Con máis do 80% da poboación vacinada e á cabeza do Estado, o presidente di que Galicia é “a comunidade con menos vacinas por habitante”
“Eu traballei en Correos”, dixo este mércores no Parlamento o presidente Feijóo, que foi presidente desa sociedade estatal ha dúas décadas, como argumento para relativizar o que ao seu ver foi o único que fixo o Goberno de España na campaña de vacinación contra a COVID-19. “Iso foi o que fixo o Goberno, levar as vacinas dun lugar a outro”, dixo, mentres que atribuíu á Xunta o éxito dun dispositivo que sitúa a Galicia á cabeza das comunidades con máis porcentaxe de poboación vacinada, o 80%, en parte porque é das que ten a poboación máis envellecida. Malia ese feito, Feijóo insistiu en reprochar ao executivo de Pedro Sánchez que Galicia sexa “a comunidade con menos vacinas por habitante” xunto con Catalunya, ao tempo que acusou a BNG e PSdeG de usar a pandemia “politicamente”.
Feijóo di que o Sergas é "o mellor servizo sanitario de Europa" e Pontón dille que os médicos volverían a Galicia "con mellores contratos"
Na sesión de control ao Goberno galego deste mércores, no primeiro pleno do Parlamento tras o verán, a portavoz do BNG, Ana Pontón, puxo o foco nas eivas existentes na sanidade e reclamou á Xunta que retome todas as consultas presenciais na atención primaria, despois de que a Consellería de Sanidade revelase que o seu obxectivo é que este ano sigan sendo telefónicas o 40% delas. A resposta de Feijóo foi que as consultar presenciais aumentarán “segundo vaia remitindo a COVID” e avanzou que “nos próximos días” o Sergas permitirá que se poidan volver solicitar consultas presenciais a través da web ou do teléfono, o que non implica que finalmente esa consulta sexa presencial xa que previamente haberá un filtro.
Feijóo chegou a dicirlle a Pontón que o Sergas é “o mellor servizo sanitario de Europa” e, ao tempo que repasou as diversas obras realizadas en centros de saúde, asegurou que o problema de todas as comunidades é “que non hai médicos”. Pola contra, a portavoz nacionalista asegurou que os médicos volverían a Galicia “con mellores contratos”.
Feijóo gábase do aval do Supremo ao certificado COVID e Caballero aféalle que a Xunta tardase en sometelo á supervisión xudicial ata que así llo reclamou o Superior varias semanas despois
Previamente, durante o debate co portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, Feijóo xa acusara aos socialistas de “utilizar a pandemia politicamente en Galicia”. Tras a sentenza do Supremo que vén de avalar a esixencia do certificado COVID na hostalaría, o socialista lembrou que a Xunta non solicitou o permiso xudicial para esa medida ata varias semanas despois de decidila, cando o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia advertiu de que non se lle sometera para a súa avaliación.
“Cando se nos dixo que o tiñamos que pedir, automaticamente o solicitamos”, respondeu Feijóo sobre o aval xudicial que vén de obter agora á súa decisión de mediados de xullo que non someteu á xustiza ata mediados de agosto. Un certificado COVID que, cando menos de momento e á espera de novas avaliacións por parte de Sanidade, Feijóo non prevé seguir aplicando malia gabarse do aval recibido por parte do Supremo. Uns vaivéns do certificado COVID que Feijóo atribuíu á “inacción do Goberno central”.
Pola contra, a valoración de Caballero no inicio do curso político é que durante o verán constatouse, na sanidade, na educación ou na industria, que "alí onde o Goberno galego ten competencias, encontramos tantas eivas que é un goberno que non dá resposta á cidadanía".