias. Na vaga posterior ao Nadal, este indicador chegara a superar as 25 mortes ao día.
A redución de positivos activos débese ás altas epidemiolóxicas de persoas que deran positivo durante o mes de agosto, mais tamén á pronunciada baixada nas cifras de casos novos detectados. Os 150 comunicados este mércores pola Xunta, os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes, marcan outro mínimo en vinte e catro horas dende finais de xuño e a media a sete días de infeccións activas diagnosticadas segue baixando rumbo ás 200.
As cifras de casos novos detectados seguen baixando e iso implica que tamén o sigan facendo as incidencias acumuladas tanto a 7 como a 14 días. Os datos máis recentes publicados polo Ministerio de Sanidade acreditan que ese descenso se segue producindo en todos os grupos de idade e que o fai dun xeito máis pronunciado nos grupos máis mozos, os que estaba menos cubertos pola vacinación na vaga estival.