O ritmo de baixada da incidencia máis inmediata da COVID en Galicia é o maior no que vai de ano

Unha enfermeira do Sergas explica a unha moza como consultar o seu informe de vacinación tras recibir unha inxección contra a COVID-19, o pasado 20 de agosto na Cidade da Cultura CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

O Sergas notificou este xoves, 9 de setembro, 176 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do martes e a mesma hora do mércores. Na mesma xornada da semana anterior foran algo máis de 300. En termos de días naturais, nos catro últimos con datos completos dispoñibles (do 4 ao 7), os casos novos detectados foron menos de 200.

O descenso nas cifras de casos novos rexistrados -cunha media dunhas 176 infeccións activas diagnosticadas nos últimos sete días, indicador que baixa con forza dende principios de agosto- segue propiciando o descenso das incidencias acumuladas tanto a 14 (uns 157 casos novos por cada cen mil habitantes) como a 7 días (arredor de 55). Ambos valores son os máis baixos en dous meses, unha vez superada a que se deu en chamar quinta vaga da pandemia. Pero ademais, no caso da incidencia acumulada a sete días, a máis inmediata, o seu ritmo de descendo é o máis pronunciado no que vai de ano.

A cifra de infeccións activas diagnosticadas polo Sergas segue baixando e rolda as 176 na media diaria da última semana

O indicador mediante o que se observa o ritmo de ascenso ou descenso da incidencia é a coñecida como razón de taxas. Áchase dividindo a incidencia dun día determinado coa da mesma xornada, neste caso, da semana anterior. Se o valor resultante é inferior a 1 é sinal de que a incidencia descende e canto máis próximo estea a 0, maior é a velocidade de descenso. 

Como amosa o gráfico baixo estas liñas, a razón de taxas da incidencia acumulada a 7 días rolda agora 0,54 puntos, polo que a baixada é mesmo máis pronunciada que tras a vaga da pandemia posterior ao Nadal. Trátase de situacións comparables porque, ao contrario do que sucedeu durante gran parte do ano 2020, a comezos de 2021 a capacidade diagnóstica do sistema sanitario galego fronte á COVID -e no conxunto do Estado- era xa moi semellante á actual.

O descenso da incidencia acumulada a sete días rexístrase agora xa nas sete áreas sanitarias. A última en incorporarse á liña descendente foi a de Ourense, que deixa atrás un período de relativo estancamento. O mesmo sucede coa área de Lugo, que tras os ascensos de finais de agosto -ligados, entre outros, aos surtos en Monforte ou na residencia lucense das Gándaras- volve baixar con forza. A incidencia acumulada a 7 días máis baixa é agora a da área de Ferrol, con apenas 33 casos novos por cada cen mil habitantes.

Máis vacinación, menos hospitalización

A incidencia acumulada, así e todo, segue perdendo peso como indicador principal para as autoridades sanitarias á hora de afrontar a pandemia e establecer restricións. A causa non é outra que a ampla extensión da vacinación contra a COVID-19, que no caso galego xa chega a case o 80% da poboación con pauta completa. No seu lugar, os indicadores hospitalarios gañan importancia. [Ningún bar terá menos do 50% de capacidade pola COVID e a Xunta aínda non fixa a fin do límite ás reunións de non conviventes]

Co avance da vacinación, a hospitalización gaña peso como criterio para establecer restricións en lugar da incidencia. As 160 persoas ingresadas con test positivo da COVID son 46 menos que hai unha semana

Este indicador asistencial tamén continúa evolucionando favorablemente. As 160 persoas que estaban ingresadas nos hospitais galegos con test positivo do coronavirus ás seis da tarde do mércores eran 46 menos que as internadas unha semana antes. Corenta e tres delas estaban en unidades de coidados intensivos, dez menos que o mesmo día da semana anterior.

Mentres, as cifras de mortalidade ligadas á pandemia seguen roldando os 3 falecementos diarios de persoas que foran diagnosticadas como positivas por COVID-19 -o que non implica, necesariamente, que todas as mortes se producisen a causa do virus. O total sitúase en 2.595.

A outra cifra asistencial de referencia para o Sergas, o total de casos considerados como positivos activos, segue igualmente á baixa pola combinación de altas epidemiolóxicas e baixas cifras de casos novos. Ás seis da tarde do mércores eran menos de cinco mil por primeira vez dende mediados de xullo e quedaban en 4.793, cun descenso semanal do 36%. 

A vacinación avanza nas últimas semanas entre os grupos máis mozos, os máis afectados pola quinta vaga por seren os últimos en acceder ás vacinas. Na poboación de 20 a 29, a pauta completa xa supera o 75%

O pano de fondo desta mellora en todos os indicadores epidemiolóxicos e asistenciais amosa factores diversos. Algúns son de tipo socioeconómico, como a fin do groso do período vacacional, coa conseguinte diminución de mobilidade e turismo. Pero o contexto está marcado, sobre todo, polo determinante avance da vacinación nos grupos de idade máis mozos, os que máis sufriron a última vaga da pandemia por seren, precisamente, os últimos en seren incorporados á inmunización.

Segundo os datos divulgados polo Ministerio de Sanidade este 9 de setembro -correspondentes ao día 8-, Galicia segue camiñando cara ao 80% da súa poboación total coa pauta completa da vacina. No caso da poboación de 20 a 29 anos, un dos grupos que marcaron incidencias máis altas no verán, a cobertura coa vacina completa xa supera o 75% e na infancia e adolescencia de 12 a 19 anos xa rolda o 30%. O Sergas prevé que o groso da campaña de vacinación estea finalizada en apenas dez días, contra o 19 de setembro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.