As novas normas da Xunta pola COVID para bares e restaurantes xa non estarán ligadas "á situación epidemiolóxica de cada lugar" e todo apunta a que os locais hostaleiros xa non terán que volver pechar aínda que o Goberno galego endureza as restricións no seu concello. As asociacións provinciais de hostalería finalizaron con este compromiso a videoconferencia mantida co vicepresidente primeiro da Xunta, o conselleiro de Sanidade e outros cargos.
O novo protocolo para a hostalería preverá que cada local elixa un dos dous niveis de medidas definidos pola Xunta, "con independencia da situación epidemiolóxica de cada lugar"
Á espera de que a Xunta revele o contido íntegro do novo protocolo, as asociacións do sector xa trasladaban á súa afiliación o que Presidencia e Sanidade bosquexaran nunha nota de prensa. Xa non vai haber peches da hostalería e cada local elixirá en cal dos dous novos niveis de medidas se quere situar. Haberá un de "seguridade básica" e outro, de "seguridade máxima". A máis "seguridade", máis posibilidade de ocupación por parte da clientela, que ademais poderá volver consumir nas barras. [Ningún bar terá menos do 50% de capacidade pola COVID e a Xunta aínda non fixa a fin do límite ás reunións de non conviventes]
Con Galicia a piques de traspasar a barreira do 80% da poboación con pauta completa da vacina contra o coronavirus, a Xunta aborda este martes o novo "marco estable" que rexerá na hostalería cos membros do comité clínico -o grupo de expertos que asesora o Goberno nas medidas contra a COVID, de cuxas reunións non existen actas-. O vicepresidente Rueda e o conselleiro Comesaña evitaron referirse a porcentaxes concretas de ocupación, pero si avanzan que esta nova apertura "estable" pretende "garantir o acceso" aos locais hostaleiros "con independencia da situación epidemiolóxica de cada lugar".
O que é presentado como un acordo co sector chega despois de que, a mediados de agosto, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulase a obriga de presentar o certificado de vacinación ou de test negativo da COVID para acceder ao interior destes establecementos. O TSXG consideraba que, nese punto do proceso de vacinación, a medida non era eficaz e ademais, supuña un agravio comparativo entre persoas vacinadas e as que aínda non podían estalo e mais entre os diferentes sectores económicos.
A menor hospitalización coa COVID dende finais de xullo
O novo protocolo para a hostalería suporá afondar na aposta por desligar as restricións da situación epidemiolóxica xeral (isto é, o número total de casos novos e a partir del, as taxas de incidencia), algo que países da contorna xa están a facer e que a propia Consellería de Sanidade vén aplicando durante este verán. Ante o avance da vacinación e a conseguinte redución de casos de enfermidade ligada ao virus, a tendencia xeral é ligar as futuras restricións á situación hospitalaria.
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, a situación desta variable é agora en Galicia a máis favorable en case dous meses. As 190 persoas coa COVID ingresadas nos hospitais galegos ás seis da tarde do luns eran trinta e catro menos que unha semana antes e a cifra máis baixa dende finais de xullo. Mentres, o Sergas notificou 157 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do domingo e a mesma hora do luns, a cifra máis baixa en vinte e catro horas en algo máis de dous meses.
Cara ao 80% da vacinación coa incidencia á baixa en todos os grupos
Mentres a Xunta ultima os axustes nas restricións, o proceso de vacinación continúa avanzando cara ao 80% da poboación total de Galicia coa pauta completa. Este martes, o balance do Ministerio de Sanidade reflicte que o Sergas administrou unhas 3.500 doses durante o luns (é habitual que a primeira xornada da semana se inxecten menos vacinas) e todos os grupos de idade agás as persoas de 12 a 19 anos, as últimas incorporadas, están xa por riba do 70% de cobertura con pauta completa.
Os grupos de idade máis mozos, os últimos en seren vacinados, seguen sendo os que marcan maiores incidencias acumuladas a 14 días. Non obstante, como amosan os gráficos sobre estas liñas, son tamén os que seguen trazando un descenso máis pronunciado.
Dose adicional da vacina para persoas con "grave inmunosupresión"
A Comisión de Saúde Pública conclúe que seguen sen existir "datos sólidos" que recomenden unha dose adicional para a poboación xeral.
O Ministerio de Sanidade comunicaba estes datos na xornada en que a Comisión de Saúde Pública do Consello Interterritorial de Saúde (conformado polo Ministerio de Sanidade e as comunidades autónomas) aprobou que reciban unha "dose adicional" da vacina "algunhas persoas en situación de grave inmunosupresión". A razón, indica o Ministerio, é que nestas persoas existe un "risco elevado dunha resposta inmune inadecuada" coa pauta completa convencional.
Persoas que recibiron transplantes ou sometidas a tratamentos con fármacos anti-CD20 (que se utilizan nalgúns tipos de cancro) serán as que reciban esta dose adicional. O relatorio de vacinas do Consello, agrega, continuará "revisando a evidencia" antes de decidir se tamén recomenda unha terceira dose para "outras situacións de inmunosupresión", como por exemplo para o conxunto de pacientes oncolóxicos que reciben quimioterapia.Alén destes colectivos, a Comisión de Saúde Pública conclúe que seguen sen existir "datos sólidos" que recomenden unha dose adicional para a poboación xeral.