O Sergas marcou o remate desta semana, na contorna do 19 de setembro, como referencia para o remate da vacinación masiva contra a COVID-19 en Galicia. Apenas catro días antes desa data, o 81,7% da poboación total do país xa recibira a pauta completa da vacina e algo máis do 85% tiña posta cando menos unha dose.
En máis de 180 concellos non houbo casos novos da COVID na última semana mentres a vacinación con pauta completa se achega ao 82% da poboación de Galicia
Mentres Sanidade admite que, unha vez finalizada a inmunización masiva do grupo de 12 a 19 anos, cumprirá abordar estratexias máis individualizadas para chegar a quen quede sen vacinar, os datos epidemiolóxicos seguen apuntando á mellora. O Sergas notificou este venres 102 casos novos -os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves-, a incidencia acumulada a 14 días está a piques de baixar dos 80 casos novos por cada cen mil habitantes e a 7 días, dos 30.
Alén desa foto fixa e ás portas dun novo levantamento de restricións, unha ollada ao mapa de incidencia permite comprobar como, con datos do día 16, en apenas medio cento de concellos se rexistraran máis de 10 casos novos da COVID-19 nas últimas dúas semanas. Mentres, nese mesmo período, eran 122 os municipios -sobre todo, de contornas rurais- sen caso novo ningún. A sete días, os concellos sen casos rexistrados xa soben ata 185.
Este será o mapa de incidencia co que Galicia estree, ás 00:00 deste sábado 18 de setembro, un novo mapa de restricións que cada vez o é menos. Un único concello, Monforte, estará en nivel medio e os restantes, no baixo. Todo isto tendo en conta que eses niveis de restricións xa só atinxen, a efectos prácticos, á actividade de pubs e discotecas.
Case 150 concellos con máis do 90% de cobertura coa pauta completa
Só media ducia de concellos, todos eles con escasa poboación, non superan aínda o 80% de cobertura da vacina con pauta completa
Mentres, alén de focos puntuais -como o detectado nun colexio de Foz, con 18 casos-, a situación epidemiolóxica acouga, o mapa que segue avanzando é o da vacinación. Son xa case 150 concellos nos que a pauta completa da vacina ten cuberta a máis do 90% da poboación e, con datos do día 16, a práctica totalidade da poboación galega reside en municipios que superan o 80% de habitantes con vacina completa.
Unicamente media ducia non acadaran aínda esa cota do 80% e todos son municipios con pouca poboación: Entrimo, Ramirás, Boborás, A Lama, Beariz, Avión e Negueira de Muñiz. Entre eles, só Avión e Negueira de Muñiz seguen por baixo dos 70% e en ambos as súas características demográficas no primei están intimamente vinculadas con esas baixas porcentaxes.
Con estas amplas coberturas da vacinación e ás portas do remate das inxeccións programadas, Sanidade volve abrir novas quendas para autocitas de persoas que aínda non recibisen a primeira dose. Este venres, por exemplo, habilitou 10.000. O Sergas prepárase, ademais, para pautar as doses de reforzo en residencias de persoas da terceira idade, unha vez que o Consello Interterritorial de Saúde -composto polo Ministerio de Sanidade e as autonomías- xa deu o visto e prace definitivo á súa administración.
As 116 persoas ingresadas con test positivo da COVID son 36 menos que hai unha semana
A alta cobertura da vacinación está tamén ligada a outro indicador que cada vez ten máis peso á hora de definir medidas ligadas á pandemia: a hospitalización. Non en van, na coñecida como quinta vaga da COVID, Galicia non chegou aos 350 ingresos simultáneos de persoas que deran positivo. Despois do Nadal, con incidencias acumuladas moi semellantes, achegárase aos 1.500.
Os datos máis recentes, pechados ás seis da tarde do xoves, indicaban que nos hospitais galegos había 116 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus, trinta e seis menos que unha semana antes e a cifra total máis baixa dende o 17 de xullo. Na UCI eran atendidas 32 persoas coa COVID, once menos que unha semana antes.
No que atinxe aos falecementos de persoas con test positivo do coronavirus, a media diaria da última semana rolda as dúas. O total sitúase en 2.614.