Nos primeiros días de agosto, o Tribunal Superior de Xustiza suspendeu a obriga de exhibir un certificado de vacinación completa contra a COVID-19, de test negativo nesta doenza ou de ter a enfermidade superada para consumir no interior de bares, restaurantes, pubs e discotecas, e acceder a algúns outros establecementos de lecer. A Xunta estendera este requisito dende finais de xullo.
O Supremo, ao contrario que o TSXG, considera que amosar o certificado de vacinación, de test negativo ou de ter a enfermidade superada é unha medida "axeitada" e "acorde coas esixencias" de "protección da saúde" e sen impacto excesivo en dereitos como a intimidade ou a igualdade
O TSXG freara a medida porque o Goberno galego non lle pedira permiso para aplicala. Cando o fixo, o Tribunal denegouno ao considerar que non era eficaz, que introducía agravios comparativos con outros sectores. Ademais, concluíu expuña ao persoal dos locais ao contaxio e impactaba en exceso sobre a intimidade, entre outros argumentos.
Diante desta negativa, a Xunta reformulou as súas restricións para a hostalería -incluíndo a redacción dun novo protocolo que ata agora tiña previsto aplicar dende este 15 de setembro-, mantendo en suspenso o requirimento do certificado. Pero tamén formulou un recurso ante o Tribunal Supremo, que vén de ditar sentenza este 14 de setembro avalando a petición do Executivo galego e dándolle luz verde para poder esixir o certificado COVID na hostalería e tamén en establecementos de "lecer nocturno".
A xuízo da sección cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do TS, a esixencia de amosar o certificado COVID (de vacinación, de test negativo ou de ter a enfermidade pasada) é "axeitada" e "acorde coas esixencias" de "protección da saúde" para acceder a locais onde a entrada, subliña, é "voluntaria". Ao contrario do considerado polo alto tribunal galego, o Supremo non ve vulnerado o dereito a igualdade, "porque non se produce discriminación" entre persoas vacinadas e quen aínda non o estea e a "tripla modalidade" do certificcado é "asequible a todos".
A sentenza non ve excesiva a información médica que cómpre compartir cos locais de lecer mediante a exhibición do certificado e comparte coa Xunta que a introdución desta esixencia serve para "incentivar a vacinación"
Tampouco observa o Supremo que ter que amosar o certificado COVID vulnere o dereito á intimidade nin que "poida esgrimise a prevalencia deste dereito" sobre unha medida que está orientada, defende, a conter os contaxios. "A única información que se achega" é se a persoa que accede ao local "recibiu a vacina ou non, se ten a infección ou se xa se recuperou", non outros datos da historia clínica. Ademais, agrega, a información non fica almacenada en ficheiro ningún. Daquela, razoa, trátase dunha media "proporcionada".
Alén da súa propia doutrina e razoamentos xurídicos, o Tribunal apoia tamén a súa decisión en informes remitidos pola Consellería de Sanidade que, cita, subliñan aspectos como que "as persoas non vacinadas reducen significativamente o seu risco de infectarse e desenvolver a COVID-19 no caso de entrar en contacto cun caso COVID que si está vacinado". Tamén que a propia implantación do certificado para acceder a actividades de lecer "permitiu aumentar o control da enfermidade, incentivando a vacinación".
O aval do Supremo chega na véspera da implantación do novo protocolo da Xunta para a hostalería que, cando menos de momento, segue adiante segundo o previsto
Todos estes aspectos, ademais de que a medida foi deseñada como temporal e para os concellos nos niveis máis altos de restricións -non se aplicaba de maneira homoxénea en todo o territorio- sérvenlle ao Supremo para lle dar a razón á Xunta. Con este ditame non concorda un dos membros da sala, o maxistrado Antonio Jesús Fonseca-Herrero, que observa na imposición do certificado COVID na hostalería, pubs ou discotecas unha afectación "severa, extensa e intensa" dos dereitos á igualdade e á intimidade. Tampouco ve "acertado" que a Sala -na liña do defendido pola Xunta- conclúa que manter pechados locais coma estes poida "derivar en concentracións na vía pública".
Unha vez recibido o aval do Supremo, resta saber cal será a actuación da Xunta nos vindeiros días, máis aínda tendo en conta que ata agora tiña proxectada a entrada en vigor do novo protocolo da hostalería dende este mércores, día 15. Nunha primeira reacción, fontes da Consellería de Sanidade sinalan que o novo protocolo, que non contempla o certificado COVID e que foi presentado polo propio Alberto Núñez Feijóo como unha alternativa a esta medida, segue adiante segundo o previsto. Nesta liña, escasas doce horas antes da súa entrada en vigor, a Xunta publicou no DOG a nova versión do Plan de hostalería segura, coas normas do novo protocolo, aínda sen efecto ningún da sentenza do Supremo.