O Sergas notificou este 30 de setembro 22 casos novos da COVID-19, os rexistrados entre as seis da tarde do mércores e a mesma hora do xoves. É a cifra máis baixa nun destes ciclos de vinte e catro horas dende finais de xullo de 2020, cando a capacidade diagnóstica do sistema sanitario era moi inferior á actual. En termos de días naturais, son xa 12 seguidos por baixo dos cen casos novos rexistrados e cinco con menos de 50 en todo o país.
O Sergas leva case dúas semanas rexistrando menos de cen casos casos diarios e a Xunta admite que a incidencia vai perder máis peso como criterio para establecer restricións
Esta boa situación epidemiolóxica, paralela ao avance da vacinación, deixa apenas unha ducia de concellos con máis de 10 casos novos rexistrados nas últimas dúas semanas e un total de 14 con dez ou máis. Nos restantes 299 houbo menos dunha decena de casos, entre eles dúas cidades: Lugo e Ferrol. Entre eles inclúense 182 sen caso ningún nos últimos 14 días e ata 240 que nos sete días previos estiveron libres da COVID, sempre con datos pechados a 29 de setembro.
Estas baixas cifras de novos casos detectados permiten que sigan a descender as taxas de incidencia acumulada tanto a 14 (xa preto dos 30 casos novos por cada cen mil habitantes) como a 7 días (na contorna dos 10). Neste contexto, a Xunta admitía este mesmo xoves que estas cifras continuarán a perder peso á hora de determinar as súas medidas e posibles restricións fronte á pandemia, que se centrarán máis en conter "brotes esporádicos", segundo avanzou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Os novos criterios, non obstante, ficarán plasmados nun novo protocolo que aínda está a ser elaborado.
Apenas medio cento de persoas no hospital coa COVID
Coa extensión da vacinación, eses indicadores de incidencia acumulada xa foron perdendo peso á hora de fixar restricións mentres o ían gañando os indicadores asistenciais dos hospitais. As cifras de novas hospitalizacións levan máis dun mes descendendo -a Xunta manexa este dato e transmíteo ao Estado, pero non o divulga- e esta realidade séguese a reflectir na foto fixa dos centros hospitalarios que o Sergas transmite cada día.
Ás seis da tarde do mércores había 54 persoas ingresadas con test positivo do coronavirus nos hospitais galegos. Eran 8 menos que unha semana antes e dentro do total, quince estaban en coidados intensivos. Hai unha semana, os pacientes co coronavirus na UCI eran 19.
No que atinxe aos falecementos de persoas coa COVID-19 -non todos eles atribuíbles directamente á enfermidade-, as cifras seguen por baixo dunha media de 2 ao día nas últimas sete xornadas. O total dende o comezo da pandemia é xa de 2.637.
O grupo de 20 a 29 supera o 80% con pauta completa e o de 12-19 achégase ao 90%
Non é posible entender ningunha das anteriores cifras sen observala ao carón do avance da vacinación. Mentres continúan pechando os centros de inmunización masiva do Sergas polo amplo avance da campaña, a porcentaxe de poboación con pauta completa da vacina segue roldando o 83% e un grupo de idade máis, o da poboación de 20 a 29 anos, superou xa o 80% de cobertura.
A cobertura da vacina con pauta completa supera xa o 90% da 'poboación diana' da campaña de vacinación
Mentres, o último grupo de idade incorporado á vacinación, o infancia e mocidade de 12 a 19 anos, achégase xa ao 90% de cobertura. Deste xeito, xa hai un único grupo, o de 30 a 39 anos, que segundo os datos transmitidos polo Sergas ao Ministerio de Sanidade está por baixo do 80% con pauta completa.
Estes avances supoñen que máis do 90% da poboación incluída na campaña de vacinación (de 12 ou máis anos) completase xa a pauta. Mentres, por outra banda, Sanidade dá xa por concluída a administración das terceiras doses nas residencias da terceira idade e continúa administrando as das persoas con autocita.