Un mapa de restricións que, a efectos prácticos, deixa de ser tal. Galicia despedirá a semana na que superou o limiar do 80% do total da súa poboación vacinada contra o coronavirus dicindo tamén adeus ás restricións ao dereito fundamental de reunión que, cando menos sobre o papel, aínda permanecían.
Dende o sábado, 18 de setembro, desaparece as restricións horarias e de máximo de persoas para os encontros entre non conviventes
Este mércores, o presidente da Xunta suxeriu e a Consellería de Sanidade confirmou que, dende as 00:00 do sábado, 18 de setembro, decaerán as limitacións aos encontros entre non conviventes que o Goberno galego recuperara a finais de xullo, restrinxindo as reunións a un máximo de 6 persoas baixo teito e 10 no exterior e prohibíndoas, segundo o nivel do concello, durante as horas da madrugada en que a hostalería ou pubs de discotecas tiñan que permanecer pechados. "Agora -admite Feijóo- non ten moito sentido". Permanece sen mudanzas a obriga de portar máscara cando non exista distancia de seguridade entre non conviventes.
Así, dende o sábado, a única diferenza práctica entre o único concello no nivel medio de restricións -Monforte- e todos os demais, no nivel baixo, será a capacidade máxima das terrazas de pubs e discotecas, 75% no primeiro caso e 100% no segundo. Polo demais, en todo o país desaparece o veto ás reunións entre non conviventes e, igualmente, en todo o territorio rexe o novo protocolo para a hostalería, que non depende da situación epidemiolóxica e no que ningún bar terá menos do 50% de capacidade. En todos eles, o máximo de persoas por mesa amplíase de 6 a 8 en interiores e de 10 a 15 en terrazas, tamén dende o sábado 18.
Resta saber, non obstante, se a publicación da correspondente orde o Diario Oficial de Galicia trae tamén consigo relaxacións de restricións noutros ámbitos aínda limitados. É o caso, por exemplo, dos números máximos de persoas en diversas actividades sociais ou económicas, así como recintos deportivos -neste caso, son actividades parcialmente condicionadas pola normativa estatal-, entre outros.
Tamén cómpre agardar -neste caso, previsiblemente máis tempo- ata saber se, tras o aval do Tribunal Supremo á presentación na hostalería do certificado de vacinación, de test negativo ou de ter a enfermidade superada, a Xunta opta por recuperalo neste ou noutro sector. Polo momento, Feijóo reclama ao Goberno de España que o incorpore como requisito para "determinadas actividades" ou para períodos de maior incidencia da COVID.
Incidencia a 14 días por baixo de 100, dous meses e medio despois
A pronunciada desescalada de restricións nas últimas semanas e a que está por vir dende o vindeiro sábado, no caso galego, chega nun contexto no que a alta porcentaxe de vacinación segue cadrando cunha liña descendente dos principais indicadores epidemiolóxicos. O Sergas notificou este mércores 113 casos novos, os rexistrados entre as seis da tarde do luns e a mesma hora do martes. En termos de días naturais, os últimos dous completos dispoñibles (domingo e luns) están por baixo de cen e a media a sete días de infeccións activas segue baixando cara ás 130.
Estas cifras permiten que as curvas das taxas de incidencia acumulada continúen baixando. O indicador a 14 días baixa dos 100 casos novos rexistrados por cada cen mil habitantes por primeira vez nos últimos dous meses e medio e a 7 días rolda os 35. A tendencia é tamén claramente á baixa nas sete áreas sanitarias, sen excepción.
As incidencias baixan e tamén o fan as cifras de carga hospitalaria que, co avance da vacinación, teñen aínda máis peso que os totais de casos á hora de adoptar restricións. As 134 persoas ingresadas con test positivo da COVID que se rexistraban ás seis da tarde do martes eran 35 menos ca unha semana antes e tamén a cifra máis baixa dende o 18 de xullo. Trinta e cinco delas estaban na UCI, 16 menos que hai unha semana.
Neste contexto, tamén segue descendendo o outro indicador asistencial de referencia, o dos casos positivos activos. Ás seis da tarde do martes eran 3.010, un 41% menos que unha semana antes. Mentres, as cifras de falecementos de persoas que deran positivo por COVID-19 seguen roldando unha media de 3 nos últimos sete días. O total chega a 2.610.
81% da poboación con pauta completa e máis do 60% do grupo 12-19
Todos estes datos epidemiolóxicos rexístranse tras unha xornada na que o Sergas administrou algo máis de 20.000 doses de vacinas contra a COVID-19, boa parte delas para seguir completando pautas entre a infancia e mocidade de 12 a 19 anos. A cobertura neste grupo de idade aumenta máis de dez puntos en vinte e catro horas e xa supera o 62% con pauta completa, porcentaxe que entre o conxunto da poboación xa sobe do 81%. Isto implica que en Galicia xa está completada a campaña de vacinación ao 89%.
Neste contexto, actualmente o grupo de idade incluído na campaña de vacinación que presenta unha menor cobertura con pauta completa é o das persoas de 30 a 39 anos, que así e todo están preto do 80%. No conxunto da poboación maior de 40 anos, a protección con pauta completa acada o 96,3%. No conxunto do Estado, a vacinación con pauta completa sobre a poboación total vén de chegar ao 75%.