Un erro na transmisión de datos provocou que a Consellería de Sanidade sumase este venres ao seu cómputo de casos da COVID detectados en Galicia os rexistrados en 36 horas, ata as 8 da mañá deste mesmo venres, 10 de setembro. Desa suma resultaban 247 casos novos, unha cantidade baixa en comparación coas rexistradas durante boa parte do mes de agosto, pero que suporía unha lixeira alteración na senda descendente dos últimos días e mesmos semanas.
O axuste deses datos a períodos de días naturais e aos períodos de vinte e catro horas que adoita utilizar o Sergas -das seis da tarde dun día á mesma hora do seguinte- permite concluír que o dato correcto da xornada serían 146 casos novos (na mesma xornada da semana anterior foran 235). No último día con datos completos dispoñibles, o mércores 8, foran 173.
Atendendo aos casos novos que o Sergas identifica como diagnósticos de infección activa, na última xornada enteira dispoñible e comparable foran tamén 173. Isto implica que a media diaria a sete días de infeccións activas diagnosticadas rolda agora as 196. Isto é, menos de 200 por primeira vez dende o pasado 2 de xullo.
Esta tendencia descendente deixa a incidencia acumulada a 14 días na contorna dos 142 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días descende ata os 50, sempre en termos de días naturais. Non obstante, os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade, pechados horas máis tarde, xa sitúan estes indicadores un chisco máis baixos.
Medio cento menos de hospitalizacións que hai unha semana
Cómpre ter en conta, en calquera caso, que os indicadores de casos novos e as consecuentes incidencias acumuladas van perdendo peso progresivamente para as autoridades sanitarias á hora de avaliar a gravidade da pandemia e, polo tanto, para establecer restricións. A razón non é outra que o avance do proceso de vacinación, que no caso galego chega xa case ao 80% da poboación total con pauta completa.
Por este motivo, Sanidade presta cada vez máis atención á carga hospitalaria e esta segue a baixar. As 152 persoas hospitalizadas con test positivo da COVID das que informou este venres o Sergas son case medio cento menos que unha semana antes. Un total de 43 estaban en unidades de coidados intensivos; hai sete días eran dez máis.
Todos os grupos de idade agás o de 12 a 19 anos están por riba do 75% de vacinación con pauta completa
Estes son os datos cos que Galicia chega ao novo mapa de restricións que estará vixente dende as 00:00 deste sábado, 11 de setembro, xa sen ningún concello en nivel máximo. Tamén é a senda descendente na que se aplicará, dende o próximo día 15, a relaxación de restricións no sector hostaleiro.
Todo iso sucede nun contexto no que, como en días anteriores, as maiores incidencias acumuladas seguen rexistrándose nos grupos de poboación máis novos, que son tamén os que trazan maiores descensos, segundo os datos por idades que divulga o Ministerio de Sanidade. Na recta final da inmunización para a poboación xeral, todos os grupo de idade agás o de 12 a 19 anos (cuxa vacinación se completará en breve) están por riba do 75% con pauta completa. Ademais, o Sergas prevé administrar durante a vindeira semana as terceiras doses para persoas inmunodeprimidas, na liña do establecido polo Consello Interterritorial de Saúde.